Venres 19 Abril 2024

O cerebro feminino: por que rexorden os mitos nocivos sobre mulleres e ciencia

* Un artigo de

En 1879, o polímata francés Gustave Le Bon escribiu que “mesmo nas razas máis intelixentes” existían “un gran número de mulleres cuxos cerebros teñen un tamaño máis parecido ao dun gorila que ao dos cerebros masculinos máis desenvolvidos”. Seguiu co seu insulto: “A súa inferioridade é tan obvia que neste momento ninguén pode negala; o único que vale a pena discutir é a magnitude desta inferioridade”.

Publicidade

Avanzamos desde entón, verdade? Pero sempre que se tenta explicar a infrarrepresentación da muller na ciencia volven asomar, de distintas formas, unha serie de mitos ridículos, sen importar o refutados que estean. Agora que se cumpre un século do nacemento de Rosalind Franklin, codescubridora da estrutura do ADN, por desgraza volve ser necesario sacar á luz os prexuízos que existen sobre os cerebros e capacidades das mulleres.

As visións que sosteñen a inferioridade das mulleres con respecto aos homes foron adoptando numerosas formas ao longo da historia. No século XIX esta neurose patriarcal traduciuse na convicción de que someter ás mulleres á esixencia dunha educación científica danaría a súa fráxil bioloxía. En 1886, William Withers Moore, o entón presidente da Asociación Médica Británica, advertiu sobre os perigos de “sobreeducar” ás mulleres. Na súa opinión, isto podía facer que desenvolvesen unha patoloxía que el denominou “anorexia scholastica”, e que convertía ás mulleres en inmorais, desequilibradas e asexuais.

No século XX mantivéronse argumentos sobre a suposta incapacidade das mulleres en habilidades como a percepción espacial

No século XX as explicacións centráronse en maior medida nos déficits que posuían as mulleres nunha serie de habilidades supostamente necesarias para o traballo científico, como por exemplo a percepción espacial. Pensábase que os cerebros testosterónicos dos homes estaban mellor deseñados para a procura de coñecemento, e por tanto a mensaxe era clara: as mulleres non contribúen á ciencia porque non son capaces.

Pero hai probas cada vez máis sólidas de que as mulleres son mellores cós homes en numerosos campos de investigación, o que refuta por completo o mito de que as mulleres carecen da capacidade cognitiva necesaria para a investigación científica. Mesmo se demostrou que, no que se refire á capacidade de percepción espacial “superior” dos homes, a fenda foise reducindo co tempo (e mesmo nalgunhas culturas as mulleres superan aos homes neste aspecto).

O mito da selectividade feminina

Pero o mito que segue saíndo unha e outra vez, como as toupas do xogo de esmagar toupas, é o da “selectividade feminina”. Trátase de algo que tomou corpo no célebre memorándum de Google no que o enxeñeiro James Damore sostiña que as preferencias biolóxicamente predeterminadas das mulleres facían que a igualdade de sexos no campo tecnolóxico fose pouco probable. Na súa opinión, as mulleres preferían ás “persoas” antes que ás “cousas”.

Pero a ciencia puxo en dúbida esta conclusión. Só porque haxa máis posibilidades de que un posto de enfermeira o ocupe unha muller e non un home, e só porque haxa máis posibilidades de que un posto de condutor de autobús sexa para un home e non para unha muller, iso non implica necesariamente que ninguén prefira antes ás persoas ou ás cousas. A sociedade empurra a homes e mulleres a realizar diferentes traballos desde a infancia, e durante moito tempo ás mulleres prohibíuselles realizar certos oficios, como o de condutor de autobuses en Londres.

A oceanógrafa galega Ángeles Alvariño.
A oceanógrafa galega Ángeles Alvariño.

Pero o argumento da selectividade feminina séguese usando para explicar a fenda de xénero na ciencia. En 2018 dous psicólogos de Reino Unido publicaron un artigo titulado O paradoxo da igualdade de xénero en ciencia, tecnoloxía, enxeñería e educación matemática. No texto, o paradoxo referíase ao feito de que as mulleres son máis susceptibles de estar infrarrepresentadas no ámbito científico en países onde existen maiores niveis de igualdade de xénero.

