Durante os meses de marzo, abril e maio, España foi un dos países con maior número de casos de Covid-19 e falecementos por esta causa, en proporción ao número de habitantes. Neste momento, España lidera o número de infectados e de mortes rexistradas en Europa durante as últimas dúas semanas. Xa non hai dúbida de que nos atopamos inmersos nunha segunda onda da pandemia. A situación é moi preocupante.
Nos últimos meses publicáronse dous artigos, en The Lancet e The Lancet Publich Health sobre a necesidade de avaliar de forma independente a resposta de España á crise da Covid-19. Por que España volve estar nunha situación tan mala? Que se fixo mal para liderar a clasificación de países con peores datos? En que fallamos?
As pandemias son moi difíciles de controlar; se non, non serían pandemias. O nivel de incerteza foi moi alto e, por iso, non foi fácil tomar decisións. Por esa razón, e aínda que houbo e hai responsables do que aconteceu, non queremos facer aquí unha crítica incisiva a posteriori para buscar culpables, senón valorar o que pasou para prepararnos diante de futuras ondas e evitar que volva pasar.
Os científicos insisten: a avaliación da resposta á Covid-19 en España é “urxente”
1. Falta de liderado
En momentos de crises, o liderado é un elemento clave. Os líderes deben tender pontes, propiciar consensos, integrar a persoas e grupos diferentes a favor dun obxectivo común. Actuando con flexibilidade, o líder debe rodearse dos mellores, con independencia da súa ideoloxía, porque o obxectivo é a saúde, a seguridade e o benestar de todos. España careceu dese liderado ao longo desta crise.
2. Descoordinación
Houbo unha evidente falta de coordinación entre o Goberno central e as Comunidades Autónomas. Da centralización total do estado de alarma pasouse ao “sálvese quen poida”. Os virus non saben de fronteiras, polo que, nun estado descentralizado como o noso, debe compatibilizarse de forma intelixente o principio de subsidiariedade coa necesaria coordinación entre as diferentes administracións: estatal, autonómica e municipal.
3. Equívoco papel da ciencia
Para tomar decisións ben fundadas necesítase contar co mellor coñecemento dispoñible. Por iso, un liderado efectivo esixe que todas as decisións sexan informadas por un comité científico multidisciplinar. Isto non quere dicir que só se teñan en conta elementos científicos; tamén deben considerarse outros.
Pero a responsabilidade última debe ser de quen as toma. Isto é, das autoridades competentes para iso. Moitos responsables políticos de diferentes niveis confundiron de forma interesada o suposto soporte científico das súas decisións con consideracións de carácter político e económico. Esa confusión debe desaparecer; a mellor garantía para iso é que os informes en que se basean as decisións sexan públicos e estean ao alcance de todos.
4. Falta de datos
O mellor coñecemento dispoñible esixe, por suposto, contar cos datos que dan conta da situación en cada momento. Pero durante estes meses a xestión de datos foi caótica. Sen contar a tempo con métricas, indicadores e limiares claros, non se pode gobernar unha crise como esta. A coordinación neste punto tamén foi moi deficiente.
É fundamental coñecer o número de falecidos, casos con síntomas, asintomáticos, porcentaxes de PCR feitas con resultado positivo, outras probas, tipos de contaxios, número de rastrexadores, datos de atención primaria, hospitalizacións, gravidade, por idades, sexo, procedencia, mobilidade, etc. E todos eses datos teñen que ser públicos, porque o escrutinio público é a mellor garantía de que se fai un bo uso deles.
5. A controversia política
A pandemia non é un problema político, senón comunitario. Pero desde o seu comezo utilizouse como arma arreboladiza no enfrontamento partidario. E desa confrontación, o único beneficiado foi o virus. A crispación política alimenta a polarización, o que conleva que a cidadanía se aliñe cos seus e renuncie a avaliar as súas actuacións de forma crítica.
Ademais, incrementa a confusión en relación coa adecuación das medidas propostas ou os seus posibles alternativas, o que acaba socavando a credibilidade daqueles a quen se atribúe a súa paternidade (os expertos) e, por suposto, tamén dos responsables políticos. A gravidade da situación esixe que se alcance un pacto de estado de ampla base en materia de saúde, investigación, educación e economía.
6. Falta de pedagoxía e de transparencia
Para que a poboación asuma certas medidas, sobre todo se conlevan limitacións de liberdades ou un alto custo, é fundamental que se entendan as razóns polas que se toman. E para iso hai que explicalas con claridade, especificando a súa base científica, por unha banda, e os bens que se pretende preservar, polo outro.
