A miñoca de terra leonesa, en perigo crítico de extinción

Un estudo realizado por investigadores da Universidade de Vigo avalía o estado da especie, que só habita na contorna de San Miguel de Escalada

A miñoca de terra leonesa (Compostelandrilus cyaneus) é unha especie endémica que só habita nos arredores de San Miguel de Escalada, na provincia de León
A miñoca de terra leonesa (Compostelandrilus cyaneus) é unha especie endémica que só habita nos arredores de San Miguel de Escalada, na provincia de León.

A miñoca de terra leonesa (Compostelandrilus cyaneus) é unha especie endémica que só habita na contorna de San Miguel de Escalada, na provincia de León. Como todas as miñocas de terra, proporcionan importantes servizos ecosistémicos, como a mellora da fertilidade, da estrutura e da infiltración de auga nos solos. Pero a pesar deste importante papel, pouco se ten avaliado o seu estado de conservación. Por iso os investigadores Jorge Domínguez, do Grupo de Ecoloxía Animal da Universidade de Vigo (UVigo) e Daniel Fernández, da Université de Montpellier, puxeron en marcha un estudo para avaliar o seu estado atendendo tamén ao coñecemento da súa diversidade xenética e preferencias ecolóxicas.

Os resultados obtidos, que acaban de ser publicados pola revista Genes nun número especial dedicado á evolución e ecoloxía dos invertebrados do solo, permitiron situar esta especie na lista vermella da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), como especie en perigo crítico de extinción. Os investigadores explican que as miñocas de terra xogan un papel moi importante para a conservación do medio ambiente pero tamén para a sostibilidade da produción alimentaria, xa que a súa actividade na terra propicia o incremento da produtividade vexetal, o aumento da retención da auga ou a redución da compactación ou a erosión.

Avaliación da conservación

A pesar deste relevante papel, a avaliación do seu status de conservación ten sido un campo de estudo “relativamente ignorado pola comunidade científica” e, de feito, en Europa occidental non se teñen levado a cabo este tipo de estudos, a pesar de que é unha zona que posúe unha elevada diversidade de especies, moitas delas de xéneros antigos e illados. En concreto, na provincia de León xa foran identificadas varias especies de miñoca de terra “cunha historia evolutiva moi especial, xa que semella que poden ser moi antigas, e cunha distribución moi fragmentada”, recalca Daniel Fernández, que ata o pasado ano era investigador Juan de la Cierva na UVigo.

As miñocas de terra xogan un papel moi importante para a conservación do medio ambiente e tamén para a sostibilidade da produción alimentaria

Dúas destas especies foron descubertas polo profesor Jorge Domínguez e o seu grupo de investigación, e localízanse na zona do Bierzo; a outra é a leonesa, a Compostelandrilus cyaneus. “O que queriamos era saber é se estas especies ou outras similares se atopaban nos ocos entre esas localidades e comprobar como de pouco frecuentes son”, sinala Domínguez. E engade: “Debido a que só habitan zonas naturais que están en diminución pola acción do home, como os sobreirais, os aciñeirais e as zonas de matogueira, preocupábanos que puideran desaparecer”.

A Compostelandrilus cyaneus

A miñoca de terra leonesa ten un tamaño considerable, maior que o da maioría das que se atopan nos xardíns e terras de cultivo; é de movementos lentos e o seu corpo é fráxil e carece de pigmentación. Pasa toda a vida baixo terra, explican os investigadores, “alimentándose do propio solo, a diferencia doutras miñocas de terra que saen á superficie para alimentarse de follasca ou outros tipos de materia orgánica”. Tamén se caracterizan pola gran cantidade de montículos que producen, que son, en realidade, os excrementos que depositan na superficie cando escavan as súas galerías, e que son identificables a simple vista.

Esta especie só se tiña identificado nun aciñeiral próximo á vila de San Miguel de Escalada. En novembro de 2020 Domínguez e Fernández propuxéronse buscar a presenza desta especie noutras 31 localidades da provincia leonesa, e grazas ao seu traballo “agora sabemos que existen, cando menos, catro poboacións desta especie nunha zona de menos de 20 quilómetros cadrados, ao leste da cidade de León.

Área de distribución

Con estes datos, os investigadores realizaron un modelo que predixera a área de distribución real da especie así como a súa relación con distintos factores ambientais como a precipitación, a temperatura ou as características do solo. Tamén estudaron a variabilidade xenética destas poboacións, información que pode axudar a coñecer o estado de conservación e a saúde de cada unha delas. A investigación concluíu que existe unha “diversidade xenética considerable para unha área de distribución tan pequena, menor de 20 km2, coas poboacións en hábitats menos perturbados e, por tanto, mellor conservados, amosando unha variabilidade xenética maior que aquelas poboacións illadas dos hábitats naturais e rodeadas por hábitats de uso humano, como cultivos, bosques de repoboación ou zonas urbanas”.

A especie foi xa catalogada como en perigo crítico de extinción segundo os criterios da Lista Vermella de Especies Ameazadas

Daniel Fernández explica que a área de distribución predita polos modelos foi restrinxida a unha zona moi pequena do nordeste da provincia, e o hábitat máis idóneo dentro da súa área de distribución real apareceu moi fragmentado e limitado. Ademais, engade, as variables ambientais máis relevantes “suxiren a vulnerabilidade de Compostelandrilus cyaneus ao cambio climático e á compactación dos solos, recoñecidas pola FAO e a Comisión Europea como as maiores ameazas para a produtividade agrícola”. E é que, “aínda que a abundancia da especie nas catro poboacións que coñecemos é elevada, calquera delas podería desaparecer dunha tacada se se modifica o seu hábitat”. Por estes motivos, a especie foi xa catalogada como en perigo crítico de extinción segundo os criterios da Lista Vermella de Especies Ameazadas.

Causas e accións de conservación

Os investigadores identificaron algúns dos factores que afectan á distribución da miñoca de terra leonesa, principalmente a estacionalidade das precipitacións e da temperatura, e a compactación do chan. “As dúas primeiras estanse vendo xa afectadas polo cambio climático, e a terceira vaise incrementando coa intensificación da agricultura. Tamén sabemos que teñen unha menor diversidade xenética, que é unha medida da saúde das poboacións, en hábitats moi perturbados polo home”.

Algúns dos factores que afectan á distribución da miñoca de terra leonesa son a estacionalidade das precipitacións e da temperatura e a compactación do chan

Ante esta situación, Domínguez e Fernández tamén propoñen unha serie de accións dirixidas á conservación desta especies. Entre outras alternativas, propoñen programas de colaboración cidadá para coñecer mellor a localización das súas poboacións, así como “a limitación da modificación do hábitat das poboacións coñecidas e a creación de corredores de pastos con matogueiras e aciñeiras entre elas”. Explican que “o mantemento de zonas de vexetación autóctona nos bordes dos cultivos podería servir como refuxio e como pasarela entre as zonas máis idóneas, axudando a preservar estes animais que proporcionan un servizo moi importante aos ecosistemas”.


Podes ler o artigo completo do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.