A aventura do ‘Homo sapiens’ comezou antes de saír de África

O achado en Marrocos duns fósiles de Homo sapiens de 300.000 anos de antigüidade arroxa luz sobre a orixe aínda pouco coñecida da nosa especie. A localización dos restos, cuxa análise se publicou en Nature a semana pasada, suxire que o Homo sapiens puido coñecer outras especies humanas e dispersarse por toda África antes de saír do continente. As nosas andanzas puideron comezar moito antes do que se pensaba.

María Martinón-Torres (Ourense, 1974) é paleoantropóloga no University College London (Reino Unido ) e forma parte do equipo investigador de Atapuerca

A orixe da nosa especie está en África. Esta é unha das teorías de Martinón_Torresmaior consenso no campo da evolución humana. Os estudos xenéticos das últimas décadas apuntan de xeito uniforme ao continente africano como orixe de toda a diversidade humana actual. A evidencia ‘dura’ proporcionábana os restos fósiles achados en xacementos como os de Herto e Omo en Etiopía que con 180.000 anos de antigüidade, amosaban xa algúns dos trazos que consideramos exclusivos de nosa propia especie.

Con todo, e a pesar de dedicar tanto esforzo a descifrar as nosas orixes, Homo sapiens era ironicamente a especie sen pasado, a que aparecía da nada, sen un antepasado claro no continente africano. Noutras palabras, sabiamos que viñamos de África, pero apenas tiñamos idea de que sucedera alí.

Publicidade

Os achados fósiles do xacemento de Jebel Irhoud en Marrocos, e a súa nova datación (arredor dos 300.000 anos) comezan a cubrir un baleiro importante. Estes ósos, de gran tamaño cerebral e unha cara moi parecida á nosa, poderían representar aos devanceiros directos dos humanos modernos.

Aínda que carecen aínda dos trazos que se consideran exclusivos de Homo sapiens (como a fronte vertical, o cranio alto e bombeado ou o noso característico queixo), son moito máis gráciles e parecidos a nós que a maioría dos restos coñecidos para este período. Por iso, ben poden representar a raíz da liñaxe que culminou coa nosa propia orixe.

Cos fósiles de Jebel Irhoud destapamos a infancia da nosa especie

O achado non está exento de sorpresas. Ademais de cubrir un período mudo na historia de nosa propia especie, sorprende a súa localización xeográfica. Ata agora, fósiles humanos de antigüidade similar só foron atopados no leste e o sur de África, e o único que presentaba características similares aos de Jebel Irhoud era o cranio de Florisbad, no extremo oposto do continente, en Sudáfrica, datado en 260.000 anos e clasificado por algúns investigadores dentro da especie Homo helmei.

O descubrimento de Jebel Irhoud lémbranos que África é grande, e que os paleoantropólogos fomos inxenuos crendo que o complicado da nosa historia comezaba cando Homo sapiens abandonaba o seu berce fai uns 100.000 anos. Criamos que só ao saír de África empezaban as aventuras para os humanos modernos, ao enfrontarnos a un clima moito máis cambiante e árido, a paisaxes crebadas de montañas e a outros grupos de humanos, como os neandertais e os denisovanos, cos que haberiamos de ter descendencia.

Grazas a este xacemento marroquí comprendemos que toda África pode potencialmente ter algo que ver coa nosa orixe. Nas súas raíces máis profundas, Homo sapiens era xa un crisol de poboacións diversas que habitaron e chegaron a se dispersar por diferentes rexións da gran África, e non só o produto da evolución lineal nun único lugar.

Homo sapiens revélase como unha especie cosmopolita que coñeceu mundo antes de penetrar nel. Isto inclúe a fascinante posibilidade de que os nosos devanceiros coñecesen, xa en África, outras especies humanas. A revelación de que Homo naledi, unha especie descuberta en Sudáfrica, só ten 300.000 anos a pesar do seu aspecto case ‘australopitecino’, expón o apaixonante escenario de que quizá os nosos antepasados cruzáronse, en todos os seus sentidos, con outra especie que hoxe xa non existe.

Na novela ‘En busca do tempo perdido’ de Marcel Proust, o seu protagonista recupera a memoria enterrada da súa infancia ao probar unha madalena mollada en leite. Esa experiencia sensorial devólvelle os recordos que non sabía que tiña e a partir de aí pasa a percorrer o seu pasado e explorar a súa visión do mundo. Cos fósiles de Jebel Irhoud destapamos o pasado descoñecido da nosa especie, a infancia da liñaxe Homo sapiens. Como a madalena de Proust, isto fósiles devolvéronnos a memoria.

María Martinón Torres
María Martinón Torres
Médica e Paleoantropóloga. Directora do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os primeiros europeos cruzaron os Alpes hai máis de 45.000 anos

O 'Homo sapiens' adaptouse ben ao frío, un ambiente moi similar ao da actual estepa rusa, e na súa dieta destacaba a carne de reno, lobo e cabalo

Non somos unha especie violenta, a pesar do que digan as noticias

Non se fala tanto das interaccións pacíficas e xestos empáticos como do atroz e o inaceptable para o ser humano

As mulleres cazaban con maior variedade de armas e ían á guerra con mellores estratexias

Un estudo científico desmonta o mito de que só eles realizaban estas tarefas e que elas quedaban relegadas á recollida de raíces e froitos

Os ósos duns ratos confirman que o cambio climático afectou a poboados de Atapuerca

As variacións climáticas de fai 4.200 aumentaron a aridez e provocaron a desaparición de civilizacións como o Imperio Acadio