Aínda que se ofreceron numerosas e extensas roldas de prensa, as explicacións foron confusas e, en máis dunha ocasión, deron pé a pensar que non se estaba dicindo a verdade. Sobre todo cando se incorreu en contradicións entre as mensaxes transmitidas en momentos diferentes. Non esquezamos que a verdade inspira confianza e axuda a perseverar. A comunicación debe ter en conta os medos e preocupacións da xente, para poder dar resposta a esas emocións. Doutra forma aliméntase a infodemia da que se nutren bulos e negacionismos.
7. Rápida desescalada
O confinamento tivo un efecto devastador, non só na economía senón tamén no ánimo e a saúde mental da poboación. Era necesario non só salvar a vida senón tamén o medio de vida. Con todo, o proceso de desescalada foi moi rápido. A proximidade da tempada estival fixo que se priorizasen o lecer, as vacacións e o turismo, sen tomar as precaucións debidas (control de fronteiras e corentenas, por exemplo).
As restricións só se deberían levantar na súa totalidade tras asegurar un sistema sanitario robusto e seguro, cando se dispuxo de sistemas de diagnóstico eficaces que estivesen amplamente implantados, e cando se dispuxese dun sistema eficaz de detección, rastrexo e illamento dos posibles brotes.
8. Resposta lenta e falta de contundencia
Cada vez que se produciron brotes ou se constatou un crecemento perigoso da incidencia da Covid-19, tardouse en reaccionar e, cando se fixo, foi con timidez. A razón da demora foi, seguramente, o desexo de non danar o tecido económico pero, paradoxalmente, esa forma de actuar agravou a propia situación económica.
Doutra banda, a burocracia e o marco normativo contribuíron a atrasar a aplicación de medidas que xa se ían a poñer en práctica demasiado tarde. É necesario habilitar as ferramentas xurídicas e administrativas necesarias para poder tomar decisións de urxencia en beneficio do interese común.
9. Sistema sanitario debilitado
Os recortes tras a crise do 2008 debilitaron o sistema de saúde. Durante o estado de alarma, o foco púxose nas camas e UCIs hospitalarias. Pero os déficits de persoal asistencial foron manifestos. É necesario, por tanto, reforzar as plantillas do persoal sanitario. É fundamental poñer agora o foco e actuar en saúde pública e atención primaria para, desa forma, reducir o número das persoas que terán que acabar sendo hospitalizadas.
Especial atención deberíase ter tamén cos servizos de pediatría e xeriatría. Todo isto conleva a necesidade de incorporar máis persoal e de facelo canto antes. Un sistema sanitario tensionado ao límite ten consecuencias que van moito máis alá da propia Covid-19: atrasos noutros diagnósticos e tratamentos, calendarios alterados de vacinación infantil, etc., con consecuencias na perda de saúde e de vidas.
10. Falta de rastrexadores
O sistema de diagnóstico, rastrexo e illamento foi e aínda é, de xeito evidente, insuficiente. En proporción ao número de habitantes, tivemos moitos menos rastrexadores que outros países europeos. Enfrontámonos a un dos perigos máis insidiosos e difíciles de controlar: un virus novo para o que a poboación non ten inmunidade previa, que se transmite moi facilmente por vía respiratoria, que pode ser transmitido antes da aparición dos síntomas e mesmo por persoas asintomáticas. Non se pode controlar a pandemia sen saber onde está o virus. Nestas condicións o diagnóstico, detección dos infectados, rastrexo dos contactos e illamento dos posibles brotes é fundamental para conter a extensión da pandemia.
Con todo, houbo indolencia á hora de montar equipos de diagnóstico e rastrexo da capacidade requirida. Algunhas Comunidades Autónomas chegaron a pedir voluntarios para esta actividade, e outras acabaron por recorrer ao Exército. A aplicación móbil de alerta de contaxios RadarCOVID, que pode axudar no labor, chegou tarde e aínda hoxe non está plenamente instaurada en todo o territorio estatal.
A tempo de corrixir o rumbo
Nada do citado anteriormente pretende quitar un chisco de responsabilidade aos individuos. Pero as condutas persoais, aínda que poidan merecer reproche, son dificilmente regulables mediante decisións administrativas. O que ocorreu en España durante o verán de 2020 foi un gran fracaso colectivo. Estamos a tempo de corrixir o rumbo e volver a aplanar a curva, sen incorrer en custos inasumibles en termos económicos e sociais. De todos depende, pero moi especialmente de quen ten a responsabilidade política.
* Ignacio López Goñi e catedrático de Microbioloxía da Universidad de Navarra, e Juan Ignacio Pérez Iglesias é catedrático de Fisioloxía na Universidad del País Vasco / Euskal Herriko Unibertsitatea.
Cláusula de divulgación: as persoas asinantes non son asalariadas, nin consultoras, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes alén do posto académico citado.
Grazas por a información.