Chiscarlle o ollo ao teu gato pode comunicarte con el, di un estudo

Científicos británicos constatan nun experimento que mover as pálpebras lentamente e de forma relaxada fai sentir cómodos aos felinos

Os investigadores británicos describen como mover o ollo lentamente, abríndoo e pechándoo, pode facer que os gatos se sintan cómodos con persoas descoñecidas.
Os investigadores británicos describen como mover o ollo lentamente, abríndoo e pechándoo, pode facer que os gatos se sintan cómodos con persoas descoñecidas.

É sabido desde hai miles de anos que os animais domesticados son sensibles aos sinais humanos, o que facilita a comunicación entre eles. O ollo é un dos elementos que máis intervén neste contacto, pola súa relevancia para expoñer emocións. Nisto afondou un estudo elaborado por científicos británicos que acaba de publicar a revista Scientific Reports. Os resultados suxiren que as secuencias de movemento lento das pálpebras, chiscando o ollo, “poden funcionar como unha forma de comunicación emocional positiva entre gatos e humanos”.

Estes animais domésticos teñen sona de seren distantes e, ás veces, indiferentes ao que acontece no fogar, especialmente en comparación cos cans. Pero o estudo vén apuntar a unha posible vía de contacto cos humanos a través dunha expresión habitual na súa cara. A investigación apunta a que os felinos detectan o movemento de abrir e pechar lentamente o ollo como unha especie de sorriso, polo cal adoitan achegarse e ser receptivos, tanto a persoas coñecidas como a estraños.

“É algo que moitos donos de gatos xa sospeitaban, polo que resulta emocionante encontrar unha evidencia disto”, destaca Karen McComb, psicóloga da Universidade de Sussex.

O experimento agora publicado apunta a que se os humanos replican este movemento, os animais poden identificalo como un sinal de proximidade e relaxación, despois de observar que se comportaban de forma distinta ante as persoas que repetían este movemento.

No primeiro experimento, os propietarios chiscaron lentamente o ollo diante de 21 gatos de 14 fogares distintos. Cando o gato estaba acomodado no lugar, indicóuselle aos propietarios que se sentaran a un metro de distancia, abrindo e pechando o ollo. Unhas cámaras gravaron a felinos e humanos, e comparáronse coa forma na que os gatos chiscan os ollos sen interacción humana.

Os resultados amosaron que os gatos son máis propensos a mover as pálpebras lentamente diante dos humanos se estes fan antes o mesmo, en comparación coas situacións nas que non hai interacción.

Un segundo experimento incluíu 24 gatos de oito fogares distintos. Pero foron os propios científicos os que chiscaron o ollo, sen ter anteriormente contacto cos animais. Engadíronse tamén, como control, gatos que estaban diante de persoas que non movían o ollo.

E comprobouse, a pesar do descoñecemento entre humanos e animais, que estes últimos eran máis propensos a responder chiscando o ollo e mesmo a achegarse á man da persoa despois de comunicarse con ela.

“É o primeiro estudo que investiga de forma experimental o papel do movemento lento das pálpebras na comunicación entre gatos e humanos”, engade Karen McComb. “Podemos probalo nós mesmos, co propio gato doméstico ou con outros”, di a investigadora, que achega as claves para comunicarse: Intenta miralos cos ollos entreabertos, como farías nunha contorna relaxada, sorrí e despois pecha os ollos durante un par de segundos; verás que eles responden e podes iniciar unha especie de conversación”, sostén.

Por agora non se sabe por que os gatos se comunican precisamente a través deste movemento. Interpretouse como un medio de sinalar intencións positivas, xa que, pola contra, crese que interpretan a mirada fixa e constante como unha ameaza. Pero tamén é posible que desenvolveran a expresión despois de que os humanos responderan positivamente a ela.

Establecer estas canles de contacto pode axudar a mellorar a saúde emocional do gato e, por extensión, da contorna na que viven. “Comprender as formas positivas nas que os gatos e humanos interaccionan pode mellorar o benestar do animal e revelar novos detalles sobre as  habilidades sociocognitivas da especie”, conta a psicóloga Tasmin Humphrey, tamén da Universidade de Sussex.


ReferenciaThe role of cat eye narrowing movements in cat–human communication (Publicado en Nature Communications).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.