O vídeo que o patrón da embarcación Serlema subiu recentemente a Twitter sobre a magnífica escultura Espera de Iría Rodríguez (en punta da Insua, municipio galego de Laxe, Costa da Morte) levoume inmediatamente a viaxar no tempo aos recordos das noites de angustia pola volta da familia cando no mar azoutaba o temporal. Emociona esa mirada ao horizonte de poñente, esperando por aqueles que non volveron polo naufraxio dos seus barcos de pesca.
Cando estou na casa,gustame vir sempre aqui o cabo de Laxe ,e fumar un pitilliño sentado os pes da "Espera", escultura de Iria Rodriguez, e pensar un anaquiño nos que ,como meu pai ,non voltaron. pic.twitter.com/ct2EJSNgcY
— Serlema (@Serlema1) November 5, 2021
Os alimentos que proceden dos océanos desempeñan un papel crucial na consecución da meta que supón alimentar á poboación mundial conforme aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) marcados pola ONU. Especificamente os ODS co número 2 (fame cero), 12 (produción e consumo responsable), 13 (acción polo clima) e 14 (vida submarina).
A Organización de Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO, polas súas siglas en inglés) publicou no seu último informe unha estimación do consumo mundial de peixe e marisco: 20,5 kg per cápita, o que supón na práctica o dobre do consumo que hai 50 anos.
Na figura 1 móstrase o consumo per cápita en Iberoamérica: aínda que España e Portugal lideran o consumo, cabe destacar que en Sudamérica o consumo aumentou aproximadamente un 90 % nos últimos 50 anos.
Que nos din as etiquetas do peixe?
Unha boa alimentación é fundamental para a nosa saúde e a do planeta. Para garantila, os produtos que se comercializan deben ter a información precisa que permita aos consumidores tomar a decisión adecuada.
A continuación, detállanse os aspectos máis relevantes a sinalar nas etiquetas dos produtos pesqueiros:
• Zona de captura. A FAO establece unha serie de zonas a efectos de definir a procedencia das capturas pesqueiras nos océanos. Na zona 27 (Atlántico, nordeste) e a 37 (Mediterráneo e mar Negro) faena unha parte importante da frota española. Cada zona subdivídese nunha serie de subzonas e estas á súa vez en divisións (figura 3).
• Primeiro expedidor. Corresponde á lonxa, ou centro de primeira venda no caso dos moluscos bivalvos, onde se produce a primeira poxa do peixe.
• Denominación. Inclúese o nome científico, denominación comercial e o acrónimo establecido pola FAO para as diferentes especies. O exemplo de etiqueta exposto na figura 2 corresponde ao Raja montagui, isto é, o raio manchado, cuxo acrónimo da FAO é RJM. É común que tamén se detalle o nome local, neste caso, a súa denominación en galego: raia de pintas.
• Cantidade, método de produción e presentación. Na cantidade especifícase o peso do lote que se poxa (ao que se asignará un código para a súa rastrexabilidade). O método de produción fai referencia á súa procedencia da pesca extractiva (capturado) ou de acuicultura (de cría). Na presentación puntualízase a forma na que se comercializa ou tamén se sufriu algún tratamento previo (por exemplo, desconxelado).
• Tipo de arte de pesca. Corresponde aos medios utilizados polo produtor para obter produtos pesqueiros con vistas á súa introdución no mercado. No caso da pesca extractiva, será o buque (nome e matrícula) e no caso da acuicultura, a propia instalación (número do Rexistro de Explotacións Gandeiras e titular). No caso de modalidades de pesca sen embarcación ou sen instalación acuícola, será a persoa física ou xurídica. Este aspecto é moi importante, xa que, xunto co caladoiro, a arte de pesca ten unha influencia notable na pegada de carbono e noutros aspectos ambientais, como o respecto á biodiversidade evitando os descartes. No caso da raia de pintas (figura 2), a arte sinalada na etiqueta é “redes enmalle”.
Selos de calidade e ecoetiquetas
Co obxectivo de fomentar a pesca sostible, pódense incluír de forma adicional selos de calidade ou ecoetiquetas adicionais. Na etiqueta da figura 2 detállanse tres logos:
- Selo de garantía de calidade pescadeRías. A marca pescadeRías, de onde se non? é un selo de identidade para a promoción e defensa dos peixes e mariscos procedentes da frota artesanal galega. A UE considérao como unha boa práctica.
- Selo da lonxa de Ribeira. Pon en valor o tratamento e rastrexabilidade do peixe poxado polo primeiro expedidor.
- Ecoetiqueta de pescaenverde. Garante que posúe unha baixa pegada de carbono (kg de CO₂ equivalente/kg de produto) e unha alta taxa de retorno enerxético ( TRE, cociente entre a enerxía proteica que achega e a enerxía necesaria para a súa captura e descarga en porto).
Os pescadores e os consumidores deben establecer unha relación recíproca: os pescadores deben ofrecer produtos que na súa captura sexan cada vez máis respectuosos co medio ambiente e, pola súa banda, os consumidores deben ter unha actitude proactiva ao optar por aquelas pesqueiras con menor impacto ambiental. Coidar da sustentabilidade dos océanos tamén significa poñer en valor o vector social da pesca. Axudemos aos pescadores que aman e coidan o mar.
Cláusula de divulgación: Gumersindo Feijoo Costa non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis aló do cargo académico citado.