Venres 19 Abril 2024

Covid-19: congresos médicos e científicos máis sostibles e ecolóxicos

A actividade económica e social sufriu un inevitable –e necesario- parón en todo o mundo occidental e, practicamente, en todo o globo como consecuencia da decisión das autoridades sanitarias de reducir a proximidade para minguar os contaxios e o espallamento da pandemia de Covid-19. O turismo, a hostalaría e as axencias de viaxes sufriron un serio revés. E, entre esas actividades afectadas temporalmente, está todo o mundo da cultura, do espectáculo e tamén a industria dos congresos científicos, máis concretamente, os congresos médicos. Este sector aporta unha porcentaxe non desprezable ó produto interior bruto e á economía local de moitas vilas (particularmente durante a primavera e o outono, épocas de menor turismo de lecer). Promoven un turismo de calidade e un elevado gasto en destino por persoa e día derivados do necesario e loable afán de formación, a curiosidade viaxeira e o interese comercial da industria farmacéutica, cosmética e de equipamentos. As cancelacións e perdas de xuntanzas e congresos previstos, algúns xa ás portas de celebrarse, sucedéronse nestas semanas coma pezas de dominó.

A incerteza e a prevención no tocante a investimentos e riscos a asumir para o futuro (en definitiva, a crise de confianza xerada) levan a que o panorama non pareza moito mellor para a divulgación científica no encontro presencial dos profesionais. Porén -ou precisamente por iso- están xurdindo iniciativas imaxinativas e creativas para compensar esa ausencia e mesmo lévanos a matinar sobre a posiblidade de que os macrocongresos con milleiros de participantes que coñeciamos até agora se poidan extinguir coma dinosaurios despois deste cataclismo sanitario, económico e social.

Publicidade

Congresos de proximidade

Unha das opcións de futuro (imposible agora mesmo en confinamento) serían os congresos de “proximidade”, con menor número de participantes, pero altamente motivados e interesados no tema a abordar. Nestas circunstancias, a proximidade ten un dobre sentido: proximidade xeográfica (co que se evitan desprazamentos masivos e, en consecuencia, menor “pegada de carbono” por asistente) e proximidade interpersoal, porque cun número menor de participantes (entre 25 a 100) mellora a calidade da interacción. Un exemplo recente desta posibilidade é o Curso de Lectura Crítica de artigos científicos celebrado na Illa de San Simón o pasado 7 de setembro de 2019 ó que asistiron unha trintena de médicos dermatólogos nun entorno que facilitaba a concentración no traballo.

Outra posibilidade xa ensaiada e que está agora mesmo en franco crecemento é a utilización das novas tecnoloxías para as xuntanzas virtuais. O teletraballo e as telexuntanzas cotizan á alza nestes momentos de obrigado recollemento, xa non só como responsabilidade social para cumprir co distanciamento senón coma alternativas sustentables e sinxelas de partillar coñecemento e debate científico. De feito, se hai uns anos era precisa unha infraestrutura algo máis complexa, a democratización dos medios tecnolóxicos e aplicacións e plataformas dispoñibles agora facilitan esta interacción cun simple ordenador de sobremesa, portátil, tableta, mesmo un simple teléfono ou nos actuais aparellos de televisión doméstica. Plataformas e aplicacións diversas (Skype, Zoom, Go to Meeting, Hangout entre as máis habituais) ou de mensaxería instantánea (como Whatsapp ou Telegram), facilitan xuntanzas e conferencias tradicionais, diálogos e “webinars”, onde a imaxinación e iniciativa dos participantes dá pé a múltiples combinacións de presentacións, vídeos, “podcasts”, enquisas en tempo real, etcétera, con centos ou mesmo milleiros de participantes segundo o tipo de canle.

Este 25 de abril celébrase o II Congreso Virtual dunha comunidade informal de dermatólogos con mais de 500 profesionais

Como exemplo ilustrativo, este vindeiro 25 de abril de 2020 celébrase na comunidade informal de médicos dermatólogos Dermachat, nunha canle de Telegram, da que forman parte mais de 500 profesionais, o II Congreso Virtual coa emisión programada de relatorios e palestras breves, de 8-10 minutos, previamente preparadas en vídeo mp4 e programadas con antelación polos autores para unha hora de emisión exacta. A brevidade obriga á concisión e á precisión e impide o desaxuste horario e os atrasos tan frecuentes nos nosos congresos tradicionais.

Esta opción permite ver de novo as presentación sempre que se desexe porque permanecen colgadas na canle de Telegram creada e mesmo seguilo en diferido. O vídeo de Ignacio García Doval forma parte deste congreso e demostra que se pode desenvolver un xuntanza científica destas características baseada na xenerosidade, no altruismo e no quid pro quo sen ningún gasto, coma paradigma de austeridade e da completa independencia do coñecemento científico respecto a intereses comerciais da industria farmacéutica. É tamén un exemplo de que unha iniciativa sinxela e xurdida en Galicia pode prender e executarse con éxito para toda España e mesmo sería factible a nivel continental ou mundial.

Respecto polo medio e aforro económico

Na outra cara da moeda está o feito de que estas alternativas virtuais, certamente moito máis ecolóxicas e aforradoras de tempo, deturpan ou directamente anulan a faceta social destas xuntanzas e a reducen a riqueza no eventual lugar de celebración con perda interacción persoal, de coñecemento xeográfico, gastronómico, cultural, etc.

A actual tendencia de apertura do coñecemento científico cara a áreas de coñecemento próximas ou veciñas (ou incluso moi diferentes): médicos, biólogos, psicólogos, xornalistas, meteorólogos, matemáticos e expertos da computación, filólogos ou lexicólogos, etcétera, será tamén un previsible trazo dos congresos do futuro porque levan a unha fecunda e creativa eclosión de ideas, aproveitamento de sinerxías e arrequecemento mutuo. Un exemplo recente é a colaboración actual entre dous laboratorios farmacéuticos competidores naturais como GSK e Sanofi para lograren unha vacina rápida e eficaz para o Covid-19, expresión dunha alianza necesaria -por máis que sexa conxuntural- xa que nuns casos é preferible a competencia e, noutros, a colaboración.

En conclusión, a actual crise achega elementos positivos para o futuro en canto ó pulo das novas tecnoloxías, xa moi democratizadas, para a divulgación e a celebración de xuntanzas científicas que viñeron para permaneceren. Tamén certo  “distanciamento social” (ó que os meridionais nunca fomos moi afeccionados) veu para ficar. Porén, confiemos en recuperarmos o mellor dos congresos tradicionais xunto coa aprendizaxe, a interacción fronte a fronte, os sorrisos, as apertas e poder recuperarmos e celebrarmos a ledicia de vivir.

 


*Emilio del Río é médico dermatólogo

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade