Do mesmo xeito que hai dúas Españas, nós temos dúas Galicias. Aquí, a barreira entre un e outro bando non é unha Guerra Civil, unha ditadura ou unha Transición. A nosa liorta a garrotazos é por mor do eucalipto. Para uns, un incomparable medio de vida e riqueza que cómpre seguir sementando. Para outros, un dos maiores inimigos naturais ao que se enfronta o país e unha das peores lacras invasoras; un cancro a extirpar. No medio, unha masa que, indolente ou prudente, coma en todo, segue a lea desde a distancia, oscilando segundo sopre o vento.
Con todo, a defensa do eucalipto en Galicia é pragmática, non estética. Ninguén defende ao eucalipto pola súa beleza: non ten unhas formas fermosas nin elegantes e o seu verdor é apagado e triste, coma se as súas clorofilas decidiran ofrecer o verde xusto e necesario para realizar a fotosíntese. É unha relación de mero interese: eu deféndote porque ti medras pronto e dasme boa madeira para vender, eu medro rápido e douche unha madeira que che convén porque lle interesa aos que cha compran. Non hai moito amor aí.
O certo é que o Eucalyptus globulus, o máis abundante en Galicia, é unha especie exótica invasora1. Así o di a Xunta de Galicia no Plan Estratéxico Galego de Xestión das Especies Exóticas Invasoras, redactado en 2012. Xunto ao eucalipto azul aparecen outras 70 especies (23 delas non incluídas no Catálogo Español, como é o caso do propio globulus). Comparte lista ‘negra’, por exemplo, coa mimosa, a unlla de gato, a herba da pampa, a ameixa asiática, o visón, a rata común, a perca e o cangrexo de río americanos.
Mais non viñemos aquí a falar só do eucalipto. Temos en Galicia, e en moitos outros sitios, unha perigosa empatía estética cara as especies invasoras. É unha humanización algo paradoxal. O mesmo paradoxo que nos levou, por exemplo, a que en España xerase máis indignación o sacrificio dun can que a morte de milleiros de persoas por causa do ébola. Así, escoitamos que non hai que combater con tanta forza a mimosa ou a unlla de gato porque as súas flores son fermosas. Algúns colectivos liberadores do visón americano puxeron en perigo ecosistemas enteiros coas súas accións. Se a Xunta decide erradicar aos mapaches porque están desfacendo a ribeira do Miño, a medida é excesiva e as cousas non se fan así, porque son animais que se moven, teñen ollos, patas, orellas e nariz. É dicir, porque se parecen máis a nós, ou á nosa idea de beleza. Mais quen defende ao eucalipto só se limita ás súas bondades económicas.
Ao mesmo tempo, dous dos nosos emblemas causan estragos polo mundo adiante. En Sudamérica, o toxo de toda a vida ameaza a supervivencia dos frailejones, unhas plantas case míticas para os nativos dos Andes. En Sudáfrica e Norteamérica, o mexillón que tanta riqueza xera nas nosas rías pon en perigo a biodiversidade de extensas zonas costeiras. Tanto o Ulex europaeus como o Mytilus galloprovincialis forman parte das 100 especies exóticas invasoras máis danosas do mundo, segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Mais desde aquí, ao sérmonos especies familiares, intentamos, ás veces de xeito inconsciente, minguar a gravidade do problema.
Detrás destes danos está, case sempre, a man do home. Unhas veces de forma voluntaria; outras, por accidente. Coas súas vantaxes – que as ten – a omnipotencia humana sobre a natureza pode levarnos a estas situacións paradoxais. Invadir, facer e desfacer sen observar, sen mirar a longo prazo, sen pensar nos nosos netos, adoita ser un grave erro.
Cómpre, por tanto, deshumanizar ás especies invasoras e, por extensión e con sentidiño, á natureza. Sería un bo xeito de respectala un pouco máis.
1Enténdese por especie exótica invasora aquela que se atopa fóra da súa área natural de distribución por causas humanas, ben de xeito intencionado ou accidental, e que supón un perigo para a diversidade biolóxica orixinal. É dicir, cando constitúe un factor que ameaza aos ecosistemas orixinais e á supervivencia das especies autóctonas. Fonte: Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio – Xunta de Galicia.
Parabéns polo artigo.
O remate é para enmarcar: ” Compre, por tanto, deshumanizar ás especies invasoras e, por extensión e con sentidiño, á natureza. Sería un bo xeito de respectala un pouco máis.”
Parabéns!. Xa no ano 1959 ou 60, sendo eu ben pequeno andaba xente polo montes de Curtis, e As Corredoiras, Melide… prantando eucalitos a fartar. O “señor da Ponte” foi un dos “terratenentes” que mais se aplicou cos seus operarios a facer plantóns dende As Corredoiras a Boimorto e até a Ponte do Sapo. Medraron deseguida. Bós carftos tivo que facer o indiano. Eu atravesei moitas vegadas por camiños e pasadoiros eses montes camiño da farmacia de Boimorto xa que na Eirixe non tiñamos, na procura de mediciñas para a miña avoa, asmática. Nunca usamos a folla de eucalipto para fervela con auga e que poidese facer bafos, cousas da iñorancia!.Desculpa o meu galego escrito, nunca fun a escola de galego. Adiante coa laboura de espallar a Ciencia e a Cultura do noso Povo.!