As probas de antíxenos (á dereita, modelo que se está usando en Galicia) incrementarán a capacidade de detección de casos de Covid-19.
As probas de antíxenos (á dereita, modelo que se está usando en Galicia) incrementarán a capacidade de detección de casos de Covid-19.

Así son os tests de antíxenos, a outra ferramenta de diagnóstico da Covid-19

Esta análise rápida pode complementar as probas de detección de anticorpos e aumentar a capacidade de diagnóstico fronte ás PCR

Desde o comezo da pandemia da Covid-19, moitas persoas aprenderon, canto menos no trazo groso, as principais probas existentes para detectar a infección causada polo SARS-CoV-2 no organismo. Falouse, sobre todo, da proba PCR (reacción en cadea da polimerasa), coa que é posible detectar o material xenético do virus, normalmente nunha mostra recollida na cavidade nasal ou farínxea da persoa á que se lle fai a análise. E tamén da proba de anticorpos, que se pode facer mediante un test rápido ou con técnicas de laboratorio máis precisas, e que é capaz de atopar os compostos cos que o organismo se defende fronte ao novo coronavirus e, por tanto, deste xeito, dá constancia, ou non, da infección. Nos últimos días estase a falar moito das probas de antíxenos, toda vez que algunhas comunidades autónomas, como Galicia, comezaron a usalos como ferramenta de diagnóstico, e despois de que o Ministerio de Sanidad incluíse esta semana este tipo de tests como ferramenta de diagnóstico e cribado en determinados espazos.

Que detectan as probas de antíxenos?

Os antíxenos son, en definición, as substancias ‘estrañas’ que desencadean a reacción dos anticorpos nun organismo como mecanismo de defensa. No caso do SARS-CoV-2, os antíxenos son as proteínas que forman parte da envoltura do virus, e que este utiliza para introducirse nas células e replicarse. Son precisamente estas estruturas ás que se adhiren os anticorpos para tratar de frear o avance da infección.

Que vantaxes teñen?

Como os tests de anticorpos, poden realizarse de forma moi rápida (15-20 minutos), aínda que se require, por agora, da participación de persoal con coñecementos sanitarios, xa que é preciso tomar unha mostra na cavidade nasofarínxea que debe facerse correctamente. Tamén se utilizan técnicas de cromatografía, é dicir, introdúcese a mostra no dispositivo, semellante ao do test de anticorpos, e agárdase a que se produza a reacción química que determina o resultado. Cada modelo que hai no mercado ten as súas particularidades, pero este é o seu funcionamento xeral.

En Galicia estanse usando os modelos Panbio, da compañía Abbott. A propia compañía amosa nun vídeo promocional como funcionan estas probas.

Segundo explica no seu blog Ignacio López-Goñi, catedrático de Microbioloxía da Universidad de Navarra, os tests de antíxenos teñen unha especificidade semellante á da proba PCR, o que supón que apenas reporta falsos positivos. Pero ademais, resultan máis baratos, non requiren de persoal de laboratorio e, por tanto, permiten liberar de parte da carga de traballo a estes equipos.

Esquema da capacidade de detección das probas diagnósticas do SARS-CoV-2. Fonte: Vicente Soriano/The Conversation.
Esquema da capacidade de detección das probas diagnósticas do SARS-CoV-2. Fonte: Vicente Soriano/The Conversation.

Porén, a principal xanela que se abre é a capacidade de cortar a cadea de transmisión na fase presintomática da infección. Mentres que os anticorpos tardan máis en aparecer negativo, e por tanto poden haber tests que dean negativo pese a que a infección xa está en marcha, as probas de antíxenos poden constatar a presenza do virus mesmo antes de que se xere a resposta inmune que detectan os tests serolóxicos. Tendo en conta que un dos principais riscos do SARS-CoV-2 é a súa capacidade de transmitirse a través de presintomáticos e asintomáticos, estes tests poden ser moi relevantes.

Deste xeito, tal e como expón o Ministerio de Sanidad, as probas de antíxenos “permitirán facer fronte ao previsible aumento nos vindeiros meses das necesidades diagnósticas polo aumento de infeccións respiratorias como a gripe e, á súa vez, poder dar unha mellor resposta en contornas específicas como os centros educativos”.

E que inconvenientes teñen?

A sensibilidade é menor cá da PCR, o que significa que ten unha maior probabilidade de ofrecer falsos negativos. Por agora, e á espera de modelos de tests de antíxenos máis precisos, fan falta bastantes copias de proteínas do virus para que a proba dea positivo.

Con todo, destaca o investigador Vicente Soriano nun artigo en The Conversation, esta baixa sensibilidade pode converterse tamén nunha vantaxe nalgunhas circunstancias: “Diagnostica mellor o período de ‘contaxiosidade’, que hoxe sabemos que non vai alén dos 7-10 días despois do inicio de síntomas; a PCR pode confundir dado que pode dar positividade durante varias semanas tras resolverse os síntomas, cando o paciente xa non é contaxioso”, ao detectar restos do SARS-CoV-2 que fican no organismo.

En que circunstancias se usarán?

Como adoitan insistir os expertos en Microbioloxía, non hai tanto tipos de tests bos ou malos (sempre que cumpran cuns mínimos criterios, que se avalían antes de comezar a usalos na poboación), senón unhas ou outras circunstancias nas que o seu uso se aconsella ou non. Por agora, o Ministerio de Sanidad apuntan a priorizar os tests de antíxenos “ás persoas con síntomas, e aquelas dirixidas ao estudo de brotes en ámbitos estratéxicos e en determinadas contornas como centros sanitarios e sociosanitarios ou educativos”. Por agora non hai evidencia de que sexan efectivos para cribados masivos na poboación xeral.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.