Venres 29 Marzo 2024

Consensos para a Ciencia: o estatuto de persoal investigador da USC

O venres 17 de xullo presentouse na Aula Magna da Facultade de Matemáticas no Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o “Borrador do acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación”. A USC leva meses traballando con diferentes axentes sociais —sindicatos, directores/as de centros de investigación, profesorado e investigadores/as— na busca dun acordo para sentar as bases dunha carreira investigadora propia, desligada da actividade docente. Un paso importante, pero neste momento o acordo baseado na cesión das partes para beneficio común aínda non se materializou. Vivimos tempos difíciles para o consenso.

Na realidade actual, tamizada pola Covid-19, non faltan voces de expertos e expertas salientando a importancia da investigación para saírmos dunha crise que, como as anteriores, ninguén agardaba para xa pero colleunos de cheo. Sorprendidos pola tormenta que fixo saltar todas as alarmas con respecto ao sistema produtivo galego e español, buscamos unha táboa de salvación baixo o mantra I+D+i (Investigación, Desenvolvemento e Innovación). Se algo coñecemos en investigación é que a Ciencia precisa tempo, recursos e, por riba de todo, boa planificación. A pouco que se coide, da froitos xenerosos. Paradoxicamente, é foco de constantes recortes con cada nova crise [artículo en El País], anulando a súa capacidade de ser un verdadeiro motor económico. Mentres ciencia, educación e cultura continúen a ser os irmáns pequenos da familia Estado, sairemos das crises en falso. E a seguinte será máis devastadora ca a anterior.

Publicidade

Como outros ámbitos da esfera pública, esa riquísima árbore (da Ciencia) permite a países como Alemaña ser líderes en Europa. Pola contra, o sistema de ciencia español palideceu nos últimos tempos. Aínda peor, logo de formalos durante anos e con milleiros de euros, deixou marchar aos seus investigadores e investigadoras máis prometedoras para sorpresa e oportunismo de institucións públicas e empresas privadas estranxeiras. A historia, que é boa conselleira e xuíza implacable, xa amosou repetidas veces que ocorre cando se desmantela un sector estratéxico para vendelo por partes. Pobre cea para hoxe, fame negra pola mañá.

“Esa riquísima árbore (da Ciencia) permite a países como Alemaña ser líderes en Europa

Agora vimos de ver o anuncio dun plan de choque estratéxico para a ciencia a escala estatal [ligazón Ministerio]. Recorden, táboas de salvación. Apagadas as luces e os micros das roldas de prensa, pódese sentir no fondo da sala a exhalación resignada de milleiros de investigadores e investigadoras que non só esperaban, senón que necesitan máis para dar un verdadeiro salto de calidade [web Investigal]. Enorme responsabilidade a de levantar un sistema anquilosado e caduco con recursos insuficientes e mal repartidos [artigo en El Mundo]. Un sistema no que a metade das persoas —en feminino— non teñen sequera os mesmos dereitos e facilidades cós seus compañeiros —en masculino— [artigo en Investigal]. No que o caciquismo, a endogamia e o corporativismo seguen afundindo carreiras. Un sistema que permite vivir á meirande parte dos investigadores e investigadoras na precariedade e sometidos á constante avaliación da súa produtividade —con esixencias moitas veces desproporcionadas e que exceden os límites do factible nunha xornada laboral—. Alguén me dixo nunha ocasión: “un investigador no tiene vida”. Privada, de ocio, enténdase.

A situación en Galicia non é moito mellor. Durante a recente campaña electoral, os distintos partidos políticos remarcaron a importancia do sector [propostas electorais], pero a realidade é teimuda. A inversión en ciencia en Galicia supón o 0,94% do PIB, moi por debaixo da media estatal (1,24%) ou da vista noutros territorios estatais (oitavo posto no ranquin de Comunidades Autónomas). As comparacións co espazo UE non nos deixan tampouco ben parados (2,06%) [informe Eurostat]. Os programas de contratación de persoal en investigación desenvolvidos na última década pola Xunta de Galicia son un pouco como a A-54: saen con ímpeto de Santiago de Compostela pero xa perderon forza ao chegar a Arzúa. Por poñer un exemplo: logo de cinco anos despois de defendida a súa tese, calquera investigador ou investigadora posdoutoral xa viviu dous anos no estranxeiro —aprendendo e ensinando—, retornou para iniciar unha liña de investigación propia atraendo recursos e contratando persoal técnico, publicou unha morea de traballos científicos e ten a esperanza de se poder estabilizar… mais nada garante que o consiga. Despois de facer unha inversión pública que supera lixeiramente os 300.000 € por individuo/a, o sistema non pode absorber o persoal de alta cualificación que xerou. Abandonar ou emigrar de novo; reinvención ou expulsión. Seguramente polo medio irán varias visitas ao psicólogo/a.

