Xoves 28 Marzo 2024

Definir a idade biolóxica dun individuo polos seus indicadores médicos

A idade cronolóxica reflicte os riscos xerais de morbilidade e mortalidade das persoas

As diferenzas do estado de saúde entre individuos a idades avanzadas son o resultado das predisposicións xenéticas e as respostas fisiolóxicas ao estilo de vida, a alimentación ou a calidade do soño ao longo da vida. 

Un equipo internacional, con participación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), suxire dúas vías para estimar a idade biolóxica con maior precisión que as xa existentes e sintetizan información de medidas de saúde como a talla, o peso ou a presión arterial. O traballo, que se publica na revista PNAS Nexus, mostra que a idade biolóxica pode predicir a esperanza de vida dunha persoa.

Publicidade

“Ter unha idade biolóxica superior á cronolóxica implica un maior risco de morrer a unha idade temperá. O cálculo da idade biolóxica é relativamente fácil porque se utiliza información obtida  de maneira rutineira: talla, peso, presión arterial e medidas bioquímicas de sangue, como glicosa ou colesterol. Isto podería axudar ao diagnóstico temperán da deterioración fisiolóxica e anticipar posibles problemas de saúde e outras condicións de saúde subxacentes”, di Alberto Palloni, investigador do CSIC no Instituto de Economía, Xeografía e Demografía.

A investigación propón dúas vías de cálculo: a estimación dependente e a estimación non-dependente.  En ambos os casos, a deterioración biolóxica obtense a través de un modelo de ecuacións estruturais (unha técnica de análise estatística multi-variábel) e asóciase con información adicional.

“Ter unha idade biolóxica superior á cronolóxica implica un maior risco de morrer a unha idade temperá”

ALBERTO PALLONI, investigador do CSIC

Na estimación dependente a deterioración biolóxica asóciase co risco de morrer, de forma que a idade biolóxica resultante é un indicador moi preciso de morte prematura. Esta forma de estimación permite asociar a deterioración biolóxica non só co risco de morrer senón con outros indicadores de enfermidade futura, por exemplo, o risco de ter unha discapacidade ou unha enfermidade cardiovascular.

Pola súa banda, na estimación non-dependente a deterioración biolóxica asóciase coa idade cronolóxica para estimar a idade biolóxica, non depende de información adicional.

O impacto dunha maior idade biolóxica

No traballo, no que, ademais do CSIC, participan científicos da Universidade de California nos Angeles (UCLA) e da Universidade de Wisconsin, empregouse a base de datos sobre saúde máis grande de Estados Unidos, a National Health and Nutrition Examination Survey, que inclúe información sobre 9.389 homes e mulleres de entre 30 e 75 anos. Estes individuos foron entrevistados entre 1988 e 1994 e durante eses anos tomáronselles diferentes medidas de saúde. Ademais, fíxoselles un seguimento ata decembro de 2015 para saber cantos deles faleceran.

“Os datos analizados suxiren que a deterioración fisiolóxica avanza máis rapidamente entre as mulleres, as persoas con menor educación e as persoas de orixe mexicana e afro-descendentes non hispanos en EE UU. É dicir, os individuos máis desfavorecidos teñen unha idade biolóxica maior e, por tanto, un envellecemento acelerado”, comenta Hiram Beltrán-Sánchez, profesor no departamento de Ciencias da saúde comunitaria de UCLA. 

Entre as mulleres, por exemplo, o risco de morrer aumenta 129 % por cada ano de idade biolóxica superior á idade cronolóxica. No caso dos homes, o risco é algo menor, ao redor do 124%.

“Os datos analizados suxiren que a deterioración fisiolóxica avanza máis rapidamente entre as mulleres”

HIRAM BELTRÁN-SÁNCHEZ, profesor da UCLA

Os resultados, que se obtiveron no marco do proxecto ERC Advanced Grant ECHO, liderado polo CSIC, achegan información relevante sobre a esperanza de vida a partir dos 65 anos. “Desde desa idade, cando a idade biolóxica supera nun ano á idade cronolóxica supón unha redución da esperanza de vida ao redor de dous anos. Se a idade biolóxica é cinco anos superior, a diminución é aínda maior, chegando a vivir en media nove anos menos. O sorprendente foi comprobar como pequenos incrementos na idade biolóxica con respecto á idade cronolóxica tradúcense nun maior risco de morrer”, sinala Beltrán-Sánchez.

Enfermidades futuras e mortalidade temperá

Os indicadores de idade biolóxica xa se están empezando a usar na área clínica. “Aqueles que utilizan información biolóxica como a que propoñemos e os indicadores epixenéticos foron implementados como medidas alternativas da idade biolóxica das persoas. Estes indicadores, que adoitan denominarse reloxos biolóxicos, úsanse como medidas da posible deterioración fisiolóxica que acumulou o paciente e estarían relacionados co desenvolvemento de enfermidades futuras”, apunta Palloni.

Aínda que o estudo non inclúe indicadores epixenéticos na estimación da idade biolóxica, os autores indican que o seu método ten o potencial de poder engadir dita información e lograr así unha maior precisión de predición.


Referencia: “Modelling biological age and its link with the aging process” de Hiram Beltrán-Sánchez, Alberto Palloni, Yiyue Huangfu e Mary C McEniry ( Publicado en PNAS-Nexus )

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo do CSIC logra controlar unha doenza causante da extinción dos anfibios

Os investigadores aplicaron un funxicida agrario sen observar trazas do produto nin efectos significativos na química e bioloxía da auga

Zendal lanza a primeira vacina de tecnoloxía ADN contra a leishmaniose canina

‘Neoleish’ reduce a presenza do parasito en máis dun 90% e mellora os signos clínicos da doenza

Un composto natural reduce o impacto da seca e mellora a produtividade do tomate

Un equipo do CSIC e da UPV descobre como actúa o butanoato de hexenilo, un aroma que emiten estas plantas para resistir ás bacterias

‘Skincare’, cuestión de saúde? : “Hai que diferenciar entre dermatoloxía e cosmética"

O experto Juan García Gavín apunta que aínda unha gran parte da poboación cre que o coidado da pel provén do mero interés estético