Un dos momentos da investigación na Universidade de Oregón.

Os gatos senten tanto afecto polos seus donos como os cans

Un novo estudo en Current Biology amosa que o seu nivel de apego cos humanos que os coidan é comparable ao dun bebé humano

Moitos pensan que os felinos domésticos son ariscos, independentes e distantes cos humanos cos quen conviven. Con todo, un novo estudo demostra que o afecto que amosan cos seus coidadores foi subestimado, e en realidade están tan unidos a eles como un can ou un bebé.

Os gatos (Felis silvestris catus) teñen fama de ser distantes e independentes se os comparamos con outras mascotas, como os cans. Pero un estudo publicado este luns na revista Current Biology rebate esta idea: os gatos están unidos aos seus donos.

Os achados indican que o vínculo que se crea entre humanos e as súas mascotas non é exclusivo dos cans. “Do mesmo xeito que os cans, os gatos amosan flexibilidade social nos seus apegos cos humanos”, explica Kristyn Vitale, da Oregon State University (EUA) e autora principal do traballo.

“A maioría dos gatos están unidos de forma segura aos seus donos e téñenos como fonte de seguridade nunha contorna nova”, engade a experta.

Para chegar a estes resultados, as científicas realizaron unha serie de probas usadas anteriormente para avaliar o apego seguro en primates e cans. No test, os gatos –de entre tres e oitos meses de idade– debían pasar dous minutos nunha habitación estraña para eles cos seus donos, despois permanecer sós outros dous minutos nese mesmo lugar, e finalmente de novo outros dous minutos cos seus donos.

Os gatos senten un afecto cos seus donos similar aos cans.

Os animais amosaron apego seguro ao reencontrarse cos seus donos cando volvían rapidamente á zona de exploración próxima ao humano. Tras unha breve ausencia dos coidadores, o grupo de investigadoras puido confirmar que o nivel de apego dos gatos é similar ao dun bebé humano ou un can.

En total, case 65 % gatiños mostraron un apego seguro e máis do 35 % inseguro, dos que o 84 % presentaron un apego ambivalente, 12 % evitativo e 4 % desorganizado.

Estas cifras, no caso do apego seguro coinciden coas que se obteñen nos bebés humanos. Algúns destes gatos seguiron a continuación un adestramento de sociabilización de entre un mes e medio e dous meses para comprobar se o apego era estable e mantíñase na idade adulta.

Segundo Vitale, esta flexibilidade social pode facilitar o éxito da especie nos fogares humanos. Agora as científicas están a explorar a importancia deste traballo en relación cos milleiros de gatos que acaban en refuxios municipais. Queren saber se tamén desenvolven afecto cos humanos que os atenden. Pero a investigación racha cun mito: o dos gatos ariscos.

Aquí podes ler o estudo publicado en Current Biology

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.