Qubiotech: neurotecnoloxía ao servizo do paciente

A interpretación das imaxes médicas é unha das grandes preocupacións para os profesionais da sanidade. Un pequeno detalle nun diagnóstico pode ser vital para a saúde dos pacientes, polo que é necesario dispoñer da mellor tecnoloxía posible para previr posibles problemas. Sobre esta idea asentan as bases de Qubiotech, unha compañía con sede na Coruña que se constituíu a finais do ano 2014.

Naceu “a partir da transferencia dun algoritmo que desenvolveu o grupo de investigación en Medicina Nuclear e Imaxe Molecular da Fundación Ramón Domínguez, asociado al Servizo de Medicina Nuclear do CHUS”, segundo explica Daniel Fernández, xerente de Qubiotech. O algoritmo foi transferido á empresa a través dun acordo de licenza de comercialización en exclusiva mundial por un período de 20 anos, e así botaron a andar.

Publicidade

A súa tecnoloxía xa se está empregando no CHUS de Santiago

Con esta ferramenta, a compañía desenvolveu o seu primeiro produto, Neurocloud, que xa se está utilizando no Servizo de Medicina Nuclear do CHUS. “É unha plataforma que alberga un algoritmo capaz de unir, nun único documento, varias imaxes tomadas a través de diferentes modalidades”, conta Fernández. Con esta tecnoloxía, a través dun visor en liña, é posible analizar por separado cada unha das imaxes tratadas. Outro aspecto interesante e importante é que ofrece información baseada nunha análise estatística que permite observar as diferenzas entre as características do paciente e unha base de datos con información sobre individuos sans. Deste xeito, poderase detectar máis facilmente calquera anomalía, sobre todo no caso das doenzas cerebrais. Por outra banda, Qubiotech tamén ofrece outros servizos de desenvolvemento de software a medida, útiles para estudos clínicos e pre-clínicos.

Dous anos despois do comezo do proxecto, Daniel Fernández fai un balance “moi positivo” da experiencia. “Estamos obtendo axudas e recoñecementos tanto de institucións como do sector sanitario que valoran a proposta da empresa”. Engade Fernández que “o máis gratificante é poder levar ao mercado desenvolvementos científicos que poidan axudar aos médicos no seu difícil labor diario e contribuír a mellorar a atención sanitaria”.

Publicidade

Unha das ferramentas de Qubiotech.
Dispositivo de Qubiotech.

Como recoñecemento á súa iniciativa, Qubiotech xa recibiu importantes galardóns, entre os que destacan o Premio de Transferencia de Tecnoloxía 2015 da Real Academia Galega de Ciencias, o de Mellor Compañía Xoven da USC, tamén en 2015, e a selección como un dos tres finalistas de Galicia Open Future, unha das catro empresas seleccionadas pola farmacéutica Bayer para o programa “Grants4Apps”, entre outros recoñecementos de nivel internacional.

De cara o futuro, os responsables de Qubiotech, que forma parte do clúster Bioga, márcanse o obxectivo de desenvolver “un ecosistema de aplicacións de cuantificación de imaxe” que engada novas funcionalidades á ferramenta de Neurocloud.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia aspira a construír un prototipo para o futuro colisionador de partículas do CERN

O IGFAE coordinaría a iniciativa xunto á colaboración da Xunta e do CDTI nunha acción estratéxica para a I+D+i na comunidade

Investigadores galegos redefinen as pautas de extubación despois dunha operación por ictus

O estudo, coordinado polo IDIS e o CHUS, mostra que, contrario ao que se pensaba, adiantar o espertar do paciente non mellora a recuperación funcional

A “síndrome posaborto”, un debate político sen evidencia científica

A proposta de Vox en Madrid pretende introducir un trastorno inexistente, xa que a literatura científica non recoñece ningunha patoloxía psicolóxica vinculada á interrupción do embarazo

A Xunta anuncia máis de 10 millóns para proxectos de I+D+i e tecnoloxías de alto impacto

Rueda lanza tres novas convocatorias de axudas destinadas a impulsar a investigación, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico