Denuncian danos nun castro de Alfoz por mor dunha plantación de eucaliptos

Adega e Mariña Patrimonio notifican á Xunta a destrución de parte do Castro da Croa de Montoxo, que está mal localizado no Catálogo de Patrimonio Cultural

As entidades ADEGA e Mariña Patrimonio anunciaron este luns a presentación dunha denuncia na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural por mor dos posibles danos ocasionados no xacemento arqueolóxico do Castro da Croa de Montoxo, en Alfoz, durante a realización de traballos forestais de corta e replantación de eucaliptos.

Ao visitaren o xacemento, ADEGA e Mariña Patrimonio comprobaron que se abriran no Castro de Montoxo novas pistas para o paso da maquinaria e a saca da madeira, afectando gravemente os parapetos e os foxos defensivos en varios puntos. Así mesmo, nos parapetos, nos foxos e máis na croa do castro realizáronse centos de furados con pa mecánica para a plantación de novos eucaliptos. En moitos destes furados pódense apreciar pedras das antigas construcións do castro así como numerosos restos cerámicos de olaría da Idade do Ferro.

Publicidade

Restos de cerámica atopados na zona dos traballos. Foto: Adega.
Restos de cerámica atopados na zona dos traballos. Foto: Adega.

As asociacións denunciantes sinalan tamén que na zona máis elevada do xacemento “chama poderosamente a atención a gran cantidade de fragmentos de tella medieval que aparece nos furados abertos pola pa mecánica”.

Para estas entidades, “a intervención e os danos provocados no Castro de Montoxo constitúen un auténtico atentado contra o Patrimonio Cultural de Galiza, cuxa responsable directa podería ser a propia administración pública”. Detallan que “a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural está outorgando permisos de intervención a sabendas de que no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia existen erros, tanto na xeolocalización como na delimitación de moitos xacementos”. En concreto, explican, “o Castro de Montoxo, catalogado e protexido, aparece situado nun lugar equivocado nos visores de consulta pública de aproveitamentos forestais e do Plan Básico Autonómico”.

Publicidade

No ano pasado, as dúas asociacións presentaron varias denuncias públicas ao detectar erros de localización e delimitación de xacementos, especialmente numerosos e graves en toda a metade norte da provincia de Lugo, na revisión e actualización do Catálogo de Patrimonio Cultural que fixo a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural nos anos 2018 e 2019, e que se pode consultar nos visores do Plan Básico Autonómico e no de Aproveitamentos Forestais.

“Malia a contar cun investimento público de 1.100.000 euros, a actualización e revisión do Catálogo incorpora numerosos erros de xeolocalización e delimitación dos xacementos inadmisíbeis que desprotexen unha importante parte do Patrimonio Cultural de Galicia e, por outra banda, protexen oficialmente parcelas que non son xacementos arqueolóxicos”, destacan. Alén disto, as asociacións advirten de que “estarían creando un problema de inseguridade xurídica para os propietarios/as das parcelas, que oficialmente figuran como xacementos cando realmente non o son”.

No caso do Castro de Montoxo, o erro na xeolocalización é especialmente grave porque, á parte de ser facilmente recoñecible polo seu dobre foxo e triplo parapeto, vese perfectamente nas imaxes LIDAR dos visores de ortofotografías da Xunta de Galicia. Ademais, trátase dun castro coñecido que aparece documentado xa no século XIX por Villa-Amil y Castro nos seus traballos “Los castros y las mámoas de Galicia” (páx. 198). e Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia”Así mesmona actualidade, autores como A. Canoura Quintana, Isaac Ferreira, Manuel Lourenzo e Xesús Pisón ou arqueólogos como Abel Vigo falan deste xacemento e dos achados que se teñen atopado nel nas súas publicacións.

Petra Naufa

Na visita para comprobar os danos no xacemento, os membros de Mariña Patrimonio e ADEGA localizaron unha rocha na que foron labradas dúas “salas” de aproximadamente 4 metros de longo por 2 metros de ancho, coas esquinas redondeadas e cuns pequenos ocos na parede picada na pedra. Dáse a circunstancia de que esta edificación non estaba localizada, aínda que se sabía da súa existencia grazas ás publicacións de J. Villa-Amil y Castro, quen a denomina Petra Naufa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A tala de piñeiros pon en “grave risco” un conxunto de petróglifos en Outeiro de Rei

Dúas asociacións alertan de que a corta de árbores na parroquia de Parada se está a realizar sen medidas de protección patrimonial

Cada vez hai máis xabarís en Galicia: estas son as causas e a súa relación coa peste porcina

Factores como a perda de depredadores e a actividade humana impulsa a sobrepoboación da especie e aumenta o risco sanitario para a produción galega

Case o 11% da Rede Natura de Galicia resultou arrasada polos incendios de agosto

Os datos do sistema europeo Copernicus recopilados por Adega revelan que os lumes queimaron 37.000 hectáreas de espazos protexidos, a maior afección do século

Labores forestais causan un “grave impacto” nas mámoas protexidas de Penarrubia, en Lugo

Adega e Mariña Patrimonio denuncian ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o dano provocado polos traballos de corta nos xacementos arqueolóxicos