Venres 29 Marzo 2024

Afecta o illamento ao noso cerebro?

 

Unha das consecuencias máis importantes da crise do coronavirus foi, sen dúbida, a restrición de mobilidade das persoas e o seu confinamento. Aínda que se trata dunha medida imprescindible para afrontar a pandemia e está a salvar milleiros de vidas, tamén resulta obvio que pode producir efectos negativos sobre a poboación. Especialmente se se alonga moito no tempo e se non poñemos en marcha medidas para reducir o seu impacto.

Á fin e ao cabo, somos unha especie social. A interacción cos nosos conxéneres é unha parte fundamental das nosas vidas: o noso cerebro está deseñado para socializar e sofre cando vemos reducidas as relacións.

Publicidade

Ter poucas relacións mingua a saúde

O illamento social, por desgraza, non é exclusivo da pandemia actual. Trátase dun fenómeno moi estendido en todo o mundo, e polo que sabemos ten consecuencias graves sobre a saúde das persoas.

Os científicos levan moitos anos observando que os individuos que teñen unha menor cantidade ou calidade de relacións sociais presentan máis problemas de saúde e un risco maior de falecer . En particular, existen abundantes evidencias de que o illamento social prolongado ten un impacto negativo sobre o sistema nervioso e o noso comportamento.

Aínda por riba, pode ser un factor que desenvolva diferentes enfermidades psiquiátricas como a esquizofrenia, a depresión ou a ansiedade. Os neurobiólogos e as neurobiólogas temos constancia destes efectos negativos grazas tanto a estudos en humanos, como, no meu caso, con animais de laboratorio. Con todo, hai que recoñecer que aínda estamos lonxe de coñecer en detalle cales son as alteracións neuronais que fan que o illamento desencadee estes cambios no noso comportamento.

Non é igual en todas as fases da vida

O illamento pode afectarnos en todas as etapas da nosa vida, pero certamente ten un impacto maior nas primeiras da nosa existencia. Débese a que o noso cerebro é particularmente sensible durante a infancia e a adolescencia, porque aínda está a rematar a súa formación. Concretamente nalgunhas áreas cerebrais, como a codia prefrontal –a parte máis anterior do noso cerebro–, aínda se están a formar contactos entre as neuronas e se están a rematar de puír os circuítos cerebrais que gobernarán aspectos críticos do noso comportamento.

Por iso calquera experiencia adversa, e en particular o illamento, pode ter a estas idades un impacto máis forte. Ata tal extremo que pode interferir na construción dos nosos circuítos cerebrais e producir alteracións que persistan ata á idade adulta.

Estes cambios poden ser a base de alteracións no comportamento que nalgúns casos poderían chegar a ser patolóxicas. Por poñer un exemplo próximo, no noso laboratorio vimos como os ratos sometidos a un illamento prolongado durante a adolescencia presentan, cando son adultos, cambios de volume nalgunhas estruturas cerebrais como a amígdala, o principal centro de regulación das emocións.

Porén, detectamos cambios nos niveis dalgunhas moléculas implicadas na transmisión dos sinais entre neuronas que poderían afectar á actividade da amígdala e outras rexións cerebrais. Estes cambios estruturais e neuroquímicos acontecen en paralelo a alteracións no comportamento. A saber: os animais illados presentan máis actividade locomotora e maior ansiedade.

Por outra banda estudos similares doutros colegas apuntan tamén a un aumento da agresividade e do medo, dous comportamentos que dependen en gran medida da función da amígdala. Os datos obtidos en humanos tamén sinalan na mesma dirección: semella que os nenos e nenas que sufriron un illamento social importante durante a infancia tenden a presentar problemas na súa educación e problemas psicolóxicos.

Illamento transitorio

Dicía Charles Darwin que o seu pai, que era médico, tivera un paciente con problemas cardíacos dos cales finalmente morreu. O paciente, que era moi observador, refería un pulso moi irregular. Con todo, invariablemente, cando o doutor ía visitalo volvíase regular.

Dende hai moito tempo os médicos observaron que o contacto e as relacións sociais teñen efectos terapéuticos. Máis aínda, diferentes estudos evidenciaron que a “resocialización” pode reverter os efectos do illamento. Cando os ratos que foron illados durante a súa infancia e/ou mocidade volven convivir en grupo, comezan a normalizar o seu comportamento e a reverter algúns dos cambios que se produciron no seu cerebro.

Obviamente, o illamento transitorio que estamos a sufrir pola pandemia non debería representar dificultades graves para os nosos menores se están na casa cos seus pais. Pero non estaría de máis que tentásemos estimular as relacións sociais durante este tempo por todas as vías posibles. Nestes días faise moi necesario o agarimo e a relación dentro das nosas casas, pero tamén, máis ca nunca a través de calquera outra vía para evitar o illamento e a soidade.

Non está de máis lembrar que hai moitas circunstancias sociais complicadas, ademais de menores con risco de exclusión social cuxa situación se pode agravar coa crise do COVID-19. Afortunadamente, a tecnoloxía pon a noso alcance ferramentas fantásticas para que podamos estar en contacto, aínda que sexa virtualmente.

 é Catedrático de Bioloxía Celular, Investigador CIBERSAM e INCLIVA, Universitat de València.

Cláusula de Divulgación

Juan Nacher Roselló recibe fondos do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades “RTI2018-098269-B-I00” e a Fundación Alicia Koplowitz.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia

Canto tempo pasa entre que se inicia o consumo de tabaco e aparece o cancro de pulmón?

A investigadora Carla Guerra Tort estudará a relación temporal entre as mortes derivadas desta enfermidade e o tabaquismo