Venres 6 Decembro 2024

A Semana da Ciencia leva ao campus de Vigo a centos de alumnos de bacharelato

Incitar o pensamento, provocar a curiosidade e divertir a un público o máis amplo posible. Estes son os principais obxectivos da Semana da Ciencia, un evento de carácter europeo que enche o mes de novembro de actividades coas que amosar á sociedade, dun xeito ameno e accesible, como a ciencia está presente nas súas vidas. É a escusa perfecta para que facultades e escolas abran as súas portas, sobre todo ao futuro alumnado, e amosen como a ciencia e a tecnoloxía están presentes nas súas vidas, desde as cousas máis cotiás ás máis sofisticadas. A ETSE de Minas leva anos facéndoo -o seu programa de actividades foi recoñecido xa con diferentes premios- e este ano súmanse outros centros, entre eles, a Facultade de Ciencias do Mar e o Centro de Investigación Biomédica, Cinbio.

un mar de ciencia

Na ETSE de Minas a celebración da Semana da Ciencia será especialmente intensa ao coincidir a décima edición da organización deste evento co 25 aniversario da titulación na Universidade de Vigo. Será do 21 ao 25 de novembro e teñen xa confirmada a asistencia de 750 alumnos e alumnas procedentes de 20 centros de ensino secundario.

Publicidade

Na Facultade de Ciencias do Mar, na que tamén se celebra o 25 aniversario da posta en marcha destes estudos, as actividades de celebración arrancan este mércores cunha conferencia de Carlota Escutia, a representante española no programa internacional de perforacións oceánicas IODP (International Ocean Discovery Program), cuxa finalidade é a exploración da Terra baixo o mar. “É unha persoa que ten moita experiencia no estudo sedimentolóxico de marxes e concas oceánicas con aplicacións de carácter paleoceanográfico e paleoclimático, entre outros”, explica Belén Rubio, decana do centro.

Tras o paso de Escutia, as actividades transladaranse á viguesa rúa do Príncipe onde se van celebrar os talleres Un mar de ciencia na rúa, organizados de xeito conxunto co Instituto Español de Oceanografía e o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC co obxectivo de achegar as Ciencias do Mar á sociedade de maneira didáctica e divulgativa. Haberá actividades de 10.00 a 20.00 horas e, dende a facultade viguesa participan con tres talleres: Océanos de Plástico, dirixido a dar coñecer os problemas que causan os plásticos nos océanos; A importancia das dunas, para axudar a descubrir e a importancia destes ecosistemas nunha praia, e Un océano ácido, orientado a falar sobre as consecuencias da acidificación dos océanos debido á actividade humana.

Publicidade

No caso do Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, elixiron celebrar esta data con dúas xornadas de portas abertas para alumnado de formación profesional, a primeira foi xa o pasado día 10 e a seguinte será este xoves 17. “Visítannos 25 alumnos cada un dos días e, ademais de participar nunha visita guiada polo centro, asisten a varias conferencias de distinta temática por parte dos nosos investigadores e resto de persoal”, apunta África González, directora do centro, que explica tamén que entre os participantes están os grupos de Inmunoloxía, Química Coloidal, Nerofisioloxía, Histoloxía e Cultivos Celulares.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Electrocardiograma a un mexillón: o curioso método para avaliar a saúde do bivalvo

Un sensor deseñado en Galicia analiza o comportamento das valvas para coñecer o estrés térmico do molusco en tempo real

Os Museos Científicos Coruñeses celebran a Semana da Ciencia con entradas gratuítas

A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae permitirán o acceso sen custo ás súas instalacións dende o 9 ao 17 de novembro

Demostrada a eficacia dun novo fármaco nun cancro de pulmón resistente

Un equipo do CSIC liderou dous estudos que presentan novas abordaxes en dúas mutacións de tumores que non responden a terapias dirixidas

Os premios Zendal galardoan dous proxectos sobre alzhéimer e vacinas animais

Na súa V edición o recoñecemento do grupo farmacéutico promocionará os proxectos dos investigadores Ivone Martins, da Universidade de Miño, e José de la Fuente, do CSIC