A UVigo arquivou a investigación por supostas estadías falsas tras a desaparición de probas

A eliminación do rexistro de entrada no edificio onde ten a súa sede o equipo AA1 condicionou o proceso que solicitaron 13 persoas

A Universidade de Vigo (UVigo) arquivou a investigación por supostas estadías falsas no grupo AA1 tras a desaparición de probas. Este é o mesmo equipo no que se produciu unha presunta agresión o pasado 23 de xaneiro e que acabou no xulgado. O conflito produciuse nun clima de extrema tensión derivado da segregación física do equipo. A discordia dentro do grupo xa se viña cultivando dende anos atrás. De feito, unha das denuncias que precederon á división presentouse en 2021, cando 13 doutorandos acusaron o presunto agresor, o profesor Miguel Ángel Prieto, de promover presuntas estadías falsas en Portugal para acceder a fondos e así financiar a actividade do equipo. A investigación encallou pola desaparición dos rexistros de entrada do Citexvi, o edificio da UVigo onde ten a súa sede o grupo de Prieto. Estes datos serían claves para esclarecer os feitos.

O escrito presentado ante o reitorado denunciaba a concesión de axudas para a mobilidade a un grupo elevado de membros da delegación viguesa do AA1, liderada por Prieto, pero que dependía da matriz principal de Ourense. Os denunciantes detectaron irregularidades na concesión das estadías, que podían acadar ata os 2.000 euros. Na denuncia considerábase especialmente sospeitoso que os beneficiarios do grupo AA1 liderado por Prieto realizasen os desprazamentos nas mesmas datas e no mesmo centro de investigación en Portugal. “Cando deberían estar facendo a estadía, viámolos todos os días na cafetería”, lembra Mauro Lago, promotor da denuncia que, naquel 2021, era estudante de doutoramento na UVigo, pero alleo ao AA1. Tras as sospeitas, el e outros 12 estudantes presentaron a denuncia ante o reitorado.

Publicidade

Segundo o relato de Lago, reuníronse co reitor en novembro de 2021, quen lles confirmou que abrirían unha investigación para estudar o caso. Con todo, o agora investigador posdoutoral asegura que nunca tiveron constancia por escrito da resolución e que todo quedou en “papel mollado”. Preguntado a este respecto, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, asegura que, a raíz da denuncia, “se promoveu un cambio normativo”. “As axudas daquel ano que non foron axeitadamente xustificadas non se pagaron. Agora temos un maior número de controis”, sentenza. Porén, o profesor Prieto seguiu no seu cargo coas mesmas responsabilidades e sen que se lle aplicase ningunha sanción.

Controis de acceso

Lago lembra que lle suxeriron á mediadora do caso, a profesora María José Bravo Bosch, que se revisase o control de acceso ao Citexvi, o centro no que traballaba a delegación viguesa do AA1 dirixida por Prieto e no que investigaban os 13 alumnos denunciantes, dos que tan só unha fora integrante entre 2019 e 2020 do grupo do profesor. Os rexistros de entrada serían fundamentais para demostrar que os membros do grupo AA1 estaban en realidade no Citexvi, en vez de no seu centro de destino. “Tardaron moito tempo en investigalo. Dixémoslle que se collían o rexistro dos últimos meses, se darían conta. O control de acceso resetéase de forma automática a finais de ano”, asevera Lago. Preguntado a este respecto, o reitor recoñece o seguinte: “Houbo probas que non se puideron practicar”.

Publicidade

Reigosa confirma que se resolveu o caso e que non se impuxo ningunha sanción porque non atoparon “probas fidedignas en contra desas persoas”. Porén, unha das denunciantes era a investigadora Celia Jiménez, que realizara parte da súa etapa posdoutoral baixo a dirección de Prieto. Ela recoñeceu nunha peza publicada en GCiencia que solicitou, instigada por Prieto, tres axudas á mobilidade das que só realizou unha. Jiménez asegura que o profesor non percibía beneficio económico da solicitude destas estadías, pero alega outras motivacións: “El gañaba porque, como a maioría non tiñamos contrato, era a súa forma de pagarnos. Dicíanos que con eses 2.000 euros xa tiñamos para tirar uns meses”.

Controis máis estritos

Pese a este testemuño, o reitor reitera que non atoparon probas que mostrasen mala praxe por parte do grupo, polo que se resolveu o caso. Non obstante, dende o equipo de Reigosa tomouse a decisión de cambiar a normativa e esixir controis máis estritos, tal e como solicitaron os 13 estudantes na denuncia presentada. “Esa modificación fixo que non se pagaran estadías que non puideran ser axeitadamente xustificadas. Corriximos esa posible irregularidade”, engade. Reigosa insiste en que esa nova normativa segue vixente, é máis estrita que a anterior e considera “case imposible” que se volvan cometer fraudes ao respecto.

