Estes días fanse 20 anos dende o accidente do petroleiro Prestige fronte ás costas galegas. O 13 de novembro de 2002 o buque sufriu unha vía de auga que o levaría finalmente ao seu afundimento o día 19 de novembro.
Boa parte das 77.000 toneladas do fuel de alta densidade que transportaba o buque foron vertidas ao mar e, en maior ou menor medida, chegaron á costa, afectando fundamentalmente a Galicia, pero tamén á costa do Cantábrico e mesmo se detectou presenza de fuel en Francia e o Canal de la Mancha. En 2004 extraéronse do pecio unhas 14.000 toneladas de fuel e sábese que quedaron algúns centos de toneladas na parte de proa.
O afundimento produciuse a 250 quilómetros de distancia da costa e o pecio está dividido en dous grandes anacos: a proa a 3.820 metros de profundidade e, a máis de 3 quilómetros de distancia a popa, a 3.545 metros de profundidade.
O fuel que se verteu entre os días 13 e 19, así como o que seguiu saíndo do pecio tras o afundimento, foi chegando en sucesivas ondas á costa causando unha terrible catástrofe ecolóxica.
Así estudamos a evolución da vertedura
Desde o Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC) coordinouse unha resposta rápida e multidisciplinar a esta catástrofe. Apenas unhas semanas despois da vertedura, realizouse a primeira campaña oceanográfica a bordo do buque oceanográfico Cornide de Saavedra para recoller mostras de auga e sedimentos mariños na zona de Galicia para o estudo dos hidrocarburos aromáticos presentes nestes compartimentos. Esta campaña repetiuse, ampliándose a zona de cobertura tamén ao Cantábrico, en febreiro e setembro de 2003 e febreiro e setembro de 2004 para estudar a evolución temporal da vertedura.
Así mesmo, desde febreiro de 2003 levaron a cabo campañas de recollida de mexillón silvestre, especie habitualmente usada como indicador da contaminación mariña, ao longo da costa afectada. O obxectivo era estudar a situación puntual e a evolución temporal do impacto nos seres vivos costeiros.
O feito de que xa dispuxésemos dunha metodoloxía de análise contrastada, así como dunha serie temporal previa de datos de concentracións de hidrocarburos aromáticos policíclicos tanto en sedimento como en organismos mariños, foi fundamental para avaliar correctamente a vertedura. Ademais serviu para comprobar se se alcanzaban de novo as condicións previas ao mesmo.
Así mesmo, durante os meses posteriores ao afundimento fixéronse multitude de análise de especies comerciais incluíndo peixes, moluscos, crustáceos, equinodermos, etc. para tratar de definir o alcance do impacto e avaliar a súa recuperación.
Foron miles de mostras analizadas, cuxos resultados se plasmaron en diversos informes que se poñían rapidamente ao dispor de autoridades e da poboación. Tamén supuxo a participación en proxectos de investigación en colaboración con outros organismos de investigación e universidades e a publicación de artigos científicos nos que se presentaron todos estes resultados. En definitiva, un esforzo inxente para dar resposta a unha catástrofe que tamén resultou enorme.
Impacto na Costa da Morte
Para todos os tipos de mostras analizadas determinouse que a zona máis afectada foi a Costa da Morte. A evolución do contido de hidrocarburos en auga de mar nunca foi moi alta debido ás características do fuel vertido, con moi baixa solubilidade en auga.
Os incrementos observados nas primeiras campañas foron desaparecendo xa na campaña de febreiro de 2003 no caso da zona de Galicia e o descenso no Cantábrico foi máis evidente a partir de setembro de 2003.
As maiores concentracións en sedimento atopáronse na Costa da Morte e nas entradas das rías. Os estudos de evolución temporal mostran un descenso paulatino nos seguintes anos ocasionado pola disgregación e enterramento dos parches de fuel, pero con algunha remobilización no inverno seguinte que ocasionou de novo un incremento de concentracións.
Testemuñas da contaminación
En canto aos seres vivos, os estudos de mexillón silvestre indicaron un gran incremento de hidrocarburos nos primeiros meses tras o afundimento e un descenso significativo cara a xuño de 2003.
As análises de peixes sempre lanzaron valores moi baixos, por baixo do límite de detección das técnicas analíticas na maior parte dos casos. A razón non é a ausencia de impacto nestas especies, senón a alta capacidade de metabolización e eliminación de hidrocarburos que presentan os vertebrados.
En canto ás outras especies que estudamos (navalla, ourizo de mar, percebe…) víronse moi afectadas os primeiros meses despois da vertedura e os niveis normalizáronse a partir do verán de 2003.
Durante o outono-inverno de 2003 observouse un incremento das concentracións debido en boa parte á removbilización do fuel debido aos temporais, pero a partir dese momento as concentracións observadas foron similares ás previas á vertedura.
As características físico-químicas do produto vertido (fuel pesado), xunto coa elevada dinámica da costa atlántica, condicionaron enormemente a evolución da vertedura. Calquera outro produto podería ter unha evolución diferente condicionada por estas características.
En calquera caso, foi fundamental a información previa que se tiña sobre o medio a estudar, así como a capacidade de reacción inmediata ante un problema como o que se presentaba. Todo iso fixo posible un seguimento rápido e detallado da evolución da vertedura.
*Lucía Viñas Diéguez é investigadora científica en Contaminación Mariña do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC)
Cláusula de divulgación: Os proxectos do IEO relacionados co Prestige recibiron financiamento do Ministerio de Educación e Ciencia e da Xunta de Galicia.