O mapa para medir o risco dos rebrotes da Covid-19 en Galicia

Un proxecto do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC recibe financiamento da Gain para elaborar unha cartografía dos focos no país

Hai unha determinada liña de transporte público, que pase por algún centro hospitalario e zonas de gran concentración de persoas que poida ser unha posible fonte de contaxio? Produciuse algún brote de Covid-19 nunha vila de Galicia que se propagou nos primeiros días sen ser detectado por parte do sistema de saúde?  Analizar de forma retrospectiva por que pasou isto, e ofrecer unha imaxe clara da situación para evitar que volva acontecer, é un dos obxectivos da cartografía de risco da Covid-19 que realizará o grupo de Análise Territorial da Universidade de Santiago de Compostela co financiamento da Axencia Galega de Innovación, no marco da convocatoria aberta por esta entidade, adscrita á Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, para impulsar actividades de I+D+i que acheguen solucións á crise sanitaria, social e económica producida polo SARS-CoV-2.

“Cando vimos o que estaba pasando, xa nos puxemos a investigar, polos traballos previos que realizaramos, para facer as primeiras análises espaciais a través de mapas que nos permitiran seguir a epidemia”, explica Ángel Miramontes Carballada, profesor da USC e membro do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), que dirixirá o proxecto. Ao abrir a Gain a convocatoria, o seu grupo presentouse e acabou sendo unha das oito iniciativas seleccionadas entre máis de 160 propostas.

Publicidade

Con esta achega, que supera os 71.000 euros, o equipo da USC poderá contratar a máis persoal investigador para o proxecto e desenvolver as liñas de colaboración que xa abriron desde o comezo da pandemia con expertos internacionais en análise espacial de datos e expertos en xeografía da saúde, entre outras disciplinas.

“A idea é analizar o comportamento espacial da propagación do virus a través de tres aspectos principais: os focos de contaxio, tanto os que xa se produciron como os que poderían acontecer nun futuro; os factores territoriais que poden influír na propagación; e a capacidade de indicar ás autoridades competentes as actuacións precisas para frear esa posible propagación”, detalla Miramontes.

Publicidade

Constante actualización e novas variables

Para garantir un mellor seguimento, a ferramenta terá capacidade de irse adaptando e actualizando con distintas variables en función da evolución da crise. “A nosa idea é que xire arredor de tres grandes bloques: por unha parte os indicadores socioeconómicos, coas infraestruturas que se deben ter en conta, como os hospitais, supermercados, farmacias, etc.; en segundo lugar, a análise de datos para actuar nunha escala de gran detalle, desde a entidade de poboación ata o concello; e en terceiro lugar, dispoñer dos propios datos da epidemia. Unha vez que producimos esta cartografía, podemos analizar toda a información dispoñible desde distintas perspectivas”, explica o investigador da USC.

Con esta ferramenta, o proxecto pretende achegar unha “información veraz” para poñela a disposición das autoridades sanitarias, que axude na toma de decisións óptimas fronte á crise. “Sempre imos traballar cos datos oficiais, e con todos os aspectos relevantes a ter en conta para perfilar a ferramenta”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un fármaco para recuperarse tras un ictus e unha tecnoloxía de selado de latas, Premios á Transferencia

Os galardóns que outorgan a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación premian un grupo do IDIS e outro da UVigo

Catro mapas históricos para percorrer Galicia a través dos séculos

O Instituto Xeográfico Nacional conserva cartografía antiga datada entre o XVII e XIX e amosa a evolución do territorio ao longo de máis de 200 anos

O primeiro cartógrafo da Antártida era galego? A historia de Francisco Seyxas

Explorador do século XVII, navegante e espía, documentou terras e illas ao sur do Estreito de Magallanes máis dun século antes dos descubrimentos ingleses

Que é a variante Frankestein? Síntomas e cando chegará a Galicia

"Non é unha ameaza", asegura a inmunóloga África González, que considera que o nome non está vinculado coa aparición de casos máis graves