Xoves 25 Abril 2024

Tribuna | Por que pechar colexios e universidades para frear a COVID-19?

* Un artigo de 

Nunca unha enfermidade tivera o impacto mediático, económico e social que estamos a vivir coa pandemia polo novo coronavirus SARS-CoV-2 e a doenza que causa, a COVID-19. E iso que no último século tivemos importantes epidemias víricas, como a sida nos 80, a gripe aviaria nos 90 e o brote de ébola hai só 5 anos.

Publicidade

O número de casos e de falecidos por COVID-19 poden seguirse a tempo real. Aumenta de día en día en todo o mundo. Ata cando? Todo apunta que antes do verán debería remitir, porque o sol reduce a viabilidade do virus, a calor diminúe as aglomeracións en espazos pechados e porque quedarán moitas menos persoas susceptibles de contaxio.

Ata entón, moitos nos infectaremos, afortunadamente de forma asintomática, con poucos síntomas ou con maior gravidade, pero con recuperación completa. Unha vez superada a infección, é previsible que a inmunidade nos protexa en caso de nova exposición.

Distanciamento social: mobilidade e aglomeracións

A recomendación do distanciamento social persegue reducir o risco de contaxio e impedir que as infeccións ocorran de modo masivo. Isto é, que aínda que se produzan, sexa dun modo gradual, fundamentalmente para non colapsar os servizos de saúde.

Porque o realmente importante é que os pacientes que desenvolvan cadros graves poidan ser ben atendidos médicamente. Isto é máis sinxelo se os servizos de urxencias non quedan desbordados por un gran número de consultas nun curto espazo de tempo. O triángulo de poboacións do COVID-19 represéntase na seguinte figura. O beneficio será maior canto menor sexa a interacción e maior o afastamento entre eses grupos.

As medidas encamiñadas a reducir a mobilidade e as aglomeracións son efectivas en atrasar a propagación da epidemia. Tomáronse en China e Italia, e agora en España.

Entre esas accións están o peche de garderías, colexios e universidades en Madrid, Vitoria, Aragón e La Rioja. É unha medida drástica, pero evita a aglomeración e convivencia estreita dos alumnos, á vez que reduce a mobilidade dos pais e outros familiares ao transportalos ao centro educativo.


De igual modo, cancélanse os eventos que reúnen multitudes, como espectáculos, competicións deportivas e conferencias.

Por último, unha medida máis drástica refírese á redución ou suspensión dos transportes públicos, incluíndo metro, trens e avións.

Como regra xeral é conveniente anular as reunións en espazos pechados con máis de 10 persoas. Hai que primar que se fagan a través da rede, en remoto, en espazos abertos ou distribuíndo grupos pequenos en lugares distintos.

Estas son as medidas e consellos a ter en conta para frearmos o coronavirus

Anciáns, inmunodeprimidos, xestantes e pacientes oncolóxicos

A pesar de que o coronavirus produce na maioría de infectados só un cadro catarral, que non dura máis dunha semana, hai varios grupos de poboación nos que pode derivar nunha pneumonía grave. Son os seguintes:

  • Anciáns.
  • Persoas con enfermidades crónicas, como diabetes, bronquite crónica, infarto de miocardio, cirrose, etc.
  • Persoas enfermas de cancro.
  • Pacientes que toman medicación inmunosupresora, como os trasplantados, corticoides ou fármacos biolóxicos para a artrite reumatoide, psoríase, esclerose múltiple, enfermidade inflamatoria intestinal, etc.
  • Mulleres xestantes.

As empresas debene evitar que acudan ao lugar de traballo os empregados de calquera deses grupos, para reducir o risco de contaxio e desenvolvemento de casos graves.

No posible, debe fomentarse o teletraballo. Esas persoas deben recluírse en casa, minimizando o risco de exposición e interacción con outros. Procurarán non ter visitas nin facelas fóra do seu domicilio.

O resto de persoas, se teñen síntomas de arrefriado, isto é, febre, tose, dor de cabeza, etc. procurará quedarse na casa e non acudir ao traballo para non contaxiar a outros. Poden poñerse máscaras se precisan saír ou estar con outros.

Se un traballador é diagnosticado de infección por SARS-CoV-2, debe quedar no seu domicilio. Informarase os seus compañeiros máis inmediatos de traballo e recomendaráselles que se autocontrolen (febre e tose). Non é obrigado que se fagan a proba se permanecen asintomáticos.

E, como xa saben, todos debemos lavarnos moito (e ben) as mans.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade