A saúde mental das mulleres, máis afectada pola pandemia

O 70% das tarefas de coidado recae nas mulleres, nun contexto agravado polas consecuencias do confinamento e a crise da Covid-19

A saúde mental das mulleres, máis afectada pola pandemia
A carga dos coidados, que se acrecentou no contexto da pandemia, está soportada nunha meirande parte polas mulleres. Foto: Pixabay.

* Un artigo

A Covid-19 afectou, con maior ou menor intensidade, á práctica totalidade dos países do mundo desde o seu primeiro caso en Wuhan (China) en novembro de 2019. O descoñecemento da nova enfermidade, así como as altas taxas de mortalidade e contaxio, provocaron un aumento da preocupación polo contaxio na poboación. Todo isto provocou a aparición de malestar psicolóxico. Ademais, a situación excepcional de confinamento conlevou importantes implicacións psicolóxicas, incluíndo síntomas depresivos, angustia emocional, insomnio, ansiedade e sentimentos de soidade.

Doutra banda, a propia evolución epidemiolóxica tamén aumentou considerablemente a necesidade de atención e coidados en saúde, tanto dentro como fóra dos fogares. Aquelas persoas que traballan formalmente fóra do domicilio familiar e que teñen persoas dependentes ao seu cargo poden ser consideradas como un dos colectivos máis afectados pola sobrecarga durante o confinamento.

Xeralmente esta dualidade de roles recae sobre a muller, polo que estas poderían sufrir un maior impacto emocional negativo durante o confinamento pola Covid-19 cós homes, debido á enorme carga de traballo físico e mental que poderían estar a asumir.

Neste contexto, algúns estudos xa informaron sobre as diferenzas entre homes e mulleres en relación ao impacto psicolóxico da pandemia e a presenza de síntomas de ansiedade e depresión. A este respecto, o impacto emocional da pandemia pola Covid-19 debe estudarse baixo a perspectiva social e de xénero.

O 70 % das tarefas de coidado recae nas mulleres (ver PDF). Co estado de alarma e o confinamento, e o consecuente peche dos centros educativos, esta cantidade viuse incrementada. Dita situación, sumada ao teletraballo no propio domicilio, provocou unha sobrecarga emocional na poboación. Neste sentido, non se pode obviar que do total de profesionais sanitarios que prestan asistencia en hospitais, centros de saúde e centros sociosanitarios, que en España son, nun 84%, mulleres.

O sentido da coherencia

Doutra banda, é coñecido o papel de certas variables moduladoras ou amortecedoras do impacto psicolóxico en situacións de emerxencia ou catástrofes. Por exemplo, as estratexias de afrontamento, resiliencia e recursos e mecanismos persoais e da contorna. Unha destas variables é o “sentido de coherencia”, que é a capacidade do ser humano de responder de forma adaptativa diante de situacións estresantes, así como unha predisposición para avaliar as circunstancias da vida como significativas, predicibles e manexables.

Nunha pandemia como a que nos ocupa, é necesario atender tanto ao impacto da mesma na saúde mental da cidadanía como a posible mediación de factores como o sentido de coherencia, moi relacionado con afrontamento e o benestar psicolóxico, a fin de mostrar unha visión máis completa do afrontamiento de tales circunstancias estresantes en homes e mulleres.

Os resultados demostraron que as mulleres presentan un maior nivel de malestar psicolóxico durante a pandemia en comparación cos homes (5,35 puntos sobre 10 entre as primeiras e 3,80 puntos sobre 10 entre os segundos). Nesta liña, os homes ofreceron maiores niveis de sentido de coherencia, o que podería reflectir unha maior capacidade de resposta a situacións estresantes que as mulleres. Con todo, cabe pensar na posibilidade de que outros factores como a “dobre presenza” da muller puidese estar a influír. Factores como o ter que compatibilizar as demandas de coidado da familia xunto coas do traballo puidesen incidir sobre este resultado máis desfavorable para o grupo das mulleres. Ademais, elas presentan unha maior preocupación por enfermar e infectar a outras persoas e menores niveis de saúde autopercibida.

Neste sentido, tanto o confinamento como as circunstancias que rodean a pandemia provocada pola Covid-19 poderían ter un forte impacto sobre o nivel a saúde mental da poboación xeral e das mulleres residentes en España, en particular. Ademais, tamén reflicte que as mulleres, cuxo grupo se atopa á fronte dos coidados a persoas menores, maiores e dependentes, están a padecer en maior medida os efectos desta crise sanitaria, social e económica.

Finalmente, estes resultados poñen de manifesto a necesidade de promover políticas sociais e intervencións específicas en saúde pública, baixo a perspectiva de xénero, co obxectivo de intervir desde unha perspectiva multidisciplinar sobre o impacto da pandemia na saúde mental da poboación, e evitar con iso exacerbacións e situacións de risco psicosocial.


* O artigo está asinado por Carlos Ruiz-Frutos e Juan Jesús García Iglesias (profesores de Medicina Preventiva e Saúde Pública-Universidad de Huelva); Carmen Rodríguez-Domínguez (profesora axudante doutora no Departamento de Psicoloxía na Universidad Loyola Andalucía); Juan Gómez Salgado (profesor de Saúde Laboral do Departamento de Socioloxía, Traballo Social e Saúde Pública-Universidad de Huelva); Mónica Ortega Moreno, doutora en Estatística pola Universidad de Huelva e Regina Allande Cussó, profesora asociada no departamento de Enfermería da Universidad de Sevilla.

Cláusula de Divulgación: as persoas asinantes non son asalariadas, nin consultoras, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.