“Frear a drenaxe de capital humano e converterse nun destino atractivo pasa por ofrecer unhas condicións laborais mellores”

Neste contexto, a USC é consciente de que o vello modelo institucional, exclusivamente baseado na docencia, non pode ser a -única- pedra angular que manteña en pé á institución. De feito, os indicadores apuntan cara unha diminución no número de estudantes matriculados (de 31.154 en 2007-08 a 23.603 en 2018-19) e dos ingresos por prezos públicos [datos da USC] como consecuencia de diversos factores (baixa natalidade, ampla oferta e aumento da formación técnica, entre outros). A tímida recuperación logo da crise económica anterior baseouse por contra na atracción de capital no eido da investigación, que aumentou nun 6% [http://www.iune.es/]. Nun contexto de paulatino envellecemento do persoal indefinido, a contratación de persoal eventual con cargo a convocatorias competitivas non foi senón en aumento. Na liña do acontecido noutros estados europeos —cada un co seu modelo particular—, a supervivencia mesma das universidades pasa pola tecnificación, especialización e dixitalización da formación que ofertan, así como pola creación de unidades de investigación punteiras que poidan entrar de cheo na loita pola atracción de recursos económicos, materiais e persoais a escala internacional. Frear a drenaxe de capital humano e converterse nun destino atractivo pasa por ofrecer unhas condicións laborais mellores e a posibilidade de crecer en ambientes construtivos. Por exemplo, na actualidade a meirande parte dos investigadores dedica unha cantidade de tempo esaxerada á xestión de proxectos, á captación de financiación ou a tarefas de docencia, en detrimento dunha investigación punteira e de calidade. Facer CIENCIA -con maiúsculas- e chegar a todas as frontes con solvencia supón un enorme sacrificio persoal para a inmensa maioría de nós. Todo iso sen esquecer aspectos como a fonda fenda de xénero.

As persoas

Quen asina este artigo ten 46 anos, é muller e nai de dous fillos, investigadora en humanidades e non ten estabilidade laboral. Isto configura un cuadrilátero bastante propicio para levar golpes de dereita(s) e esquerda(s) sen parar ao longo de 23 anos. Este tempo permitiume adquirir unha experiencia investigadora dilatada e endurecer a pel, pero tamén sentir a frustación derivada das duras condicións nas que se desenvolve a Ciencia. 11 anos de bolseira predoutoral, 8 anos de contratada con cargo a proxectos de investigación e prestación de servizos, uns meses de autónoma entre medias, e catro anos de contratación como investigadora posdoutoral de convocatoria pública -con carga docente-. Todo isto trufado de estancias en centros da península e extranxeiros -estes últimos cando os fillos acadaron a autonomía, pois a investigación non da para ter recursos que che axuden no seu coidado- e a cabalo entre dúas institucións, a Universidade de Santiago de Compostela (11 anos) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (12 anos). O obxectivo: acadar unha formación axeitada mentres pasas pantallas na carreira investigadora, con máis ou menos éxito. Chegados a este punto, xa estou nesa fase do combate na que me teñen que abrir os ollos porque non son quen de ver ao contrincante, nin a meta. Onde a túa propia identidade vaise conformando entre o Rocky Balboa do ring e o Super Mario Bros dos videoxogos. No peto, esa foto de Margarita Salas que sempre miras con ilusión [entrevista Margarita Salas].

