Venres 19 Abril 2024

Os alumnos de colexios con aire máis contaminado teñen menos memoria

Rapaces participantes no estudo de Barcelona facendo unha das probas.
Rapaces participantes no estudo de Barcelona facendo unha das probas.

Os estudos sobre morbilidade e contaminación do tráfico adoitan ser moi preocupantes. Os gases da combustión dos vehículos disparan as taxas de enfermidade. Esta semana, unha investigación en Cataluña ven de dar unha alerta mundial. O desenvolvemento cognitivo dos nenos que asisten a escolas expostas á contaminación do aire pola súa proximidade ao tráfico é máis lento, segundo un estudo publicado en PLOS Medicine e realizado por investigadores do Centro de Investigación en Epidemioloxía Ambiental de Barcelona.
Moitas escolas están situadas nas proximidades das rúas máis transitadas, con picos de contaminación do aire xusto cando os nenos están na escola. Ese foi o obxectivo desta nova investigación, enmarcada no proxecto europeo Breathe, que avalía a relación que existe entre o desenvolvemento cognitivo dos escolares e a exposición aos contaminantes atmosféricos relacionados co tráfico.
Sospeitábase que a contaminación do aire era un neurotóxico para o desenvolvemento. Así, en estudos previos con animais os resultado revelaban que a inhalación de partículas ultrafinas procedentes de escapes de motores de vehículos provoca unha expresión elevada de citoquinas e de estrés oxidativo no cerebro, ademáis dun comportamento animal alterado.

Os datos amosan atrasos nos nenos sometidos a contaminación do tráfico

Tamén a exposición ao aire contaminado relacionado co tráfico durante o embarazo ou a lactación, cando o neocórtex do cerebro se desenvolve rapidamente, relacionouse con atrasos cognitivos en nenos. Os resultados semellan claros: as rexións do cerebro relacionadas con funcións executivas, como a memoria de traballo e a atención, amosaron respostas inflamatorias tras expoñerse á contaminación do aire relacionada co tráfico.
“Atopamos que os nenos das escolas altamente contaminadas tiñan un menor crecemento cognitivo que os nenos das escolas pouco contaminadas. Neste sentido, os nenos que asisten a escolas con niveis altos de contaminación, tanto na clase coma no patio, experimentaron un menor crecemento das funcións cognitivas esenciais para a aprendizaxe, do 7% anual en contra do 11%, respecto ás escolas menos contaminadas. Estes resultados confirmáronse empregando medidas directas sobre o tráfico relacionado cos contaminantes na escola. Isto pode ter consecuencias no rendemento escolar e o comportamento”, explica Jordi Sunyer, científico principal do estudo.

Publicidade

O estudo do programa Breathe baseouse en 2.897 nenos de 39 escolas de Cataluña

Os investigadores levaron a cabo un estudo prospectivo entre xaneiro de 2012 a marzo de 2013, con 2.897 nenos, de entre sete a dez anos, procedentes de 39 escolas de Barcelona e Sant Cugat que estaban expostos á contaminación do aire relacionada co tráfico de alta e baixa intensidade.
Os expertos avaliaron catro veces consecutivas, mediante probas computarizadas en series de 40 minutos de duración, as traxectorias individuais no crecemento anual do desenvolvemento cognitivo nas funcións de memoria de traballo e de atención, debido a que crecen de forma constante durante a preadolescencia.
Mediuse a contaminación debida ao tráfico (carbono elemental, dióxido de nitróxeno (NO2) e o número de partículas ultrafinas) dúas veces durante as campañas dunha semana tanto no patio (ao aire libre) como dentro da aula de forma simultánea. Os investigadores acharon, por exemplo, que a contaminación por partículas de carbono elemental reducía nun 13% o crecemento da memoria de traballo.
“A asociación observada foi consistente en medicións cognitivas, aínda que foi máis evidente para a memoria de traballo, bo indicador dos logros da aprendizaxe. A deterioración das funcións cognitivas ten consecuencias para o rendemento escolar. Polo tanto, a redución do desenvolvemento cognitivo dos nenos que asisten ás escolas con maior contaminación do aire podería dar lugar” a unha situación de desvantaxe que debería terse en conta no control da calidade do aire”, conclúe Sunyer.

Podes atopar o estudo completo
neste enlace de Plos Medicine

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli

O petróleo e os seus residuos inducen a metamorfose en invertebrados mariños

Un estudo internacional apunta que estas substancias poden alterar o ciclo e os procesos naturais destes animais