Martes 19 Marzo 2024

O vídeo do suposto peixe de Louro apunta cara a unha montaxe

Varias fontes consultadas coinciden en que varios aspectos das imaxes e a dificultade para identificar a especie fan dubidar da veracidade

(En ampliación) Son apenas 15 segundos de vídeo que, aínda que se vexan bastantes veces, manteñen as dúbidas: un barco navega preto do solpor polas augas próximas ao Monte Louro, en Muros, co sol a piques de agocharse detrás do cumio. Só se escoita o ruído das ondas, aínda que o mar está bastante calmo, cando algo emerxe da auga. Un peixe (isto parece unha das poucas cousas claras porque a súa aleta caudal é vertical) de grandes dimensións, no que se distingue unha especie de antena na parte dianteira, sitúase a pouco máis dun metro da embarcación e amosa durante uns segundos unha forma bastante estraña, que non parece corresponderse con ningunha especie coñecida. Así como aparece, o xa chamado, con sorna, “monstro de Louro” mergúllase na auga.

O vídeo, de baixa calidade, compartiuno no seu perfil de Facebook Modesto Segade, de Porto do Son, co que GCiencia intentou poñerse en contacto, ata o momento sen éxito. “Hai unhas semanas gravei isto, non sei que será, alguén me pode axudar?”, escribe Modesto, aínda que non se pode confirmar que sexa el o autor das imaxes, de ser reais. A gravación, publicada o pasado luns 8 de abril, acumula máis de 9.000 reproducións e decenas de comentarios, onde se abre xa o debate que aínda non conseguiron resolver nin científicos nin expertos en edición audiovisual. É unha montaxe ben feita, ou realmente estamos ante un peixe dunha especie moi pouco habitual nas augas da costa galega?

Publicidade

“É bastante estraño“, coinciden en sinalar expertos como Manuel E. Garci ou Álvaro Roura, do CSIC, Alfredo López, da CEMMA. A baixa calidade do vídeo tampouco axuda. ” Nese vídeo eu só vexo que hai algo flotando na auga, pero con esas imaxes non poido decir máis nada”, engade Fran Ramil, profesor de Zooloxía da Universidade de Vigo.

Un ‘fake’ moi ben feito?

Xaime Beiro, submarinista e realizador audiovisual especializado en fauna submarina, e veciño de Louro, confirma sen dúbidas que o lugar se corresponde co litoral da zona. Non en tanto, ten as súas reservas por varias razóns. “Persoalmente creo que a un 90% por cento é ‘fake’, pero se fose así, está moi, moi ben feito, co 3D moi ben integrado”, apunta.

Explica Beiro que “a calidade do vídeo non é a mellor, pero dáme a sensación de que a auga non ‘reacciona’ aos movementos do peixe”, aínda que apunta que pola calidade do vídeo non se poden extraer máis conclusións neste sentido. Así, noutros fotogramas ampliados dá a impresión que a aleta caudal parece desprazar a auga.

Non en tanto, as perturbacións que se perciben na auga parecen ser moi febles para un peixe deste tamaño, segundo outras fontes. Ademais, cara a parte final do vídeo, o suposto peixe esváecese a gran velocidade, coa sensación de que desaparece demasiado rápido e sen axitar apenas a superficie.

Outro dos motivos que levan ao submarinista a pensar que se trata dunha montaxe é a aparente tranquilidade de quen o gravou, “estaría soltando berros” como acontece noutras ocasións; “é raro que só se escoite o son de ambiente sen a reacción do mariñeiro”. Nisto coincide Álvaro Roura, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo: “Se vexo un peixe dese tamaño o berro que pego escoitaríase en Muros”, bromea.

Neste sentido, un novo vídeo, semellante ao primeiro, comezou a difundirse nas últimas horas, sendo compartido tamén polas mesmas redes, o que fai sospeitar de que se trate dalgunha brincadeira coordinada.

Mais outras fontes consultadas, como Alfredo López, cren que se trata dun vídeo real, aínda que dubidan sobre cal é a especie que se ve nas imaxes.

 Que especie pode ser a de Louro?

Mais o debate non é só sobre a veracidade do vídeo, senón sobre a especie da que se trata. Alfredo López e Álvaro Roura apuntan a unha cherna (Polyprion americanus), tamén chamado mero, que pode acadar os dous metros de lonxitude e os 100 quilogramos de peso, polo que se pode corresponder coas dimensións do animal que se ve.

Outra posibilidade é que pertenza á familia dos istiofóridos, coñecidos polos nomes comúns de marlíns, picudos ou peixes vela, e que poden acadar tamén grandes tamaños, segundo explica Manuel E. Garci, tamén investigador do IIM-CSIC e responsable da Unidade de Mostraxe e Imaxe do Medio Mariño, que consultou as diversas posibilidades con Gonzalo Mucientes, tamén biólogo mariño e científico do IIM.

Á esquerda, unha cherna no Aquarium Finisterrae; á esquerda, debuxo de dous istiofóridos. Fonte: Wikicommons.
Á esquerda, unha cherna no Aquarium Finisterrae; á esquerda, debuxo de dous istiofóridos. Fonte: Wikicommons.

É moi probable que pronto se revele o que realmente hai detrás do dubidoso vídeo de Louro. Porén, o debate persiste: ou unha montaxe ben executada, ou un peixe que dará moito que falar.

3 COMENTÁRIOS

  1. Estase dando por feito que é un ser vivo…..eu non dou visto que sexa algo con vida…..por se vale de algo a miña reflexión

  2. É un fake. Vese cando se sumerxe. Se vos fijades non se produce a típica salpicadura cando se sumerxe un obxecto é ás augas superficiais se xuntan chocando e producindo unha salpicadura. Pero moi ben conseguido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Zendal lanza a primeira vacina de tecnoloxía ADN contra a leishmaniose canina

‘Neoleish’ reduce a presenza do parasito en máis dun 90% e mellora os signos clínicos da doenza

Un composto natural reduce o impacto da seca e mellora a produtividade do tomate

Un equipo do CSIC e da UPV descobre como actúa o butanoato de hexenilo, un aroma que emiten estas plantas para resistir ás bacterias

Como usar datos históricos para a conservación de especies: así é a nova metoloxía con pegada galega

A UVigo e o CSIC proban un método en escaravellos coprófagos ibéricos que permite comprender a súa resposta a cambios ambientais
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas