Luns 29 Abril 2024

Galicia rexistra 101 novos casos e 29 altas entre o venres e o sábado

O número de persoas afectadas sobe ata 6.205 e rexístranse 444 mortes pola doenza, das que 192 se corresponden a usuarios de residencias

A Xunta de Galicia informou este domingo que son 6.205 as persoas afectadas polo coronavirus SARS-CoV-2 en Galicia, no que respecta ao cumio da pirámide de persoas afectadas (aquelas ás que se lle realizou a proba para confirmar a doenza). Aínda que o número de casos activos medra en 58 respecto ao mércores (ao descontar as altas e falecementos) a cifra de novos positivos que achega o Ministerio de Sanidad é de 101, despois de rexistrar este sábado o menor aumento (75) desde a primeira semana do estado de alarma. Parte destes positivos cínguese, como nas últimas datas, ás residencias de persoas maiores ou con discapacidade. Os datos están actualizados ás 21 horas da noite anterior, polo que é posible que as cifras, sobre todo as de novos óbitos, cambien durante o día.

Un día máis, este domingo rexístrase unha nova caída das persoas ingresadas tanto nas UCIs de Galicia como no resto de unidades de hospitalización. Neste último caso, son dúas persoas menos (de 598 a 596), o que supón case 200 persoas menos que hai 10 días e case 300 menos que o 5 de abril. Ademais, hai tres persoas menos nas UCI (de 115 a 112), o que afasta aínda máis, por agora, o risco de saturación dos centros sanitarios. Desde o día 6 de abril, cando se acadou o máximo de ingresos hospitalarios por Covid-19, a ocupación hospitalaria por esta causa baixou máis dun 36%.

Publicidade

O resto dos casos, 5.383 (88,59% do total) están sendo atendidos no domicilio. Con todo, cómpre sinalar que nesta última porcentaxe se inclúen as persoas usuarias en residencias de maiores, que nalgún caso teñen un prognóstico grave debido ás complicacións propias da idade. De feito, boa parte dos falecementos dos últimos días rexístranse entre estas persoas atendidas “no domicilio”.

A Xunta inclúe nos hospitalizados en domicilio aos usuarios de residencias de maiores, algúns deles con prognóstico grave

No que abrangue aos falecementos, cóntanse 444 óbitos, 14 máis que nos datos do mércores. Nestes dous últimos días, morreron tres persoas en residencias; unha o venres na residencia Sta. Teresa de Jornet (A Coruña), e dúas o sábado, unha usuaria da residencia de Moledo (Vigo) e a outra da residencia DomusVi Barreiro (Vigo). Outros seis usuarios de residencias faleceron desde o venres en hospitais e residencias integradas.

No resumo da situación do último mes pode verse como o número de altas representa unha parte cada vez maior do total de casos confirmados ata o momento. Entre a noite do venres e o sábado déronse 29 altas, menos cós días anteriores (85, 73 e 51), pero constátase como a diferencia é cada vez menor entre os novos casos diarios e as persoas que se curan.

En atención ás cifras que achega a Xunta, por cada unha das sete áreas sanitarias nas que se reparte o territorio galego, actualmente estase seguindo a 1.392 persoas na área da Coruña-Cee, 595 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 1.233 na de Ourense-Verín-O Barco, 507 na de Pontevedra-Salnés, 1.104 na área de Vigo, 1.034 na de Santiago-Barbanza, e 340 na de Ferrol.

Así foi a evolución no último mes, desde o 13 de marzo, cando xa se difundían datos por áreas sanitarias.

Residencias de maiores

En Galicia, a Consellería de Política Social segue achegando pola súa conta o número de casos activos en residencias de persoas maiores e con discapacidade, que na actualidade supoñen case o 23% das persoas afectadas en Galicia. 1.004 usuarios e 421 profesionais destes centros están infectados por coronavirus.

Os maiores focos están na cidade de Ourense (Nuestra Señora de La Esperanza da Fundación San Rosendo, Divino Maestro, tamén da Fundación San Rosendo, ou San José Hermanitas), DomusVi San Lázaro-Santiago, DomusVi Cangas, Nosa Señora de Fátima do Barco de Valdeorras, DomusVi Barreiro-Vigo, Portazgo, Claudina-Somoza, DomusVi Matogrande ou Santa Teresa Jornet, na Coruña; San Pedro Crecente ou os CAPD de Redondela e A Coruña e as residencias de Amicos Boiro ou DomusVi Bóveda.

Desde o comezo da crise, a Xunta notificou que 192 das persoas falecidas por coronavirus en Galicia (un 43,24% de todas as mortes) son residentes destas instalacións. 98 deles morreron nas residencias e 94 en hospitais e residencias integradas.

A Xunta informou tamén do número de probas PCR realizadas ata o momento: 63.715. Este é un dos métodos de detección da doenza, ademais das probas rápidas, que se están a usar en Galicia, e que se utilizarán nas vindeiras semanas para un estudo epidemiolóxico con máis de 100.000 persoas. Cómpre aclarar que o número total de probas PCR non se corresponde co de persoas analizadas mediante esta técnica, xa que algunhas delas son estudadas en dúas ou máis ocasións.

Crecemento da epidemia

Segundo o informe do Centro Nacional de Epidemioloxía, a taxa de crecemento da epidemia (é dicir, o incremento porcentual de casos novos nas últimas dúas semanas) de Galicia é do -7,2%, unha das menores de España, onde a media xeral é do -1.9%. Só en La Rioja, Ceuta, Melilla e Canarias os casos novos están baixando a maior velocidade que en Galicia, como se pode ver nesta táboa.

Esta é a situación actual en España:

A cifra de mortes por coronavirus cae a 410 en 24 horas en España

En Portugal:

E no mundo:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia