Xoves 25 Abril 2024

Son os 80 os novos 65?

*Un artigo de

Hai moita vida despois da xubilación. Case dúas décadas nalgúns casos. E encima, gozando de máis benestar que nunca. Neste momento, os anos que nos restan cumpridos os 81 equivalen aos que nos quedaban por vivir aos 65 en 1900. Se facemos as contas, significa que gañamos 16 anos. Como dirían os ‘modernos’, os 80 son os novos 65.

Publicidade

Por iso algúns autores (ver PDF) defenden que, máis que envellecer, a poboación está a rexuvenecer. O incremento da esperanza de vida en España é froito dun bo sistema de saúde público e dun sistema de pensións adecuado; que xuntos nos permitiron non só gañarlle anos á vida senón tamén sumar calidade.

Cantos anos imos vivir?

Claro que a evidencia científica di que a capacidade de afrontar a etapa que chega despois da xubilación non é universal. Sen ir máis lonxe, a lonxevidade garda unha estreita relación co sexo, a traxectoria vital das persoas e o seu nivel socioeconómico. Segundo datos do INE (2018), a esperanza de vida de mulleres alcanza os 85,9 anos de media en España e 80,5 anos no caso dos homes.

Doutra banda, os anos que lle gañamos á vida ven moi influídos por determinantes sociais como o noso nivel de estudos, lugar de residencia ou traxectoria laboral. En canto á formación, as últimas cifras falan dun incremento na lonxevidade de 2,2 anos no caso dos homes que cursan estudos secundarios con respecto aos primarios. E de 4,3 anos no caso das mulleres.

E que hai do lugar de residencia? Segundo o estudo sobre Indicadores Urbanos do INE (2019), hai unha diferenza de máis de 6 anos na esperanza de vida entre o municipio máis rico de España (Pozuelo de Alarcón, Madrid) e o máis pobre (La Línea de la Concepción, Cádiz). O nivel socioeconómico afecta indiscutiblemente á lonxevidade. Non é igual para todo o mundo.

As perspectivas da posxubilación tamén depende de que decisións que se tomen en torno ao sistema público de pensións. En España é un sistema solidario de repartición. Susténtase na solidariedade entre xeracións (persoas traballadoras e xubiladas), entre clases sociais (diferenzas de achegas a partir da renda) e territorios (zonas xeográficas con máis ou menos achegas). Este modelo, que establece pensións mínimas e máximas, reduce en gran medida as diferenzas económicas da etapa laboral.

Manter unha vida activa contribúe a que a saúde se prolongue durante máis anos.
Manter unha vida activa contribúe a que a saúde se prolongue durante máis anos.

A garantía pública dunha pensión suficiente que permita enfrontar a vellez con dignidade é fundamental para este tránsito. Sobre todo tras saber que, segundo un recente estudo do Instituto alemán Max Planck de Investigación Demográfica (MPIDR), os homes con pensións baixas viven, de media, cinco anos menos que aqueles con pensións máis altas.

Pero o sistema de pensións non é en absoluto indiferente ao incremento da esperanza de vida. E caben varias medidas para apoiar as súas sustentabilidade. Entre elas, elevar as cotizacións, reducir a precariedade laboral ou subir os salarios. Aínda que sen dúbida a máis coñecida é o aumento da idade de xubilación. A Lei 27/2011 incrementou progresivamente o limiar da xubilación dos 65 aos 67 anos. Claro que, se a nosa traxectoria educativa ou laboral pode marcar os anos que nos quedan por vivir, é xusto e equitativo implementar esta decisión para todas as persoas traballadoras por igual?

E despois da xubilación, que?

A poboación xubilada non é uniforme. Xeneralizando moito, poderiamos falar de dous grandes grupos con necesidades moi distintas. Dun lado, quen tras a retirada do mundo laboral demandan actividades de lecer ou formación, que preveñen a dependencia. Doutro, as persoas con necesidades de coidados permanentes.

É ampla a evidencia científica que apunta a que unha etapa despois da xubilación activa no deporte, o lecer, a formación e a participación social incrementa a saúde e contribúe a previr o avellentamento funcional. Un recente estudo realizado por cardiólogos/as de Francia sacaba á luz os tremendos beneficios do exercicio físico regular para o corazón.

Paralelamente, a Universidade Estatal de Humboldt (California) atopou probas das achegas do deporte na vellez para a prevención da deterioración metabólica. A isto hai que engadir outro estudo liderado pola Universidade Goethe de Frankfurt (Alemaña), que revelou que o exercicio aeróbico mellora as funcións cognitivas e contribúe a previr a demencia.

Con todo e con iso, non hai que esquecer que a condición socioeconómica tamén ofrece distintas oportunidades na participación e o lecer, non só derivadas da capacidade económica coa que se enfronta a vellez –vinculada á traxectoria profesional de cotización–, senón tamén do nivel educativo ou do lugar de residencia (ver PDF). Aspectos que habería que ter moi presentes para o deseño, a planificación e a toma de decisións políticas.

Abrirlle a porta á xubilación é cruzar a un mundo en plena trasformación. As evidencias científicas neste campo achegan claves para prever como de longa e saudable será a nosa traxectoria vital, pero tamén para decidir como queremos vivila.

O colectivo de persoas xubiladas, persoas maiores ou persoas en situación de dependencia son cada vez máis protagonistas da súa propia vida. O seu papel activo e participativo nas distintas dimensións da vida e a sociedade debuxan un tempo novo. Con cambios necesarios que oxalá camiñen cara a alianzas colectivas para unha sociedade máis cohesionada e socialmente máis sustentable.


* Lucía Martínez Virto é profesora do Departamento de Socioloxía e Traballo Social da Universidad Pública de Navarra.

Cláusula de divulgación: a autora traballa para a Universidad Pública de Navarra, recibiu fondos de investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación a través do Programa Estatal de investigación, Desenvolvemento e Innovación orientada aos retos da sociedade.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Prevén o leite a deterioración cognitiva? Isto é o que suxire un novo estudo

Un ensaio en maiores de 65 anos identifica un compoñente da graxa láctea que podería ralentizar a perda de memoria asociada á idade

Un programa piloto busca solucións contra a soidade non desexada

Un convenio entre a Universidade de Vigo, a Área Sanitaria e a Sociedade Galega de Xeriatría impulsa a prevención deste problema cun gran impacto na saúde

Un equipo da USC busca terapias para as enfermidades propias do envellecemento

O obxectivo é estudar as modificacións químicas do ARN asociadas ás patoloxías da idade e tentar revertelas co uso de fármacos

Ferrol e Ourense, as cidades máis envellecidas de Galicia

A idade media do galego é de 48 anos, e por cada 100 persoas menores de 20 hai aproximadamente 168 de máis de 65