A explicación dos autores tiña dúas partes. A primeira era que, nos países menos igualitarios desde un punto de vista de xénero, os traballos relacionados coas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas, nas súas siglas en inglés) estaban mellor pagados, e estas aspiracións económicas guiaban por igual as decisións de ambos os sexos. A segunda parte da explicación, que contaba co respaldo doutros científicos, era que nos países con mellores condicións económicas e sociais a “expresión natural” das “diferenzas innatas” (ver PDF) podía emerxer desta forma.

A pesar de que está aceptado que non hai diferenzas de rendemento entre homes e mulleres no que ten que ver co traballo científico, nos últimos anos o mito da “capacidade cognitiva” rexurdiu baixo unha forma diferente. Así, e dado que existe un consenso universal sobre o feito de que as mulleres posúen unha maior capacidade de comprensión lectora que os homes, o máis probable é que elas atopen máis gratificante decantarse por ámbitos e profesións non científicos.

O paradoxo descrito no artigo provocou un forte debate en círculos científicos, sobre todo no relativo á fiabilidade dos factores que se elixiron para medir a igualdade de xéneros así como a interpretación causal das correlacións obtidas. Este debate obrigou aos autores para publicar unha rectificación da súa análise orixinal dos datos, xa que resultou que utilizaran métodos bastante pouco comúns para medir as diferenzas de xénero nos graduados STEM. Cando se usaron métodos máis habituais (por exemplo ver que porcentaxe dos licenciados STEM eran homes ou mulleres) un equipo de científicos declarou que as conclusións obtidas eran distintas.

Moitos científicos sosteñen que aínda existen prexuízos e discriminación contra as mulleres nos países máis igualitarios, e que esa podería ser a razón pola que elas descartan dedicar a súa carreira profesional á ciencia. A historia demostra que as mulleres tiveron un gran papel no desenvolvemento das distintas disciplinas científicas. Pero, a medida que o desenvolvemento científico se foi profesionalizando, as mulleres foron deliberadamente excluídas das institucións de investigación co argumento explícito dos seus déficits innatos.

A unha gustaríalle pensar que todo isto quedou atrás, pero estas visións implícitas volven aparecer adoptando distintas formas, o que en moitas ocasións desanima ás mulleres. Está probado que existe entre a xente a crenza arraigada de que os grandes científicos non se fan, senón que nacen (e, máis concretamente, que nacen homes).

E todo isto a pesar de que hai evidencias científicas que demostran que os conceptos “cerebro masculino” e “cerebro feminino” son moi discutibles. O certo é que as experiencias que vives poden cambiar o teu cerebro, pero isto tamén inclúe os esteoreotipos aos que te enfrontas. Se te animan a ler, o teu cerebro será mellor lendo. E aínda máis: demostrouse que cando unha persoa ten pensamentos negativos acerca de como vai desenvolver unha tarefa, evita ter que facela; e cando a ten que facer, faino peor do que podería.

Existen moitos factores relacionados co éxito científico, incluídas as contratacións e os ascensos, nos que tamén existen probas claras de discriminación contra as mulleres. Unha ampla investigación no campo da química demostrou que os artigos cuxo primeiro asinante era unha muller tiñan menos posibilidades de ser aceptados polas revistas, e tamén de ser citados por outros investigadores.

Non hai dúbida de que Rosalind Franklin tivo que enfrontarse a numerosos prexuízos, e que durante moito tempo o seu papel no descubrimento da estrutura do ADN non foi recoñecido. Resulta descorazonador que, un século despois do seu nacemento, a mensaxe de que a ciencia non é para mulleres se manteña tan forte.


* Gina Rippon é profesora emérita de Neuroimaxe Cognitiva na Universidade de Aston.

Cláusula de divulgación: a autora recibe ou recibiu fondos do Medical Research Council, Leverhulme Trust, ESRC, BBSRC, Nuffield Foundation e Wellcome Foundation. Gina Rippon é membro da Fawcett Society’s Commission on Gender Stereotypes in Early Childhood.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Exoplanetas de spray e tinta: ciencia e arte alíanse nun proxecto internacional con selo galego

O artista vigués Tono Carbajo realiza unha residencia artística en Cataluña para desenvolver a súa obra visual e sonora a partir de evidencias astronómicas

Así se desenvolve o medo no cerebro

Neurobiólogos da Universidade de California descubriron en ratos como a tensión e o abafo convértense en afeccións como o trastorno de estrés postraumático

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital