Fronte á posverdade, espírito crítico

    O investigador da USC Agustín Joel Fernandes Cabal advirte sobre os perigos en relación co poder e reivindica o papel do bo xornalismo

    *Un artigo de

    Nos últimos anos, a posverdade foi un dos conceptos máis analizados nos medios de comunicación de todo o mundo. Xornalistas, especialistas en comunicación, filósofos e comentaristas varios pasaron polos platós discutindo de que vai este fenómeno que está afectando a vida política e que ameaza ás democracias máis firmes e respectadas, como Estados Unidos ou Gran Bretaña, e democracias novas como Arxentina ou España.

    Publicidade

    O Brexit é un dos procesos onde é visible a distorsión que xeran os bulos (fake news) e a posverdade. No seu libro Post-truth, Lee McIntyre conta que nas rúas londinenses paseaban os autobuses con propaganda a favor da creba coa Unión Europea na que rezaban afirmacións como “a Unión Europea utiliza os impostos dos británicos para financiar as corridas de touros en España”.

    Con estas estratexias, os partidarios do Brexit foron convencendo á poboación de que a mellor opción era a saída da UE; e así foi reflictido nas urnas. Un proceso tan complexo coma este non pode ser explicado só dende a aresta da posverdade, mais a súa contribución foi crucial.

    Diferencias entre bulos e posverdade

    Para adentrarnos un pouco no concepto de posverdade en si, é importante afirmar que os bulos, ou as noticias falsas, e a posverdade, non son o mesmo. Os primeiros poden ser unha noticia ou un dato verosímil, e que parece ou podería ser certa, mais non o é. O acto de producir ou compartir unha noticia falsa non é necesariamente doloso: pode ser simplemente un erro.

    A posverdade caracterízase pola intención de desinformar por parte do emisor da mensaxe. Non hai erro, hai vontade de engano

    Diferenciar entre verdadeiro e verosímil é moi importante, xa que podemos atopar informacións que poderían ser verdade, que son cribles, pero que non son verdade. Isto axuda a confundir e a deixarnos levar pola verosimilitude da información. En moitos casos tamén é mal xornalismo, a partir dun xornalista que afirma algo que non ten certamente comprobado e, como os xornalistas “velan” pola verdade informativa, pódense transformar en fáciles comunicadores de noticias falsas.

    Por outra banda, a posverdade é un proceso no que coinciden distintas accións, e o seu principal requerimento é a intención de desinformar por parte do emisor da mensaxe. O rumor funciona similar á posverdade, mais coa salverdade de que no rumor predomina o erro da información, mentres que coa posverdade predomina a intención de desinformar. Non hai erro, hai vontade de engano.

    Posverdade e poder

    O concepto de poder é fundamental para entender a posverdade, xa que o manipulador exerce un poder sobre os manipulados por medio da persuasión das súas palabras. Para que isto suceda, debe agochar as súas intencións persoais e verdadeiras detrás dunha máscara. A esta máscara chamarémola metáfora.

    A metáfora utilízase para dar un novo sentido a un concepto desgastado ou para expresar un sentimento con máis forza

    A metáfora é unha ferramenta lingüística que utilizamos constantemente. A súa fin principal é dar un novo sentido a un concepto orixinal que está desgastado ou morto. Así o manifesta o filósofo Paul Ricoeur na súa obra A metáfora viva: a utilización de metáforas funciona cando o sentido mesmo está desgastado e, para reforzalo, recorremos a esta ferramenta para que o concepto en si non morra.

    Ocultar a intención

    Por exemplo: imaxinemos algunha das clásicas frases feitas que se din cotidianamente mais que son utilizadas como metáfora. A frase “dar gato por lebre” é unha común metáfora utilizada para expresar que alguén nos enganou. Para expresar ese sentimento con máis forza preferimos mencionar dita frase a dicir sinxelamente “enganáronme”.

    Así como existen as metáforas para ilustrar conceptos mortos ou desgastados (como no exemplo anterior, “enganáronme”, cuxo desgaste deu lugar á metáfora de “dar gato por lebre”), a posverdade utiliza a ferramenta da metáfora para que a intención verdadeira do emisor de tal desinformación quede oculta tras un novo concepto.

    A metáfora tamén pode ocultar a intención do emisor, converténdose nunha ferramenta da posverdade

    Volvendo ao exemplo do Brexit, a frase exposta nos buses sobre os cartos que irían cara a tauromaquia en España é unha metáfora da expresión “Europa róbanos”, utilizada recorrentemente polos británicos en favor do Brexit. Ao mesmo tempo, esta frase funciona como unha metáfora das verdadeiras intencións dos precursores de dito movemento político. Poderíamos dicir que a posverdade funciona aquí como unha meta-metáfora das intencións finais de quen apoia o Brexit.

    A importancia do xornalismo

    É básica a importancia que ten o xornalismo -o bo xornalismo- na loita contra a posverdade. Ao ser unha institución con acceso privilexiado á información, aos maiores estratos do poder mundial, e cunha capacidade especial no manexo dos datos que suceden na realidade mundial, o xornalismo está obrigado a dar batalla contra este mal e tratar de derrubar as noticias falsas instaladas no ideario popular a través dos datos e da información.

    A clave para desenvolver o espírito crítico é buscar nova información, en vez de buscar aquela que reafirme os pensamentos xa existentes

    A pesares de ser un efecto que parece imposible de frear, a sociedade dispón dunha arma extremadamente poderosa: o espírito crítico. Se á hora de informarmos facémolo coa fin de buscar nova información, e non de reafirmar os nosos pensamentos e sentimentos preexistentes, non hai posverdade nin poder manipulador que poda derrubar o poder do verdadeiro espírito crítico de quen, a partir desa información, vai moldeando o seu pensamento e o seu espírito crítico.

    Se a sociedade está aberta a repensar as súas ideas lendo ou escoitando a persoas que pensan distinto que un, é imposible que a posverdade manipule e faga o dano que busca facer.

    Aínda que non podamos crelo, a clave está en nós. Fagámolo posible.


    *Agustín Joel Fernandes Cabal é licenciado en Xornalismo e investigador preodoutoral en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela.

    Cláusula de divulgación: Agustín Joel Fernandes Cabal non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Please enter your comment!
    Please enter your name here

    Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.