Manuel Isorna, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense, é un dos autores da investigación. Foto: Duvi.
Manuel Isorna, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense, é un dos autores da investigación. Foto: Duvi.

Non, o cannabis non protexe da Covid-19 (aínda que sexa preciso desmentilo)

O investigador Manuel Isorna, da Universidade de Vigo, participa nun artigo no que se revisan as informacións falsas sobre o uso da droga fronte á infección

A lista de supostos remedios contra a infección causada polo coronavirus SARS-CoV-2 foi abrumadoramente longa. O temor xerado pola pandemia e a desinformación superan, nalgunhas ocasións, a capacidade da ciencia para desbotar crenzas e noticias falsas. Unha destas supostas curas foi o uso de drogas, como o cannabis, como tratamento terapéutico fronte á Covid-19.  Un equipo de científicos españois e portugueses, do grupo Ibero Ciência, na revista Adicciones. O traballo conclúe que “non hai ningunha xustificación científica para o uso do cannabis en ningún dos síntomas ou complicacións producidos polo virus SARS-CoV-2, nin moito menos para a súa prevención”, expón Manuel Isorna Folgar,  profesor da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense da Universidade de Vigo, e un dos asinantes do mesmo.

O artigo, que leva por título Cannabis terapéutico y covid-19: entre el oportunismo y la infoxicación, xurdiu como resposta á proliferación dos supostos beneficios da droga: “Estamos un pouco cansos desta presión que fai a industria do cannabis, na que realmente por detrás está a industria do tabaco, para que se legalice o seu consumo e sobre todo para que se banalice empregando como cabalo de Troia o cannabis terapéutico”, lamenta Isorna.

No artigo, os investigadores expoñen que se atoparon con algúns supostos beneficios da droga como tratamento fronte á “tormenta de citoquinas“, unha reacción desmesurada do sistema inmune que agrava a inflamación causada pola Covid-19 nalgúns tecidos, como os pulmóns, e pode complicar o prognóstico das persoas afectadas. “Desde hai décadas, pero con especial énfase nos últimos tempos, as proliferacións de noticias falsas sobre as propiedades presuntamente curativas do cannabis víronse incrementadas”, comentan os autores no texto.

Coa chegada da pandemia, engaden, esa mensaxe trasladouse á Covid-19 e “escoitamos en innumerables ocasións, de forma reiterativa e por diversos medios, que o cannabis pode aliviar certa sintomatoloxía negativa debido aos seus potenciais beneficios terapéuticos (relaxa, incrementa o apetito, calma a ansiedade, alivia a dor e evádeche da realidade) e mesmo pode combater a covid-19 ou polo menos minimizar a súa sintomatoloxía”.

Dano pulmonar

Neste contexto, os investigadores do Grupo Ibero Ciência sinalan como “vistas e analizadas certas noticias ou ‘fake news’ que apareceron principalmente en Internet e as redes sociais relacionadas co cannabis e a covid, vémonos na obrigación moral e científica de combater estas mentiras e contribuír a que a cidadanía dispoña de información veraz, fiable e apoiada pola evidencia científica”. Con este obxectivo, explica Manuel Isorna, “fixemos unha revisión bibliográfica dos todos os estudos publicados na materia, e que poderían estar a favor ou en contra, e toda a evidencia científica que atopamos é totalmente contraria: non é recomendable fumar ningún tipo de substancia e moitísimo menos cannabis”. Así, nas conclusións do artigo indícase que “tendo en conta a información dispoñible, é pertinente advertir que as persoas que fuman cannabis e os usuarios que vaporean os seus derivados, terán riscos maiores na pandemia por Covid-19, riscos que se suman aos numerosos xa coñecidos do consumo do cannabis”.

O investigador do Grupo PS1 da Universidade de Vigo detalla como, ademais dos trastornos psiquiátricos que acaba creando o seu consumo, “o que fan normalmente tanto o cannabis como os compoñentes do tabaco é debilitar en todos os sentidos o pulmón, que é onde ataca a Covid-19”. Ademais, engade Manuel Isorna, o cannabis é unha droga que “o 80 ou 90% consume por vía fumada”, lembrando o aumento das probabilidades de contaxio polo fume ou mesmo por compartir o porro ou cachimba. Así, o artigo publicado indica como do mesmo xeito que acontece co consumo de tabaco, o consumo de cannabis pode provocar efectos a longo prazo de aumento da tose, a produción de esputo e as sibilancias, xunto con enfermidades das vías respiratorias como a bronquite crónica e a diminución da función pulmonar. “Evitar fumar cannabis e vaporear concentrados de THC e CBD é particularmente relevante para a saúde pulmonar á sombra da covid-19. Estes métodos de administración poden diminuír a eficacia do sistema respiratorio para responder á infección e, polo tanto, aumentar o risco de progresión rápida a hipoxemia”, recollen os expertos do Grupo Ibero Ciência.

No traballo tamén participaron Francisco Pascual Pastor, presidente de Socidrogalcohol; Nelson Carvalho, da Unidade Operacional de Intervenção em Comportamentos Aditivos e Dependências do Instituto de Administração da Saúde e Assuntos Sociais de Madeira, en Portugal; Félix Carvalho, do Laboratório de Toxicología da Universidade do Porto, e Francisco Arias, do Programa de Alcohol y Patología Dual do Hospital 12 de Octubre de Madrid.


Referencia: Cannabis terapéutico y covid-19: entre el oportunismo y la infoxicación (Publicado en Adicciones).


Podes ler a información do Duvi nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.