Sábado 20 Abril 2024

Por que comen herba as nosas mascotas?

*Un artigo de 

Gatos e cans fan moitas cousas raras. Téñenme preguntado por que comen herba, cando ás veces vomítana uns minutos máis tarde. Un falso mito di que o fan para purgarse, pero non é así. Ou é que as súas mascotas sempre vomitan despois de comela? E por que non adoitan mostrar síntomas de atoparse mal antes? Simplemente, porque a purga non sempre é unha explicación válida.

Publicidade

Vexamos que se sabe realmente sobre por que cans e gatos comen plantas, e se é bo ou non permitilo. Empezarei polos gatos.

Os gatos e a herba

A maioría dos donos de gatos (se é que alguén é verdadeiramente capaz de apropiarse dun animal tan independente) diranche que se Micifúz papa un pouco de herba e logo vomita, é que está a ter problemas estomacais e faino para purgarse. Iso non é necesariamente certo. En realidade, os gatos, esas mascotas tan silandeiras ás que nunca vemos satisfacer as súas necesidades fisiolóxicas, comen herba todo o tempo. Os seus donos só caen na conta desa práctica cando atopan vómitos averdados no chan.

Un estudo constatou que o 71% dos gatos come herba de forma frecuente

Investigadores da Facultade de Veterinaria da Universidade de California en Davis (Estados Unidos) prepararon un traballo de investigación cuxo protocolo consistía en que máis de mil donos de gatos (o único requisito era que os felinos tivesen acceso a un xardín) pasasen polo menos tres horas ao día observando o comportamento da súa mascota. Como moitos propietarios de felinos sospeitaban, comer herba é un hábito extremadamente común: o 71% dos animais fixérono polo menos seis veces no período de observación e o 61% máis de dez veces. Só un 11% non mostrou prácticas vexetarianas.

Mentres que o 39% dos gatos novos (tres anos ou menos) comía plantas todos os días, só o 27% dos maiores de catro o facía. En canto aos vómitos, o número de gatos maiores que vomitaba despois de inxerir herba (30%) case triplicaba ao de mozos (11%). Os científicos descartaron outra suposición común: que comer herba axuda aos gatos para expulsar bólas de pelo.

Nun relatorio presentado no Congreso da Sociedade Internacional de Etoloxía Aplicada celebrado en Bergen (Noruega) entre o 5 e o 9 do pasado mes de agosto, os investigadores concluíron (PDF, páxina 106) que o vómito é simplemente unha consecuencia ocasional de comer herba e non o obxectivo. Comer plantas é instintivo e facelo supón (ou polo menos supoñía) un beneficio evolutivo para os felinos.

Numerosas investigacións realizadas en carnívoros salvaxes demostraron que comen habitualmente plantas, como se pode comprobar observando os restos vexetais sen dixerir que aparecen nos seus excrementos. Estudos sobre primates revelan que a inxesta de plantas non dixeribles (ver PDF) purga o sistema intestinal de parasitos helmínticos. Dado que practicamente todos os carnívoros salvaxes sofren unha carga de parasitos intestinais, o consumo regular e instintivo de plantas tería un papel adaptativo para manter unha carga tolerable de parasitos no seu sistema dixestivo, independentemente de que o animal detecte ou non os parasitos.

Baseándose en investigacións realizadas en animais salvaxes, a hipótese dos investigadores é que, aínda que os ben mantidos gatos caseiros de hoxe probablemente xa non teñan eses parasitos, a inxesta de herba é unha estratexia innata que probablemente evolucionou por primeira vez nun devanceiro salvaxe (desde 2017, grazas a un traballo de investigación publicado en Nature, sabemos que todos os gatos teñen un devanceiro común) para aumentar a actividade muscular no tracto dixestivo e axudalos a expulsar os parasitos intestinais. A investigación tamén apoia a hipótese de que os animais máis novos aprenden a comer plantas dos adultos.

E que lle pasa aos cans coa herba?

Esa conclusión reflicte o que o autor principal do relatorio, Benjamin L. Hart, atopou nun estudo similar publicado en 2008 que analizaba a frecuencia do consumo de plantas en cans.

Nesa investigación, o equipo tamén descubriu que os cans de cando en cando presentaban enfermidades antes de comer herba e que o vómito era unha consecuencia relativamente rara de comela. Ademais, a investigación tamén concluíu que a frecuencia de inxerila non estaba relacionada coa dieta do can ou coa cantidade de fibra que engulía, o que suxire que non estaban a tratar de compensar algunha deficiencia dietética.

En ambos os casos, Hart e o seu equipo expoñen a hipótese de que os animais máis novos comen máis herba porque o seu sistema inmunolóxico non é tan bo para manter baixo control aos parasitos, e porque a tensión nutricional é máis prexudicial para os animais en crecemento que para os cans e gatos adultos.

Tamén sinalan que os gatos parecen comer menos herba que os cans, o que podería deberse ben a que as infeccións parasitarias eran menos frecuentes entre as especies ancestrais felinas, ben a que o hábito felino de enterrar as súas feces e evitar as dos demais reduce a propagación de parasitos en comparación cos cans, que son moi afeccionados a meter o fuciño en asuntos alleos.

O resultado é que comer herba non é un sinal revelador de que un animal estea enfermo e, o que é máis importante, é un comportamento instintivo que mesmo o propietario máis dilixente non poderá impedir. A mellor solución, suxire o equipo de investigación, é asegurarse de que os gatos de interior (aos cans sempre hai que sacalos) teñan asegurado unha subministración regular de plantas non tóxicas para masticar.

Se despois o vomitan no chan da cociña, é un pequeno prezo a pagar pola preciosa compañía que lle presta a súa peluda mascota.


Manuel Peinado Lorca é catedrático de Bioloxía na Universidad de Alcalá de Henares, e investigador do departamento de Ciencias da Vida e o Instituto Franklin de Estudos Norteamericanos.

* Cláusula de divulgación: É tamén responsable do Grupo Federal de Biodiversidade do PSOE

1 comentario

  1. A ‘Erva dos cans”, nome que lle daba miña avoa a unha erva. Sempre hai alghunha que comen de mellor ghana ca outra. As veces máis que comere parece que pacen.
    Ala.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A toxoplasmose é un factor de risco para o envellecemento inflamatorio nos maiores

Un estudo da UDC demostra que as persoas cunha resposta de anticorpos máis forte á infección tiñan máis probabilidades de ser fráxiles

O can de palleiro: a raza galega que busca ser excepción na Lei de Benestar Animal

A normativa prohíbe a cría a particulares, o que exclúe ás asociacións que traballan sin ánimo de lucro para dar continuidade ás especies autóctonas
00:02:22

Así se comportan os animais cando ninguén os ve

A organización Rebinxe agochou cámaras nos montes galegos para retratar todo tipo de fauna e recompilar información para uso científico

Estudan diminuír o uso de antibióticos en animais a partir dun extracto de uva branca

O consorcio internacional coordinado pola profesora da USC Marta Lores desenvolveu en Porto a súa terceira asemblea xeral