Venres 26 Abril 2024

Por que o cancro afecta máis a homes que a mulleres?

Un estudo explica un dos principais mecanismos biolóxicos, debido á perda da función de varios xenes clave no cromosoma Y

Os datos expoñen que os homes teñen máis risco de padecer cancro que as mulleres. E moitas investigacións afondaron e constataron a evidencia. Porén, queda por coñecer cales son as razóns detrás destas diferenzas. Un equipo do Instituto de Saúde Global de Barcelona (ISGlobal), centro impulsado por la Caixa, identificou un dos principais mecanismos biolóxicos polos que os homes teñen máis risco a padecer cancro que as mulleres. Trátase da perda de función de certos xenes do cromosoma sexual Y, presente unicamente nos homes.

O estudo, publicado no Journal of the National Cancer Institute, realizouse en colaboración coa Universidade Pompeu Fabra, a Universidade de Adelaida e o Centro Xenómico de Estonia. Baseándose nos datos de 9.000 individuos, as e os investigadores estudaron a función de todos os xenes do cromosoma Y en varios cancros. De acordo cos resultados da súa análise, a probabilidade de desenvolver cancro aumenta cando se perde a función de seis xenes clave do cromosoma Y en varias células.

Publicidade

“Estudos recentes demostraran que, ao envellecer, as células dalgúns homes tenden a perder por completo o cromosoma Y, fundamental para a diferenciación sexual do feto”, comenta Juan Ramón González, coordinador do estudo e xefe do Grupo de Bioinformática en Epidemioloxía Xenética de ISGlobal.

Varios dos xenes están implicados na regulación do ciclo celular, cuxo fallo pode dar pé a tumores

“A pesar de que a perda do cromosoma Y fora previamente asociada cunha maior incidencia en cancro, as causas desta relación non se coñecían”, engade o investigador. Estes seis xenes do cromosoma Y están implicados na regulación do ciclo celular, un proceso que, cando falla, pode dar lugar ao desenvolvemento de tumores.

“Curiosamente son xenes que teñen unha copia similar no cromosoma X”, explica Alejandro Cáceres, primeiro autor do estudo. “Se ademais a copia do cromosoma X muta nas mesmas células –o que se demostrou que ocorre– a posible protección biolóxica destes xenes contra o cancro pérdese completamente”.

Comprender as diferenzas biolóxicas entre homes e mulleres en cancro é crucial para desenvolver liñas de tratamento e prevención personalizadas. “Os homes non só sofren máis de cancro que as mulleres, senón que ademais teñen un prognóstico peor”, comenta González. “De feito, a menor esperanza de vida de homes con respecto ás mulleres explícase, en parte, por esta razón”.

A identificación dos factores que fan aos homes máis vulnerables ao cancro é unha importante liña de investigación que tenta mitigar os riscos desta poboación. “Aínda que os homes poderían estar máis expostos a canceríxenos polo seu tipo de traballo ou incrementar o seu risco por evitar en maior medida as visitas ao médico, o noso estudo demostra que existen factores biolóxicos que fan que o risco en homes sexa maior”, engade Cáceres. “E, ao parecer, un deses factores é o cromosoma Y”.

Segundo destacan os autores, a supresión do cromosoma Y pódese dar xa sexa pola perda de función do cromosoma, o que explicaría estudos previos, ou por outros mecanismos mediados pola inactivación química (epixenética) das mesmas rexións.

“Certas exposicións ambientais, como pode ser o tabaco e outros tóxicos, poderían afectar á función do cromosoma alterando o seu epixenética”, afirma González. E conclúe, “os nosos resultados abren a porta ao desenvolvemento de métodos de detección dirixidos e terapias específicas para homes con cancro”.


Referencia: Extreme down-regulation of chromosome Y and cancer risk in men (Publicado no Journal of the National Cancer Institute).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T