Un longo proceso

María José Bravo Bosch, quen declinou facer declaracións ao respecto, enviou un correo aos denunciantes o 8 de febreiro de 2022 para citalos tres días despois e abordar o caso nunha reunión presencial. É dicir, que a investigación non comezou ata máis de tres meses despois da presentación da denuncia. “Bravo Bosch escoitou a nosa versión e anotou todas as probas que puido para, despois, decidir as medidas a tomar. Parecía serio. Démoslle os documentos, reunímonos con ela e comezou a pedir xustificantes ao grupo de Prieto”, lembra Lago. Non obstante, o tamén membro da Rede Galega pola Investigación (Investigal) recoñece que nunca recibiron comunicación por escrito da apertura da investigación nin do arquivo do caso.

“Déronlles dúas semanas para xerar facturas e demostrar que estaban indo a Portugal, pero a proba principal, que eran os controis de acceso do Citexvi, xa non estaban. Déronlles tempo para fabricar probas“, lamenta. E continúa: “Bravo Bosch pediulles os documentos para xustificar que estiveran en Portugal. Había unha persoa que si que esta alí e tiña alugada unha habitación ou un piso. Ao parecer, xustificaron que todo o mundo estaba quedando alí. Como se fosen as facturas do gasoil… Valeulles iso”, incide Lago.

“Despois pedían que tiveras un contrato de aluguer, uns billetes de avión… O grupo de Prieto estivo algunhas convocatorias sen pedir apenas estadías, pero volveron facelo de novo”, argumenta. De feito, el detecta grandes similitudes entre o 2021 e as resolucións de axudas da UVigo en cursos posteriores. No 23/24 concedéronlle estadías a oito membros actuais do grupo NuFoG que dirixe Prieto: dúas a Serbia, unha a Polonia e outras cinco en Portugal (tres en Bragança e dúas en Porto). No documento aparecen os destinos e as contías, pero non a data na que se realizarían as estadías que, segundo Lago, si aparecía en anteriores convocatorias. O denunciante ve un patrón que se repite, malia as medidas que supostamente tomou a UVigo tras a denuncia.

“Esa xente está a levar cartos e os méritos de facer unha estadía que despois porán no currículo. Ao final estamos a competir con xente que está xogando co sistema a nivel ético“, lamenta. Tras a reunión co reitor en novembro e coa mediadora en febreiro, Lago declara que non obtivo máis comunicación por parte da universidade, nin el nin o resto de membros do grupo denunciante. Cre, botando a vista atrás, que se enteraron por outras persoas do proceso. “Déronnos os parabéns por facelo e dixéronnos que estaban orgullosos de que a comunidade educativa se preocupara, pero eu creo que volveu pasar o mesmo. Quedou en papel mollado”, lamenta.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

  1. Moi bo artigo, que saca a relucir un pouco máis o iceberg deste grupo.
    Espero que pronto saquedes algo relacionado coas prácticas desleais que usa este grupo, incluido o seu grupo adversario, para inflar os seus perfís científicos a base de realizar numerosas compilacións bibliográficas nas que se incluen case tódolos membros do grupo.
    Estas “reviews” son carameliños para gañar citas sen requerir un traballo experimental, simplemente vivir do traballo e avance no campo que fan outros investigadores. Estas reviews cítanse constantemente xa que conteñen datos e afirmacións moi xerais que calquera investigador precisa normalmente para redactar a parte de introducción nos artigos científicos. Esto pódese comprobar no seu perfil de Google Scholar: https://scholar.google.com/citations?user=lQJm_2wAAAAJ&hl=es&oi=ao
    Debido a estas prácticas, moitos dos seus alumnos, teñen indicadores de rendemento e citas moi superiores a incluso investigadores principais doutros grupos da Uvigo. Sobra decir que nas convocatorias para proxectos e becas esto fai que compitan deslealmente con xente que se dedica a traballar no laboratorio para o progreso científico, do cal toda este grupo coas suas prácticas se beneficia enormemente. De feito, esas axudas a mobilidade seguramente fosen dadas pola ventaxa desleal que teñen. Eso si, malia ter algúns traballos experimentais, estes son na súa gran maioría de baixa calidade e colocados en revistas de cuestinables prácticas. De feito, teñen algún artigo, “review”, retractado por detectarse fallas no sistema de revisión da revista, o que podería ser un indicativo de rede de favores (por demostrar).
    A Uvigo ten outros sangrantes casos nos que non se fixo absolutamente nada, como técnicos de buceo furtivos (https://www.farodevigo.es/mar/2015/06/02/requisan-85-kilos-pulpo-tres-16899019.html), tódolos casos de acoso laboral de Javier Montalvo e a Fundación Mátrix (https://www.farodevigo.es/gran-vigo/2025/05/30/sancionan-fundacion-uvigo-acoso-laboral-117999613.html), o misóxino Sergio Pajares (https://www.farodevigo.es/gran-vigo/2016/01/22/pajares-juez-reconoce-palabras-son-16716532.html), etc.
    Polo tanto, é de esperar que tampouco pase nada. Eso sí, tanto os directores como os membros do grupo están quitándolle a oportunidade a moitas persoas de ser científicos honestos e darlle á universidade e o estado algo polo que se está pagando, ciencia de verdade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

A UVigo valida no Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía pioneira para medir a calidade do aire en tempo real

A solución, aplicada nunha sala de espera do hospital vigués, combina sensores de baixo custo e algoritmos avanzados

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais