Venres 19 Abril 2024

Os retos do turismo que virá

Encontrar solucións corre hoxe máis présa ca nunca, pero nunca antes fora tan difícil imaxinar o mundo que nos agarda cando o confinamento chegue á súa fin

En 2019 chegaron a España 84 millóns de turistas estranxeiros. Esa cantidade este ano verase reducida brutalmente e sen precedentes históricos dos que, alomenos, aprender. A velocidade exponencial coa que todo cambia crea escenarios con tanta incertidume que calquera previsión ou tendencia queda obsoleta en menos dunha semana. Nun entorno tan pouco estable, como buscar solucións e de que tipo?

O sector do turismo é moi amplo, no seu conxunto engloba moitos outros subsectores que de maneira directa contribúen ao PIB que xera o sector, como son aloxamentos, actividades inmobiliarias, restauración, transporte por estrada, ferrocarril, marítimo e aéreo, aluguer de vehículos, axencias de viaxes, industria cultural e de actividades e experiencias. No ano 2019 achegou o 12 % do PIB e preto do 13% do emprego, segundo datos do INE. Segundo un informe elaborado por American Express e o lobby World Travel & Tourism Council (WTTC) a súa contribución ao PIB é moito maior, superando o 15 %, xa que engaden para o cómputo aquelas actividades indirectas como o comercio, entre outras.

Publicidade

Segundo a ministra de Turismo, Reyes Maroto, nunha entrevista ao xornal El País do pasado 12 de abril,  a volta á normalidade basearase en dous conceptos: un, o de España como destino seguro dende o punto de vista sanitario, e outro, o de persoa segura, no sentido de garantir que as persoas que veñan a España estean libres de coronavirus. Para a ministra, estimular a demanda do sector pasará este ano por estimular, sobre todo, o consumo interno, primeiro, para poder compensar a caída de visitantes internacionais e, segundo, porque as fronteiras estarán pechadas mentres a crise sanitaria non remita.

Daquela, ante esta situación, onde ninguén e capaz de acoutar con certeza a duración e intensidade da crise, compre entender os principais retos aos que nos enfrontamos, que son comúns a moitos outros sectores da actividade económica, pero que no caso do turismo adquiren unha relevancia maior debido a que, polas súas propias características, é previsible que sexa un dos últimos en recuperarse, o que se ve agravado polo feito de que gran parte das empresas que o conforman son de pequeno ou mediano tamaño.

Os escenarios temporais que se perfilan nos próximos meses, semellan ser de tres tipos: o primeiro e máis inmediato, aquel que ten que ver coas axudas financeiras e fiscais dos gobernos nacional e autonómicos (e por suposto da UE) e que deberían ser as suficientes para axudar a compensar as perdas, incalculables aínda.

O tecido do sector turístico é moi desigual, as necesidades de cada subsector son dispares e os límites financeiros e de endebedamento do Estado limitados. Con respecto a isto, importa saber canto antes, ata onde pode chegar o endebedamento do Estado, e durante canto tempo, para evitar a quebra de moitas das empresas que configuran o sector?

No ano 2019 o turismo achegou o 12 % do PIB e preto do 13% do emprego

O segundo dos escenarios produciríase cando se levante o confinamento e se poidan retomar algúns dos nosos hábitos anteriores (aínda que con moitas restricións). Neste caso, o estudo epidemiolóxico a 60.000 persoas que o Instituto Carlos III e o INE desenvolverán para coñecer o grao de inmunidade da poboación parece determinante para marcar a evolución das restricións sanitarias ás que estamos sometidos. Ata coñecer eses resultados será difícil adiviñar como será a desescalada. A única certeza parece ser, aínda cuns resultados positivos deste estudo, e mentres non haxa unha vacina, a de seguir mantendo a distancia social xunto coas normas de hixiene e seguridade.

Este escenario a medio prazo implica necesariamente para os destinos, hoteis, restaurantes, e empresas de servizos do sector, a busca rápida de solucións para acomodarse a protocolos de seguridade completamente inéditos ata o momento.

A tipoloxía das empresas do sector, moitas delas PEMES, e a súa falta de liquidez derivada da propia crise (e arrastrada en moitos casos aínda da crise anterior do 2008) marcará a diferencia á hora de poder implementar, ou non, os novos protocolos e innovacións tecnolóxicas necesarias para dar confianza a sociedade en xeral.

Outra variable que pode afectar negativamente é a renda media por persoa, porque o diñeiro dispoñible para gastar en vacacións será menor este ano debido á crise. Por iso, iniciativas como a do “Bono Vacanze”, que pretende poñer en marcha o goberno italiano, semellan ser un incentivo útil.

A máis longo prazo, un terceiro escenario, que se pode estender máis alá de dispoñer dunha vacina, virá marcado polas innovacións e protocolos de seguridade que o sector do transporte, especialmente o ligado ao turismo, cunha demanda de viaxeiros mermada, terá que acometer nos próximos meses para acomodarse ás novas normas de seguridade nacional e internacional.

É unha incógnita, neste caso, se o número de viaxeiros se reducirá  por traxecto e como iso repercutirá no custe das viaxes. Todos estes cambios e posible que permanezan no longo prazo e cambien a nosa forma de viaxar no futuro, como aconteceu tralo 11-S.

Retos enormes, e difíciles de abordar, que provocarán a quebra e expulsión do sector daquelas empresas que non teñan a capacidade económica para abordalos. Por iso, e porque serán as que máis tempo soporten a crise, as axudas fiscais e crediticias do Estado e das Administracións Autonómicas serán vitais.

No entanto, hai tamén oportunidades, e moitas, para que as Administracións Públicas responsables do turismo plantexen novas políticas, que a diferenza dalgunhas das actuais, deberán estar centradas no fomento dun turismo máis responsable e rico en contidos, máis próximo e diferenciador. Penso que é o momento de poñer en valor recursos do patrimonio natural e cultural  que agora están menos promocionados, o que suporía un revulsivo para aquelas zonas rurais con espazos naturais singulares. Tamén as axencias de viaxes podan ter nesta época de reconstrución unha boa oportunidade, pola maior confianza que outorgarán as viaxes organizadas, con recomendacións de hoteis, empresas e guías máis pegados ao destino. Para os guías turísticos supón tamén a posibilidade de ofrecer novos servizos e contidos.

Grandes retos, inéditos, e que, sen deixar de atender ao curto prazo neste momento, requiren solucións para comezar a dar resposta aos cambios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023