Galchimia, química orgánica con acento galego

A traxectoria de Galchimia é a demostración palpábel de que o soño dos emprendedores se pode facer realidade, iso si: con moito esforzo detrás e coas ideas moi claras para converter a aposta pola innovación e a internacionalización nun seguro fronte aos vaivéns do mercado. A empresa, que naceu fai máis de quince anos como idea de dous estudantes de Química Orgánica da Universidade de Santiago (USC), Carme Pampín e Jacobo Cruces, acabou consolidada despois do seu nacemento como spin-off.

Laboratorios de Galchimia.
Laboratorios de Galchimia.

Pampín, actual CEO de Galchimia, lembra que a empresa é un produto dunha das primeiras ideas desenvolvidas ao abeiro do programa pioneiro de emprendemento da USC. “O proxecto gustou na Universidade e aos poucos empezamos a facer un plan de negocio, coa innovación e a internacionalización como bandeiras desde un principio. Uninova axudounos a realizar o plan e, posteriormente, Unirisco achegou parte do financiamento”, explica Pampín, quen indica que a empresa se foi adaptando ás necesidades do mercado e rematou por adoptar un modelo de funcionamento que segue sendo a súa principal fonte de traballo ata hoxe. Consiste en realizar investigación baixo contrato (outsourcing) para a industria farmaceútica. “O noso modelo baséase en facer I+D para terceiros”, conclúe Pampín.

Publicidade

Hoxe en día Galchimia ostenta o liderado español no campo da Química Orgánica Sintética. Ademais de traballar actualmente e de realizar investigación para distintas compañías farmacéuticas e biotecnolóxicas de primeiro nivel, conta cun catálogo de máis  de 200 produtos que a propia compañía vende a través da súa páxina web. Nos últimos anos Latinoamérica pasou a ser nun mercado importante para a compañía, aínda que un 75% dos seus ingresos aínda depende da liña de investigación baixo contrato. Galchimia conta agora cun persoal de 30 traballadores e en 2015 a súa facturación alcanzou os 1,8 millóns de euros.

Galchimia conta con 30 empregados e factura 1,8 millóns de euros

A innovación segue a ser o sinal de identidade de Galchimia xa que os encargos dos clientes adoitan consistir na xeración de novas moléculas. Para ‘inventalas‘ é necesario realizar un complexo estudo previo e ver se é factible seguir a dar pasos para culminar o proceso. A empresa asentada no Pino, preto de Santiago, segue a buscar novas vías para diversificar o seu negocio e xerar licenzas de produtos propios. Ademais,  mantén proxectos de colaboración con outras empresas tanto do exterior como galegas dentro de programas de apoio á investigación como Horizonte 2020, Interconecta, Madame Curie e Conecta Peme.

Publicidade

Co paso dos anos Galchimia converteuse na marca de referencia do sector químico en Galicia. Pampín destaca que ao longo destes anos se foi consolidando na comunidade autónoma un ‘ecosistema interesante‘ de empresas dentro da rama das Ciencias da Vida que fai posible que Galchimia poida colaborar con outras empresas galegas no terreo da I+D. Nesta liña hai que  destacar especialmente o proxecto ONCOGALFARMA, desenvolvido xunto ás empresas AMSlab e Oncostellae, dentro do programa Conecta Peme, para investigar terapias complementarias no tratamento do cancro.

A compañía nada no seo da USC mantén desde o principio a súa aposta polos recursos humanos galegos e preto do 90% do seu persoal procede dalgunha das tres universidades galegas. E ten unha política de baixa rotación dos traballadores e pola súa vinculación co proxecto. A crise económica tamén afectou a Galchimia, especialmente pola súa dependencia da industria farmacéutica. Pampín sinala que a vocación internacional de Galchimia e a súa aposta por desenvolverse noutros sectores, como a agroquímica, foron dous dos factores que axudaron á empresa para superar a crise, que foi especialmente dura no ano 2013.

1 comentario

  1. Sería moi interesante que a selección de persoal en Galchimia fose valorando rigurosamente o curriculum, méritos e capacidade do persoal investigador que aplica à Galchimia. Grazas

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño