Antes de facer unha colonoscopia de forma autónoma, un médico residente de primeiro ano necesita realizar arredor de 200 procedementos acompañado. É unha aprendizaxe longa e custosa que, inevitablemente, implica pacientes reais. Para reducir ese primeiro contacto e facilitar un adestramento máis seguro, un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic (cofinanciado con fondos FEDER), está a desenvolver LoGiViT. Trátase dun simulador virtual que permite aprender a navegar polo interior do intestino humano mediante realidade virtual, intelixencia artificial e escenarios clínicos personalizados.
“A idea é que os que están empezando se poidan familiarizar coa anatomía, os movementos e as patoloxías sen entrar directamente en contacto cos pacientes”, explica Adrián Lugilde, doutorando da UVigo e autor do proxecto, desenvolvido no marco da súa tese doutoral financiada pola Xunta de Galicia.
A idea de LoGiViT xorde da colaboración previa do equipo da UVigo con profesionais sanitarios galegos, especialmente co doutor Antonio Rodríguez D’Jesús, quen lles trasladaron as limitacións da formación actual en colonoscopia. Hoxe en día, o adestramento realízase principalmente con pacientes, con moldes físicos que incorporan órganos de animais ou con simuladores mecánicos ou computacionais de alto custo e dispoñibilidade moi limitada.
“Son ferramentas útiles, pero ofrecen poucos escenarios e non sempre están accesibles cando se necesitan”, explica Manuel Caeiro, catedrático de Enxeñaría Telemática da UVigo que conxuntamente co profesor Fernando Mikic dirixen este traballo. Neste contexto, LoGiViT nace coa vontade de ofrecer unha alternativa accesible, flexible e pensada para as primeiras etapas da formación, reducindo tanto a presión sobre os pacientes como as barreiras de entrada para os futuros especialistas.
Un simulador virtual pensado para a formación médica
LoGiViT recrea o interior do intestino humano nunha contorna dixital tridimensional na que os usuarios poden practicar navegación, orientación espacial e identificación de patoloxías sen ningún risco para pacientes reais. “O obxectivo non é substituír a práctica clínica, senón ofrecer un primeiro contacto máis seguro e progresivo cun procedemento complexo”, explica Lugilde.
Un dos elementos que diferencia esta proposta doutras solucións existentes é a posibilidade de crear escenarios de adestramento practicamente ilimitados. O sistema inclúe un editor que permite deseñar distintos modelos de colon, con variacións anatómicas realistas e diferentes tipos de pólipos ou lesións. “Na práctica real cada paciente é distinto e iso non se reflicte nos simuladores tradicionais, que adoitan ter un número moi limitado de casos”, apunta Manuel Caeiro. Ao tratarse de modelos sintéticos, o proceso non depende de imaxes médicas reais nin de datos de pacientes, o que evita tamén problemas legais e éticos.
A experiencia de uso baséase en lentes de realidade virtual e mandos que reproducen os movementos básicos dunha colonoscopia. Os médicos en formación deben percorrer o interior do órgano, aprender a orientarse nun espazo tridimensional complexo e asegurarse de visualizar todas as zonas, un paso clave para non pasar por alto lesións relevantes. Ademais, o sistema propón exercicios específicos de localización e clasificación de pólipos, nos que a coordinación man e ollo resulta fundamental. Durante o adestramento, o sistema recolle datos sobre os movementos do usuario e ofrece retroalimentación automática mediante algoritmos de intelixencia artificial, que sinalan erros habituais ou aspectos a mellorar.
Entre as principais vantaxes destacan a accesibilidade e a flexibilidade. A ferramenta pode empregarse nunha aula, nun centro de formación ou mesmo no domicilio do usuario, cun equipamento moito máis accesible que os simuladores mecánicos ou computerizados dispoñibles no mercado. Isto permite que varios residentes practiquen ao mesmo tempo, sen depender da dispoñibilidade dun equipo caro nin da supervisión constante dun médico especialista. “A idea é que cheguen ás prácticas clínicas cunha base previa, reducindo o tempo necesario de aprendizaxe con pacientes”, sinala Adrián Lugilde.
Un proxecto en fase de validación e con retos por diante
Na actualidade, LoGiViT atópase nunha fase avanzada de desenvolvemento, pero aínda previa á súa validación formal nun contexto clínico real. O simulador forma parte da tese doutoral de Adrián Lugilde e, aínda que xa se realizaron probas iterativas con médicos para axustar o deseño e as funcionalidades, o seguinte paso será avaliar o seu uso cun grupo máis amplo de profesionais. O obxectivo é analizar, mediante cuestionarios e métricas de rendemento, ata que punto a ferramenta resulta útil na aprendizaxe e como perciben os usuarios o seu impacto na formación inicial en colonoscopia.
Un dos principais límites actuais está na reprodución das interaccións físicas propias dunha colonoscopia real. Simular con precisión o comportamento dun endoscopio flexible dentro dun órgano tamén flexible supón un reto técnico complexo, tanto dende o punto de vista matemático coma computacional. Ademais, o equipo traballa na integración dun endoscopio real sensorizado que permita substituír os mandos virtuais e achegar aínda máis a experiencia á práctica clínica. “A nosa prioridade é manter unha solución accesible e de baixo custo, pero sen renunciar a avanzar cara a unha simulación cada vez máis realista”, explica Manuel Caeiro, quen subliña que estas melloras se incorporarán de xeito progresivo a medida que evolucionen as tecnoloxías inmersivas e de realidade virtual.
Un cambio de paradigma na aprendizaxe sanitaria
A simulación virtual está a gañar peso na formación médica, aínda que a un ritmo máis lento que noutros ámbitos como o militar ou o industrial. Nos últimos anos, porén, comezan a aparecer cada vez máis estudos que avalían o seu impacto e apuntan a unha redución dos tempos de aprendizaxe e dos riscos asociados ás primeiras prácticas clínicas. “A formación médica está a cambiar e a simulación vai ter un papel cada vez máis relevante”, sinala Manuel Caeiro, quen lembra que xa existen simuladores para múltiples procedementos, dende endoscopias ata intervencións máis complexas, aínda que moitos deles seguen sendo sistemas pechados e de alto custo.
Máis alá da tecnoloxía, o futuro da realidade virtual na medicina está tamén ligado a un cambio xeracional e cultural. As novas promocións de profesionais chegan cunha maior familiaridade coa contorna dixital, os videoxogos e as interfaces inmersivas, o que facilita a súa adopción en contextos formativos. Para Adrián Lugilde, proxectos como LoGiViT apuntan cara a un modelo no que a realidade virtual, a intelixencia artificial e a robótica se integran de forma natural no día a día sanitario: ferramentas pensadas non para substituír a práctica clínica, senón para facela máis segura, accesible e eficiente dende as primeiras etapas da aprendizaxe.














