O marraxo azul é un tiburón oceánico e cosmopolita emparentado co tiburón branco que se atopa actualmente ameazado pola intensa actividade pesqueira da flota de palangre. A Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) acreditou que é un tiburón en perigo de conservación. En 2021 as autoridades do Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres (CITES) acordaron a prohibición de desembarcar marraxo do Atántico norte, importalo ou exportalo. Unha investigación realizada polo biólogo mariño Gonzalo Mucientes da Universidade de Vigo estuda a fondo a historia, o comportamento e conservación do Isurus oxyrinchus nunha tese que recompila datos obtidos ao longo de máis de 10 anos.
O investigador realizou o seu estudo coa colaboración da flota de palangre para capturar e marcar tiburóns e así obter mostras. Por exemplo, sobre a súa dieta tanto no Atlántico como no Pacífico, a distribución dos marraxos polos seus sexos ou as femias xestantes e os tamaños dos peixes capturados no Pacífico Sur. Ademais, Mucientes tamén indagou sobre as migracións oceánicas a través dos transmisores satélites, o que permitiu obter datos sobre a supervivencia e mortalidade por actividade pesqueira. Este tiburón destaca pola velocidade que acada nas súas carreiras en mar aberto; por ser capaz de manter a temperatura interna superior á exterior e porque as femias acadan a maduración sexual aos 18 anos.
No Atlántico estudáronse 48 marraxos azuis entre 2008 e 2018. Rexistráronse seis migracións transoceánicas protagonizados exclusivamente por femias. A investigación demostra a conectividide existente entre as diferentes áreas oceánicas do Atlántico norte excluíndo Cabo Verde, xa que é unha rexión con oxíxeno mínimo. Co cal, estes tiburóns, son considerados os máis rápidos, viaxan máis de 2.500 quilómetros. “Detectamos migracións transoceánicas que ata entón non estaban descritas. Son grandes distancias, dende os grandes bancos de Terranova ata Lisboa, facendo esa viaxe en tres meses”, alega Mucientes. O oeste das Azores, a plataforma continental norteamericana e a plataforma ibérica amosaron diferentes graos de residencia para o marraxo. Os tiburóns que exhibiron comportamentos máis locais ou residentes estiveron en promedio máis tempo en zonas de presencia da flota de palangre en comparación a aqueles que practicaron maiores desprazamentos.
“Detectamos migracións transoceánicas que ata entón non estaban descritas.”
GONZALO MUCIENTES, biólogo mariño
Os resultados amosaron unha “sorprendente segregación espacial entre ambos sexos”, así como unha “posible migración das femias xestantes de oeste a este”, onde as femias en estados iniciais frecuentan áreas afastadas ou oceánicas en metade do Pacífico, mentres que as femias en estados máis avanzados localízanse en áreas próximas á plataforma continental sudamericana. “As nais achéganlles enerxía neta aos fetos durante o desenvolvemento embrionario de maneira activa, grazas aos ovos non fecundados que inxiren os fetos”, comenta o investigador. Trátase dunha estratexia reproductiva baseada no “viviparismo aplacentario”, onde os ovos eclosionan no interior da nai e terminan o seu desenvolvemento antes de nacer. “Atopamos que os exemplares xuvenís de marraxo atópanse tamén nunha área localizada frente á plataforma continental sudamericana, onde parecen dirixirse as femias xestantes que están preto de parir”.
Baixa esperanza de vida
O estudo rexistrou mergullos de marraxos ata os 1.500 metros de profundidade e temperaturas extremas de 3ºC no fondo e 29ºC en superficie. É pola noite cando os marraxos nadan na superficie e durante o día baixan ás profundidades. Estas últimas son máis frecuentes en zonas meridionais, “quizá está relacionado coa temperatura do mar e a produtividade das augas”, conta o biólogo mariño. Grazas ás marcas plásticas realizadas aos tiburóns demostrouse que os marraxos máis novos teñen unha supervivencia moderada con respecto a outras especies de tiburóns. En 10 anos recapturáronse 30 marraxos xuvenís de máis dunha centena que foron marcados. Co cal, existen moitas menos posibilidades de que as femias poidan reproducirse. O estudio conclúe que o 20% dos machos e menos do 5% das femias chegan á idade de reproducción.
“É necesario protexer os segmentos máis vulnerables, como son os xuvenís e as femias grávidas para asegurar o futuro da especie”
GONZALO MUCIENTES, biólogo mariño
“É necesario protexer os segmentos máis vulnerables, como son os xuvenís e as femias grávidas para asegurar o futuro da especie”, alega Mucientes sobre o seu estudo. A acumulación de plásticos e dos aparellos de pesca nos océanos ten graves consecuencias nos ecosistemas mariños. Mucientes atopou un marraxo con ata cinco anzois retidos, restos antropoxénicos nos estómagos de cinco marraxos -incluído un exemplar con cartón de embalaxe- e sete tintoreras. Co cal, o estudo constata a presenza de plásticos sobre os corpos das femias e unha maior incidencia no Pacífico sur de anzois retidos nas especies. Mucientes recoñece que esperaba atopar lixo nos estómagos e bocas dos animais. “Os plásticos que atopamos están realizados directamente coa actividade pesqueira”, alega. A tese conclúe que a pesca é a principal causa de morte desta especie de tiburón.
Recuperar as poboacións
Entre as propostas para a conservación do marraxo azul e especies de tiburóns en perigo, amenazados ou protexidos (ETP), Mucientes establece límites espacio-temporais nas áreas onde se establecen os marraxos xuvenís e as femias maduras con grandes áreas de protección marinas (MPA); limitar as capturas, baseadas nas avaliacións; medidas de mitigación efectivas para diminuír as interaccións con tiburóns ETP; estender a implementación de mellores prácticas de manipulación e liberación; redefinir as prioridades de xestión, política e gobernanza dos Organismos Rexionais de Ordenación Pesqueira (OROP) e incrementar a calidade na recompilación de datos de capturas e descartes. Para Mucientes, o parón establecido polas autoridades europeas para a protección do marraxo azul vai ser longo debido a gravidade da súa situación actual e as súas características biolóxicas. “O marraxo ten un ciclo vital bastante lento, co cal, a recuperación vai ser lenta. Esperemos que esta pausa sexa efectiva, pero pasarán moitos anos ata que vexamos gromos verdes nas súas poboacións”, conclúe.