O chourizo vexetal existe (e está delicioso)

A pesar de que a oferta gastronómica foise adaptando nos últimos anos ao público vexetariano, ata a creación de Calabizo había dous sabores que este colectivo botaba en falta. Edurne Sendra, directora técnica e unha das cofundadoras desta empresa xunto a Keila Pousa e Sofía Calvo, lembra que esta última traballara durante tempo como cociñeira en restaurantes vexetarianos. A partir do contacto con esta tendencia alimentaria, observou que “os dous sabores que máis botaban de menos eran o xamón e o chourizo”, conta Edurne.

Por mor disto, as tres reuníronse para desenvolver a súa idea. Un produto moi específico, pero con moito potencial. Puxeron en común as súas distintas áreas de coñecemento: restauración (Sofía), enxeñería agrónoma (Edurne), e márketing e turismo (Keila). Máis tarde, despois de máis dun ano de traballo, conseguiron ser finalistas de Vía Galicia, o que lles deu o impulso definitivo para facer realidade a súa idea.

Publicidade

“Lembra aos embutidos de aldea de outrora”, afirma Edurne Sendra

No proceso de elaboración dos Calabizos, I+D e tradición danse a man. “A receita é moi similar á dun chourizo tradicional, pero intercambiamos a carne de porco por polpa de cabaza e a graxa por aceite de oliva virxe extra”, explica Edurne Sendra. O afumado, o curado e o secado tamén son similares, aínda que varían as condicións de temperatura, humidade e tempos. Así, ademais da cabaza e o aceite, a receita incorpora pemento, ourego, cebola, allo e sal.

Desta maneira, obtense un produto que, segundo Edurne, cumpre coas ‘4s’ (saudable, sustentable, saboroso e sen aditivos nin conservantes). Porque o Calabizo, segundo afirman as súas creadoras “regula o colesterol, achega fibra alimentaria, é rico en vitaminas e antioxidantes, baixo en calorías, a materia prima obtense baixo as prescricións da agricultura ecolóxica e con métodos tradicionais” e, ademais, “recupera o sabor de antes, porque lembra aos embutidos de aldea de outrora”.

Publicidade

Envase de Calabizo.
Envase de Calabizo.

Para achegarse máis aos clientes, Calabizo ofrece a variedade vexetariana e vegana. Ambos os produtos pódense consumir en cru ou á prancha. Na variedade vegana, a envoltura é vexetal, no canto de coláxeno, polo que non se recomenda a cocción, que si é posible na variedade vexetariana, xa que pode entrar auga no interior.

A resposta dos consumidores foi excelente. “Excedeu as nosas previsións, ata o punto de que aínda non puidemos atender todos os pedidos”, sinala Sendra. Os encargos chegan mesmo doutros puntos de Europa, como Reino Unido, Alemaña, Francia. A pesar disto, as creadoras manteñen o seu plan: “De momento non podemos exportar xa que primeiro queremos poder atender o mercado nacional”. Ademais, tamén chegaron os premios. O Clúster Alimentario de Galicia outorgoulles o premio ao Produto Innovador de 2016.

 

1 comentario

  1. O chourizo tradicional galego foi precisamente este chourizo de cabaza e cebola. Ao popularizarse a carne e chegar a todas as casas, empezou a introducirse neste tipo de chourizos, dando lugar aos ceboleiros que inda hoxe se fan sobre todo na provincia de Ourense. Mais a miña nai, por exemplo, lembra os chourizos ceboleiros con cabaza que se facían cando era nena, antes de que houbera carne, e eses eran os chourizos tradicionais. De feito, nalgunha zona do oriente ourensán inda se elaboran. O que fixeron nesta empresa foi recuperar este tipo de chourizos e comercializalos como “Calabizos” cun éxito rotundo, porque ademais de estar moi bos, co auxe do veganismo o público obxectivo é cada vez máis amplo. Chourizos tradicionais galegos polo mundo adiante cun éxito enorme.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que peixes son os máis sans para comer?

A seguridade fronte a contaminantes é clave no consumo de especies mariñas, co metilmercurio como principal risco sanitario. Por Antonio Figueras

As dietas pobres en cereais, verduras e sementes elevan o risco de infarto

A alimentación deficiente foi a responsable de catro millóns de mortes por cardiopatía isquémica en 2023

Quefir ou iogur? Estes son os beneficios para a nosa saúde intestinal

Ambos os produtos son máis fáciles de dixerir que o leite, xa que parte da lactosa se consome durante a fermentación

Ciencia e cooperación para unha alimentación sostible: os resultados de Net4Food

A rede de colaboración entre Galicia e Norte de Portugal continuará a través do Iberian Food Lab