O Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN (Innovative Radiotherapy for Brain Tumours), unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado dende o centro polo equipo Novas Estratexias en Radioterapia, dirixido por Yolanda Prezado.
Financiado polo programa europeo Marie Skłodowska-Curie Doutoral Networks, este proxecto de catro anos une unha rede internacional líder de universidades, centros de investigación, hospitais e empresas tecnolóxicas de varios países europeos. A rede integra profesionais nos campos da física médica, bioloxía, enxeñería e oncoloxía radioterápica co obxectivo impactar no futuro da radioterapia e avanzar cara a novas opcións terapéuticas para pacientes con glioma, un dos tumores cerebrais máis agresivos e complexos. Entre as entidades participantes figuran o DKFZ German Cancer Research Center, a Universidade de Antwerp, INEM – Institut Necker Enfants Malades, a Universidade de Oslo, a Universidade de Pavia ou empresas como VARIAN medical systems, Batea Oncology, ou Xstrahl.
Responder os desafíos do glioma
Os gliomas continúan representando un dos maiores retos en oncoloxía debido á súa elevada resistencia aos tratamentos, a súa capacidade para infiltrarse no tecido cerebral san e a complexidade biolóxica da súa contorna tumoral. Para abordar estes desafíos, InnovaRTBRAIN combinará investigación básica, desenvolvemento tecnolóxico e aplicación clínica co fin de comprender mellor a resposta dos tumores á radiación e trasladar rapidamente ese coñecemento a novas estratexias terapéuticas.
Innovación en tecnoloxía e radiobiología
O proxecto aposta por tecnoloxías innovadoras en radioterapia, como as estratexias de irradiación espacialmente fraccionada, a terapia FLASH, a protonterapia ou a terapia alfa dirixida, para aumentar eficacia do tratamento mentres se reduce o dano no tecido san. Ademais, InnovaRTBRAIN explora novas estratexias baseadas na interacción entre radiación e inmunidade, incluíndo o estudo da resposta do sistema inmune e o desenvolvemento de terapias combinadas innovadoras, como a integración con inmunoterapia ou terapias celulares.
Formar a próxima xeración de expertos europeos
Unido aos seus obxectivos científicos, InnovaRTBRAIN ten unha importante dimensión formativa. Este proxecto permitirá capacitar unha nova xeración de científicos con competencias en investigación, innovación e emprendemento no ámbito da oncoloxía radioterápica. Este enfoque non só impulsará o avance científico, senón que tamén contribuirá a fortalecer o ecosistema europeo de investigación e innovación en saúde.
Para iso, a rede financiará 14 contratos predoutorais distribuídos entre as distintas institucións participantes. Os proxectos abarcan áreas crave como as novas modalidades de radioterapia (FLASH-RT, Microbeam Radiation Therapy ou terapias alfa dirixidas), a inmunoterapia, as terapias celulares CAR-T, a dosimetría avanzada, a imaxe médica, a análise multiómico e a bioloxía do microambiente tumoral.
Actualmente, a rede mantén aberto o proceso de selección para varias das categorías predoutorais ofertadas en universidades, hospitais e empresas de distintos países europeos, ofrecendo oportunidades de formación e investigación en ámbitos como a radiobiología, a inmunoloxía, a física médica, a bioinformática ou a enxeñaría biomédica.
Mellorar a vida dos pacientes
O obxectivo final de InnovaRTBRAIN é mellorar a calidade de vida dos pacientes con tumores cerebrais, ofrecendo tratamentos máis efectivos e con menos efectos secundarios. Á súa vez, o proxecto busca acelerar a transferencia de coñecemento cara á contorna clínica e industrial, favorecendo o desenvolvemento de novas tecnoloxías sanitarias. Coa coordinación do CiMUS e o apoio dunha sólida rede colaborativa e unha visión multidisciplinar, InnovaRTBRAIN aspira a sentar as bases dunha nova xeración de radioterapia máis personalizada, precisa e eficaz fronte a algúns dos cancros máis difíciles de tratar.














