Xoves 18 Abril 2024

Un estudo da USC identifica novos biomarcadores do cancro colorrectal, de cabeza e colo

A investigación é froito de Óscar Rapado González, que dá un paso máis na oncoloxía de precisión e conta con potencial diagnóstico en biopsia líquida

Unha investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) logrou identificar novos marcadores xenéticos e epixenéticos en pacientes con cancro colorrectal e de cabeza e colo empregando mostras non invasivas. Este avance cara a oncoloxía de precisión é froito do traballo desenvolvido por Óscar Rapado González na súa tese de doutoramento e conta con potencial diagnóstico en biopsia líquida, unha proba analítica que se realiza en mostras de tecido biolóxico non sólido.

No cancro colorrectal identificouse un panel formado por cinco microARNs que teñen potencial diagnóstico para detectar esta enfermidade a través da saliva, representando unha novidosa estratexia no descubrimento desta patoloxía tumoral sen provocar ningún malestar ao paciente durante a toma da mostra. No caso do cancro de cabeza e colo, o científico logrou evidenciar o potencial de diferentes biomarcadores tumorais coma a análise de mutacións no ADN na saliva e no sangue, marcadores de metilación —mecanismo que pode actuar para reprimir a transcrición xénica— do ADN na saliva e a análise de tamaño dos fragmentos de ADN fóra das células na saliva, para o manexo clínico deste tumor.

Publicidade

No cancro colorrectal identificouse un panel formado por cinco microARNs que teñen potencial diagnóstico para detectar esta enfermidade a través da saliva

A investigación do ADN libre circulante no sangue permitiu demostrar a capacidade deste biomarcador para reflectir o perfil de mutacións presentes no tumor en pacientes con cancro de cabeza e colo avanzado, o cal supón unha evidencia máis do potencial de detectar e monitorizar mutacións clinicamente relevantes durante a evolución da enfermidade de forma pouco invasiva.

Cancro oral

Outra das achegas recollidas nesta tese atinxe á caracterización por primeira vez do ADN libre de células da saliva nos pacientes con cancro oral e individuos sans. “Esta caracterización pon de manifesto o potencial valor do estudo da integridade do ADN como biomarcador de cancro oral”, sinalou Rapado González. Ademais, a análise de marcadores de metilación na saliva demostrou ter un gran potencial para detectar e predicir o risco de desenvolver cancro de cabeza e colo, principalmente cancro oral e de orofarinxe. Concretamente, no carcinoma de células escamosas de lingua identificáronse no cuspe seis xenes metilados con alto valor como biomarcadores diagnóstico, constituíndo unha novidosa ferramenta para a detección temperá da enfermidade.

A análise de marcadores de metilación na saliva demostrou ter un gran potencial para detectar e predicir o risco de desenvolver cancro de cabeza e colo

Os resultados obtidos en todas as liñas de investigación abordadas na tese depararon contribucións significativas que permiten avanzar no coñecemento de novos biomarcadores no campo da oncoloxía de precisión e viron a luz nas revistas Oral Oncology, Annals of Medicine, Journal of Clinical Medicine, Journal of Personalized Medicine, ou Cancers, entre outras. Estas achegas tamén foron presentadas no 11th International Symposio Minimal Residual Cancer (ISMRC) celebrado en Montpellier (Francia), e no 4th Advance in Circulating Tumor Cells, Liquid Biopsy: Latest Advanced and Future Challenges (ACTC) celebrado na illa de Corfu (Grecia).

A tese e o tribunal

A tese realizada por compendio de máis de dez publicacións foi dirixida polos doutores María Mercedes Suárez Cunqueiro, profesora na área de Estomatoloxía da USC; Laura Muinelo Romay, responsable da Unidade de Análise de Biopsia Líquida do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS); e Rafael López López, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela (CHUS) e profesor da USC.

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Óscar Rapado González estivo composto por Luis Manuel Junquera Gutiérrez, catedrático de Cirurxía Oral e Maxilofacial na Universidade de Oviedo; a doutora Loretta de Chiara da Universidade de Vigo, con experiencia en biomarcadores tumorais; e o doutor Urbano Anido Herranz, oncólogo médico do CHUS. A investigación recibiu por unanimidade a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

Este traballo recibiu financiamento da Fundación Eugenio Rodríguez Pascual, da Xunta de Galicia e do Instituto de Salud Carlos III, así como da campaña de micromecenado para o estudo da biopsia líquida promovida por ONCOMET. O doutor Óscar Rapado González realizou a súa tese no programa de doutoramento de Ciencias Odontolóxicas da USC e a fase experimental da tese foi levada a cabo no IDIS, no seo do grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (ONCOMET).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectar cancro colorrectal a través das feces? Así o estuda un equipo da Coruña

O seu último estudo defende que un grupo de bacteriais orais implicadas en doenzas como a periodontite serven como biomarcadores tumorais

Científicas galegas identifican un novo xene relacionado co cancro colorrectal

É o primeiro estudo que relaciona a variación xenética en BMPR2 cun aumento de risco a desenvolver este tipo de tumores

Galicia avanza para contar cos seus propios medicamentos CAR-T nos próximos anos

A finais de ano abrirá un centro de produción en Santiago e un proxecto de investigación traballa para aplicalos en tumores sólidos

Así era Castro Valente: a fotografía láser recrea a muralla da gran fortaleza medieval galega

Un estudo da USC usa as novas tecnoloxías para ampliar información sobre o xacemento de 10 hectáreas situado entre Padrón e A Estrada