A ave que vela polas colleitas

Nalgúns cultivos de amorodo, uva de mesa ou piscifactorías xa sobrevoa un paxaro, unha ave rapaz, que espanta ás bandadas que se alimentan dos seus froitos. E non o fai seguindo os seus instintos, senón que segue ordes directas para protexer os cultivos. Esta ave é, en realidade, un dron desenvolvido pola empresa Fobos, asentada en Vigo, para escorrentar de maneira sustentable as pragas de aves que ameacen os cultivos.

logos-fobos

O traballo comeza co estudo ornitolóxico profundo da fauna existente na zona a protexer e os seus hábitos de alimentación para descubrir o seu ritmo biolóxico, como se comporta. A partir de aí prográmase un vehículo aéreo non tripulado, un dron, disimulado con forma de ave rapaz, que simula os movementos dunha ave real na súa zona de caza. “Adáptase segundo a ameaza, temos varios modelos de imitación de aves rapaces”, explica o conselleiro delegado de Fobos Solutions, Marcos Carrera. A empresa adquiriu en xuño de 2014 os dereitos sobre unhas patentes desenvolvidas polo CSIC, en concreto na estación biolóxica de Doñana, e sobre elas estivo traballando nos dous últimos anos. “O deseño, a fabricación e a técnica de aplicación, é dicir, cando e onde voar e mesmo a técnica de voo son galegas; ademais dos servizos integrais de control” do dron, indica Carrera.

Publicidade

A técnica é clara: as falsas aves depredadoras simulan voos curtos de ataque continuados durante 15 ou 20 días para afastar ás bandadas que ameazan as colleitas ou as sementes. “É un método sustentable e cunha efectividade do 90%, segundo os cálculos do CSIC das poboacións de aves” nas zonas en que traballan. Carreira explica que o ideal é traballar na prevención, antes de que cheguen a sementeira e a floración e, con elas, as pragas de paxaros. “É máis fácil que escorrentalos cando xa están alí e ademais a desfeita sobre as colleitas é cero porque non deixamos chegar á praga”, puntualiza. Este sistema comeza a utilizarse en cultivos de amorodo, arándanos, quinoa, froitos de óso como albaricoques, xirasol, a uva de mesa e piscifactorías, sobre todo no sur de España, onde teñen o clima cálido que atrae a moitas aves de paso e converte ás pragas nun problema “grave”. Ademais, os terreos de cultivos alí son de extensión considerable, superiores ás 20 hectáreas que recomenda o equipo de Fobos para poñer en marcha o sistema para cultivos de alto valor. Cando se trata de plantacións de baixo valor, como o arroz, os sistemas de vixilancia comezan a utilizarse a partir das 200 hectáreas. Por iso, en Galicia o seu uso é “case impensable” debido á tradicional fragmentación do terreo que provoca a inexistencia de cultivos extensivos. O único oco que atopou ata o momento para a súa implantación na Comunidade é nas piscifactorías.

“O deseño e a técnica de vó son galegas”, destacan en Fobos

Estes drons camuflados de aves rapaces espertaron interese máis aló do terreo agrícola. A empresa recibiu peticións de concellos e portos deportivos para afastar ás gaivotas destas zonas, pero non se puideron levar a cabo porque a normativa actual de uso de vehículos aéreos non tripulados non permite o seu uso en zonas poboadas. Tamén “hai interese”, indican a grandes trazos en Fobos, en empregalas para tarefas de vixilancia camuflada en áreas de conflito.

Publicidade

Polo momento a empresa céntrase nos seus obxectivos para este ano: continuar co desenvolvemento e os estudos sobre o uso do dron e buscar inversores para a expansión internacional da empresa.  A curiosidade polo produto chega xa desde Chile, Arxentina, Ecuador, Perú, Uruguai ou Sudáfrica sen ter “movido un dedo” na súa promoción internacional. Agora toca concretar esas preguntas en proxectos. En paralelo, a empresa continuará tamén co desenvolvemento de novos produtos. Para iso adquiriron outras dúas patentes á Universidade de Sevilla para crear aplicacións de visión artificial e cámaras a baixo custo para a detección de obxectos. Están a traballar tamén no campo das cámaras multiespectrales de vixilancia de cultivos que axudan a detectar as condicións das plantacións, tales como, o nivel hídrico ou as variacións de clorofila, que, unha vez analizadas axudan a sacar conclusións sobre as súas necesidades. Ademais, teñen aberta unha colaboración dentro do marco das axudas da Xunta Conecta Peme que profundará no uso da tecnoloxía no ámbito agrario.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

Chega o CinVigo, o festival científico que leva a ciencia á rúa

O evento celebra a súa cuarta edición e trasládase á Avenida de Beiramar, onde convocará actividades para todas as idades na última fin de semana de abril

A oceanógrafa Aida Fernández Ríos, nomeada Científica Galega do Ano 2026

Foi unha das principais expertas europeas no estudo da acidificación do océano e unha das primeiras mulleres a bordo de buques de investigación

Un estudo asocia o aumento da temperatura do mar coa expansión cara ao norte da desova da xarda

A investigación ofrece unha base científica para mellorar a avaliación das poboacións, identificar hábitats esenciais e tomar decisións na xestión pesqueira