Xoves 28 Marzo 2024

Como axudar ás persoas maiores que pasan soas a corentena

*Un artigo de 

A corentena supón a perda de liberdade e control sobre as nosas vidas. Iso provócanos un sentimento de indefensión e incerteza sobre o futuro que pode ser perturbador. Estudos previos teñen demostrado, de forma repetida, os efectos prexudiciais do illamento social na saúde. Con todo, a evidencia científica acerca das consecuencias dunha corentena é limitada.

Publicidade

Datos recentes

Nun traballo recente publicado en The Lancet, investigadores do King’s College de Londres realizaron unha revisión acerca dos efectos psicolóxicos provocados polo illamento obrigatorio.

Os autores sinalaron que o confinamento pode ter consecuencias adversas para a saúde mental, incluíndo a aparición de sintomatoloxía ansiosa ou depresiva, estrés postraumático, así como sentimentos de ira, tristeza, irritabilidade ou medo.

Estes efectos, que poden manterse mesmo a longo prazo, estarían explicados por diversas variables: a frustración ou incerteza, unha elevada sensación de risco á infección, a falta de subministracións ou a información inadecuada, a perda da capacidade financeira, ou un período prolongado da corentena. En calquera caso, os efectos psicolóxicos da corentena aparecerán en maior ou menor medida dependendo da nosa forma de ser e experiencias previas, as cales influirán nas nosas estratexias para afrontalo.

A corentena en persoas maiores

De acordo cos últimos datos dispoñibles do Instituto Nacional de Estatística, en España case o 20% da poboación ten máis de 65 anos. Máis especificamente, a proporción de octoxenarios supera xa o 6% de toda a poboación.

Neste segmento da poboación obsérvase un incremento de fogares unipersoais, o que á súa vez aumenta a probabilidade de illamento social e soidade non desexada. A soidade non desexada relacionouse cun estado de peor saúde físico e mental.

Nunha situación de excepcionalidade como a que estamos a vivir, na que os nosos maiores constitúen un dos grupos de maior risco, o confinamento forzoso e prolongado pode provocar que os sentimentos de soidade non desexada e os seus efectos vaian en aumento. Nestas circunstancias, as persoas de maior idade poderían mostrar máis problemas para concentrarse ou desenvolver tarefas distintas, maior ansiedade, estrés, axitación, dificultade para manter un sono reparador, ou retraemento.

“Temos que lembrarlles que xa experimentaron outras adversidades ao longo das súas vidas e superáronas con éxito”

Como podemos axudar aos nosos maiores?

Con información fiable e limitada

En ocasións pode resultar difícil controlar a preocupación e os pensamentos intrusivos acerca da enfermidade. É por iso fundamental que a información consultada sexa veraz e evitemos unha exposición excesiva, innecesaria e prexudicial. No caso de colectivos potencialmente vulnerables, como son as persoas maiores, é importante que reciban a información de maneira clara e realista, sen caer no alarmismo.

Co coidado da saúde

A falta de tolerancia diante da incerteza fainos vulnerables fronte as emocións negativas. Por iso é importante prestar atención ás nosas emocións para tratar de identificalas e reflexionar sobre elas. Aceptar a incerteza e confiar nos profesionais que xestionan esta crise é esencial para non deixarnos levar polo pánico. Neste sentido, numerosos organismos oficiais elaboraron recomendacións para afrontar de forma eficaz o malestar emocional xerado pola Covid-19.

Aos nosos maiores debemos transmitirlles que esta situación é temporal e a importancia de manter unha actitude positiva. Temos que lembrarlles que xa experimentaron outras adversidades ao longo das súas vidas e superáronas con éxito.

Manternos ocupados tamén nos axudará a reducir o medo e a ansiedade. Seguir unha rutina outorga significado á nosa vida diaria e fomenta o noso benestar. Podemos trasladar aos nosos maiores a relevancia de establecer horarios, alimentarnos de forma axeitada, realizar exercicio físico na medida do posible e buscar momentos de tranquilidade.

Con distancia física, pero non emocional

Escoitamos e lemos moito nos últimos días sobre a importancia de manter a distancia social para combater esta crise sanitaria.

Nun estudo europeo sobre os factores que máis contribúen ao benestar subxectivo das persoas de idade avanzada, o noso equipo de investigación evidenciou que as relacións que xeran apoio, pertenza e aprecio son a fonte fundamental de benestar subxectivo para este segmento da poboación. Intercambios sociais que involucran, principalmente, á familia máis próxima. É por iso que, a pesar da imperiosa necesidade de permanecer nos nosos domicilios para previr a propagación do virus, a distancia debe ser física, pero non ten nin debe ser emocional.

Resulta esencial priorizar a comunicación e procurar que as persoas maiores se sentan acompañadas. Elas esperan as nosas chamadas. Precisan saber que nos preocupamos polo seu benestar, que estamos ao seu lado, que as escoitamos, e que nós estamos ben. Para aquelas persoas que teñan acceso e os coñecementos para conectarse a través doutras modalidades a distancia, as vídeochamadas e mesmo os xogos colaborativos poden ser grandes aliados. Diversas institucións e organizacións non gobernamentais traballan de forma incansable para ofrecer a súa axuda ás persoas en situacións máis comprometidas ou que contan cunha rede de apoio limitada.

As persoas somos seres sociais: vivimos en grupos e dependemos os uns dos outros. As estritas medidas de corentena supoñen un gran reto para todos porque conlevan a ausencia ou diminución das nosas interaccións sociais, o que pode ter importantes implicacións para a nosa saúde física e mental. Esta pandemia pon en primeira liña o compromiso no coidado dos demais e a protección do común.


Elvira Lara é psicóloga e investigadora postdoctoral na Universidad Autónoma de Madrid.

*Cláusula de divulgación: a autora non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A incorporación de maiores a Internet aumenta en Galicia máis dun 15%

Un estudo elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información reflicte a redución da fenda dixital

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia