O gran de area de Ourense na misión do Solar Orbiter

Antonio Ferriz e Fermín Navarro, profesores da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, colaboran no proxecto

O pasado 10 de febreiro, co lanzamento desde Cabo Cañaveral (Florida, EUA) dun foguete Atlas V, a misión Solar Orbiter puxo rumbo cara ao seu obxectivo, a estrela que alumea o noso planeta. Grazas a esta misión da NASA e Axencia Espacial Europea, por primeira vez unha nave espacial poderá obter imaxes de lugares do astro rei nunca antes observados deste xeito: os polos norte e sur do Sol. Dentro deste gran proxecto internacional hai tamén achega galega, co traballo de Antonio Ferriz e Fermín Navarro, que forman parte do equipo da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, e que este martes ofreceron unha charla divulgativa no ciclo Foro Aero.

Tal e como expuxeron aos asistentes Ferriz e Navarro, Solar Orbiter tamén busca botar luz sobre algúns dos aspectos menos coñecidos da actividade desta estrela, como a formación do vento solar ou a orixe do seu campo magnético.

Publicidade

Solar Orbiter: comeza a viaxe cara a “terra incognita” do Sol

Antonio Ferriz, que é profesor do Departamento de Física Aplicada, explicou durante a súa intervención como desde o ano 2008 forma parte do grupo de investigación Física Solar do Instituto de Astrofísica de Andalucía, en Granada. Este grupo, indicou, “dedícase fundamentalmente ao estudo dos campos magnéticos solares desde tres puntos de vista: o teórico, o observacional e o instrumental”.

En relación coa parte instrumental, detallou, o grupo de Física Solar ocupouse no proxecto Solar Orbiter do deseño, desenvolvemento e construción do instrumento SO-PHI (Polarimetric and Heliosismic Imager for Solar Orbiter). “SO-PHI é o instrumento máis grande e importante dos dez que forman parte dos experimentos da misión espacial Solar Orbiter. SO-PHI ten como cometido a medida do campo magnético solar e das velocidades do plasma na fotosfera solar”, sinalou o profesor da Universidade de Vigo.

Publicidade

No desenvolvemento deste instrumento, engadiu Ferriz, tamén estiveron involucrados o Instituto Max-Planck de Investigación do Sistema Solar (Göttingen) e o Instituto de Física Solar de Friburgo, ambos en Alemaña.

Pola súa banda, Fermín Navarro, profesor tamén da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, explicou como desde 2007 ata 2013, mentres traballaba no Instituto de Microgravedad Ignacio de la Riva da Universidad Politécnica de Madrid, participou “no deseño do control térmico de varios instrumentos que se atopan a bordo de Solar Orbiter, agrupados co nome de Energetic Particle Detector, durante distintas fases da misión”. “Entre eles, no que tiven máis dedicación foi no de Electron Proton Telescope-High Energy Telescope, facendo ademais do deseño do control térmico do instrumento, a validación do modelo térmico cos resultados dos ensaios en cámara de baleiro-térmica”, explicou o profesor.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Esta é a primeira mostra do mapa do universo elaborado pola ESA e con participación galega

A misión Euclid elaborará a primeira cartografía tridimensional do cosmos, rexistrando as formas, distancias e movementos de millóns de galaxias localizadas a 10 mil millóns de anos luz

Estas son as cinco espectaculares imaxes do universo capturadas polo telescopio Euclid

O observatorio da ESA retrata, nun só día e con gran detalle, cúmulos de galaxias e estrelas e tamén presenta unha decena de artigos científicos

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

Como medir as estrelas para revelar os misterios da Vía Láctea

Os investigadores do CITIC Xabier Pérez e Lara Pallas participan na misión Gaia, que pretende crear o maior mapa 3D da nosa galaxia