Un lugar máxico onde os antigos galaicos adoraban ao deus Berobreo. Dende o monte Facho, no confín da península do Morrazo, as vistas son espectaculares sobre as illas Cíes. Hoxe, segue abriando ao visitante nun cumio dende o que cada día o sol cae ao mar e remata o mundo.
Ata finais do século XX, o culto a Berobreo era descoñecido para a historiografía, ata que traballos arqueolóxicos en colaboración con investigadores alemáns deron á luz este santuario baixo imperial, activo no século IV d. C., e construído sobre un antigo e próspero castro da Idade de Ferro, que seguiu activo durante a dominación romana.
O Facho érguese 157 metros sobre o nivel do mar no lugar de Donón, en Cangas. A visita supón un paseo que apenas esixe esforzo, en menos de media hora dende o miradoiro de Cabo Home, no extremo máis occidental da península do Morrazo.
No roteiro cara ao cumio, podemos ver petróglifos sinalizados, que representan inscricións de caráter relixioso, probablemente vinculadas ao deus Berobreo. No cume, o poboado castrexo atópase musealizado, con pasarelas de madeira que nos permiten visitar as antigas vivendas castrexas. Os arqueólogos cren que este asentamento estaba poboado desde o século IV a. C., pero que entrou en decadencia co cambio de milenio, para vivir un segundo esplendor cara ao século II d. C.
O santuario do deus Berobreo rexistra o maior número de exvotos localizados ata a data na península ibérica. Son un total de 174 aras aquí atopadas, algunhas de apenas medio metro e outras de 1,70 metros, que conformaban un bosque de aras no alto do monte, a residencia do deus.
174 aras foron atopadas no Facho dedicadas a Berobreo, a maior concentración da península Ibérica
As inscricións indican que Berobreo era un lar da morte, relacionado coa enfermidade, ao que os fieis acudían para pedir saúde. O texto máis usado nestas aras de pedra rezaba: DEO LARI BREOBREO ARAM POSVI”, xunto á fórmula: “PRO SALVTE“. O que vén invocar ao Deus Lar Berobreo protector do cumio.
Ademais, foron atopadas aras a medio labrar en pedra e aínda sen inscricións, o que indica que había nas proximidades unha factoría encargada de fabricalas para os peregrinos. Porque no monte Facho estamos ante un dos máis grandes santuarios da Antigüidade no Noroeste da pensínsula Ibérica. Nunha época de bonanza económica e puxanza dos castros da Rías Baixas, cando na ría de Vigo abundaban as salinas e as factorías de salgadura que exportaban ao resto do orbe romano, mentres as clases acomodadas vivían en vilas como a de Toralla, na praia do Vao, hoxe musealizada e visitable, no termo municipal de Vigo.
No bico do monte do Facho, hoxe vemos unha singular construción en pedra. Trátase dun dos postos de vixilancia que, durante o século XVIII, se instalaron en lugares estratéxicos da costa de Galicia. Estaban dotados de gardas que vixiaban o horizonte infinito e que prendían lume en sinal de alerta se albiscaban unha escuadra inimiga.
Hoxe, no bico do monte Facho, ante o altar do deus Berobreo, tamén nós poderemos abesourar o infinito, ante o Atlántico e as illas Cíes, no cume dun lugar verdadeiramente máxico.
Que lonxe estamos de ter unha divulgación axeitada da historia común do Pobo Galaico como tal, considerando ao território do noso Pobo como o que vai dende o río Porto até a Costa norte de Coruña , Lugo e unha grande parte de Asturias, dende hai 5000 anos até hoxe .
A loita continúa por achegar aos mais cativos esta realidade.
Moitas grazas polo esforzo permanente das persoas científicas e tamén ao resto de profesionais de GCiencia