Visita Compostela Serge Haroche, o Nobel que capturou o minúsculo

O 19 de xullo chega a Compostela o premio Nobel que observou as partículas minúsculas. O físico francés Serge Haroche conseguiu traballar a escala cuántica, medindo e manipulando fotóns, con orixinais sistemas para atrapalos con xogos de láseres e espellos. Polos seus traballos, recibiu o Nobel de Física no ano 2012.

Agora, o científico visita Santiago convidado polo programa ConCiencia, que dirixe o catedrático da USC Jorge Mira e que, dende o ano 2006, trae a Galicia a recoñecidos científicos galardoados co premio da Real Academia Sueca de Ciencias. Haroche dará unha conferencia o 19 de xullo no auditorio de Abanca, ás 20.00 horas, ademais de participar en encontros con científicos galegos.

Publicidade

Haroche gañou o Nobel “por innovadores métodos experimentais que permiten a medida e manipulación de sistemas cuánticos individuais”. Nado en Casablanca, trasladouse a Francia aos 12 anos e acabou vinculado aos dous centros máis representativos da elite científica francesa, o Collège de France e a École Normale Supérieure. Alí atopou ao que sería o seu director de tese de doutoramento, Claude Cohen-Tannoudji, Premio Nobel de Física 1997 e visitante do Programa ConCiencia en 2015.

Haroche foi discípulo doutro Nobel: Cohen-Tannoudji, que tamén visitou Santiago

Cando nos achegamos ás compoñentes máis minúsculas do noso universo, empeza a fallar o xeito no que entendemos o mundo, e fanse patentes novas regras que nos parecen sorprendentes. Nese momento entramos no reino da física cuántica. Unha desas normas indica que a mera observación dun sistema cuántico individual altera o seu comportamento. Nos anos 80, Serge Haroche marcouse como obxectivo algo que parecía imposible: observar directamente partículas cuánticas individuais sen destruílas. Conseguiuno deseñando enxeñosos experimentos con láseres para estudar fenómenos cuánticos cando a luz interacciona coa materia. Deu capturado fotóns usando unha trampa formada por dous espellos, entre os cales os rebotan fotóns. Deste xeito, Haroche estudounos facendo pasar átomos a través desa trampa.

Publicidade

A través do seu traballo na chamada óptica cuántica non só puido observar estados cuánticos fráxiles (algo considerado ata entón inexpugnable) senón tamén controlalos. Isto supón un dos primeiros pasos para a construción de computadores extraordinariamente rápidos baseados en física cuántica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O IGFAE incorpora o físico César Cabrera cun proxecto ERC de 1,9 millóns sobre simulación cuántica

O investigador mexicano abrirá en Galicia unha nova liña de investigación en átomos ultrafríos e reforzará a aposta do centro polas tecnoloxías cuánticas

Ventilatio Lab, solucións científicas que veñen polo aire

A spin-off da USC foi a gañadora na categoría Idea Emerxente dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off

Por que as tardes comezan a alongarse antes do solsticio de inverno?

A partir do 8 de decembro, a combinación da inclinación do eixo terrestre e da órbita irregular da Terra fai que os días comecen a medrar

Antía Lamas, física: “A investigación cuántica en Galicia é moi prometedora”

A científica compostelá, que traballa en Estados Unidos, dará unha charla en Santiago sobre a segunda revolución cuántica ao abeiro da Semana da Ciencia do IGFAE