O meu percorrido laboral e a dilatada experiencia predoutoral estiveron condicionadas por dous factores. Primeiramente, pola decisión consciente de ser nai a unha idade temperá. Isto non tiña bo encaixe -sendo suaves- nos inicios da miña carreira investigadora aló polo 1997. Nese momento, “precarias” non tiñamos dereito a unha baixa por maternidade e as bolsas non estaban equiparadas a un contrato laboral. Tampouco podiamos desfrutar dos servizos da Universidade en materia de gardería, pois estaban reservadas a PAS e PDIs. Comprometida co asociacionismo, lembro agarimosamente o nacemento de Precarios Galicia para loitar por acadar unhas condicións laborais dignas para os bolseiros e as bolseiras. En segundo lugar, vivín o reto de construír unha maneira distinta de traballar en Arqueoloxía -cos seus acertos e os seus erros- nas miñas institucións e tomei a decisión, consciente, de abrir camiño nunha liña de investigación ausente, pero necesaria, en Galicia. Sacrificando a miña propia carreira investigadora, coordinei unha unidade de investigación en Arqueoloxía da Arquitectura, non puidendo presentar a miña tese de doutoramento ata 2015. Aproximadamente con dez anos de retraso retraso do que ven sendo habitual na Ciencia.

“O borrador da USC ten as súas luces e as súas sombras”

O serodio andar posdoutoral levoume ser investigadora da USC con cargo ás Axudas posdoutorais da Xunta de Galicia (Modalidade B/2019-2021). Na actualidade, dirixo catro proxectos de arqueoloxía -un deles en Portugal- e coordino outros cinco; imparto docencia en varias materias do Máster de Arqueoloxía e Ciencias da Antiguidade e do grao en Historia da USC; e coordino a sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega. Moitas veces só recoñezo as noites polo feito de non recibir correos electrónicos. Non sei se chegarei á meta, mais a liña de investigación que inicie permitiu desenvolver moitos traballos pioneiros en Galicia en materia de Arqueoloxía -da Arquitectura e da Paisaxe-. Coñécense mellor a alta Idade Media e as fortificacións desde as que galegos e portugueses andivemos á liorta non hai tanto tempo, en Época Moderna. Pero por riba de todo, aprendín que as estruturas fortes contrúense pola base, non polo tellado; con consenso e con vontade de diálogo; pensando no futuro e non só no presente.

O futuro

Como todos os acordos en materia laboral e profesional, o “Borrador de acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación” que o equipo de goberno da USC pon sobre a mesa ten as súas luces e as súas sombras. Supón melloras substanciais nas condicións de traballo dalgúns dos sectores máis precarizados da investigación no seo da universidade —como os técnicos de investigación—; permite aos novos investigadores opcións de liderado e o acceso a novas vías de financiación; intenta poñer límite a certas perversións e abusos dentro do sistema de contratacións do persoal eventual. Non obstante, por blindaxes legais ou por estreiteces orzamentarias non pode mellorar determinadas figuras contractuais —malia que se abre a porta a que no futuro poida ser así de existir recursos— e outras—minoritarias en termos estatísticos pero significativas a efectos simbólicos— sofren reaxustes quizais demasiado severos.

Co acordo aínda por definir na súa forma “finalísima”, aínda hai marxe para a mellora. É un bo punto de partida, mesmo un aliciente para que as restantes universidades do Sistema Universitario Galego (SUG) desenvolvan políticas similares. Con todo, desde a USC non poden dar por garantido o apoio dos seus investigadores/as polo mero feito de ter chegado a un acordo de mínimos. Queda aínda moito traballo por diante e á nosa experiencia únese a sangue nova das xeracións que veñen petando forte na porta. Agardamos que se poida seguir facendo con diálogo e consensos cada vez máis amplos. Só así faremos ciencia con maiúsculas en condicións dignas. #SenCienciaNonHaiFuturo #SinCienciaNoHayFuturo

Aínda que este artigo o firma unha soa persoa, detrás está o pensar de compañeiras e compañeiros investigadores que viviron e viven situacións similares, mais que prefiren quedar polo de agora na trastenda.

Rebeca Blanco-Rotea é arqueóloga, Investigadora Posdoutoral da Xunta de Galicia, Grupo de Investigación Síncrisis, USC
Coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Cuturais do Consello da Cultura Galega
rebeca.blanco.rotea@usc.es

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores

A credibilidade na ciencia é menor entre a mocidade que entre o público adulto

Só o 72,6% das persoas de entre 18 e 24 anos cre que as disciplinas científicas buscan a verdade, fronte ao 90,2% da poboación maior de 65 anos

Seis imaxes que cambiaron a historia da ciencia

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de O ser humano empregou primeiro o debuxo e...