Venres 19 Abril 2024

Un ‘gas da risa’ para reforzar o tratamento a depresión?

Un ensaio clínico en fase 2 realizado nos Estados Unidos constatou que o óxido nitroso, tamén coñecido como ‘gas da risa‘, pode aliviar os síntomas da depresión en casos nos que outros tratamentos non funcionan. Este fluído, usado en diversos contextos como anestésico, analxésico, aditivo alimentario ou droga recreativa, estendería o efecto antidepresivo durante semanas, e con poucas reaccións adversas. O traballo é froito dunha liña de investigación aberta en 2015 polo anestesiólogo Peter Nagele, da Universidade de Chicago, un dos autores do traballo recén pulbicado na revista Science Translational Medicine.

O experimento realizado polos expertos das universidades de Chicago e St Louis observou que nunha soa sesión co óxido nitroso ao 25% podería aliviar rapidamente os síntomas. Os resultados, expoñen os autores, reforzan a evidencia de que os tratamentos non convencionais poden ser unha opción viable para os pacientes cuxa depresión non responde a outros medicamentos antidepresivos.

Publicidade

Nun estudo anterior, o mesmo equipo xa probara os efectos dunha sesión de inhalación dunha hora con óxido nitroso ao 50% en 20 pacientes, e atoparon que levou a unha mellora rápida nos síntomas depresivos do paciente que duraron, polo menos, 24 horas en comparación co grupo de control que recibiu placebo. Porén, varios dos participantes no experimento padeceron efectos adversos, como náuseas, vómitos e dores de cabeza, o que levou a reducir a concentración do gas á metade. Desta vez, os efectos positivos mantivéronse en niveis semellantes, pero as reaccións adversas desapareceron en maior medida.

Ademais, o novo traballo observou, ao realizar avaliacións adicionais durante dúas semanas, que a melloría dos pacientes era prolongada no tempo. “A redución dos efectos adversos foi inesperada e bastante drástica e, ademais, os efectos despois dunha soa administración duraron dúas semanas. Isto nunca se demostrara antes, polo que é un gran achado”, engade Peter Nagele.

Os achados, segundo o equipo autor do artigo, marcan un camiño esperanzador arredor do óxido nitroso no tratamento para persoas con depresión severa que non responden a outros fármacos, como os inhibidores selectivos da recaptación de serotonina, un dos tipos de antidepresivos máis utilizados.

“Cremos que arredor do 15% das persoas que sofren depresión non responden ao tratamento antidepresivo estándar. Estes pacientes poden padecer a enfermidade durante anos, incluso décadas, algo que debilita a súa vida. Non sabemos por que non responden a tratamentos estándar, aínda que sospeitamos que pode haber interrupcións na rede cerebral diferentes ás dos pacientes que reaccionen ante os mesmos fármacos. Identificar novos tratamentos, como o óxido nitroso, que se dirixen a vías alternativas, é moi importante para tratar a estas persas”, di Charles Conway, outro dos autores da investigación.

A historia do ‘gas da risa’

Ao contrario do que semella, o ‘gas da risa’ non funciona como tal nos pacientes. “Non se ‘colocan’ ou se poñen eufóricos; máis ben quedan sedados”, explica Peter Nagele. Esta crenza ten a súa orixe a finais do século XVIII no Reino Unido, cando despois do seu descubrimento por parte de Joseph Priestley comezou a estenderse por eventos sociais cun uso lúdico. Xa no século XIX, o dentista estadounidense Horace Wells descubriu as propiedades sedantes e deu paso ao seu uso como anestésico. Nas últimas décadas o seu uso recreativo popularizouse, chegando a causar mortes ao mesturalo con outras substancias.

O tamaño da mostraxe é por agora pequeno, pero os investigadores confían en estender o seu uso en ensaios dun maior número de pacientes. “Apenas son estudos piloto, pero precisamos a aceptación da comunidade médica para que isto poida estar dispoñible na práctica clínica. A maioría dos psiquiatras aínda non están familiarizados co óxido nitroso ou como administralo, polo que teremos que amosar como facelo de forma segura e eficaz“, resume Nagele.

O anestesiólogo estadounidense conclúe que “hai unha gran necesidade aínda non satisfeita, millóns de persoas deprimidas que non teñen boas opcións de tratamento, especialmente aqueles que están lidando con tendencias suicidas. Se desenvolvemos tratamentos rápidos e efectivos que poidan axudar a alguén, sería algo moi gratificante. Porén, como é lóxico, advirten: nada de probar o ‘gas da risa’ por libre, pois existen moitos riscos derivados do seu uso sen control.


Referencia: A phase 2 trial of inhaled nitrous oxide for treatment-resistant major depression (Publicado en Science Traslational Medicine).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Confirmado: hai unha estreita relación entre a microbiota e a deterioración da saúde mental

Un estudo realizado en Corea do Sur estimou unha probabilidade 1,4 veces maior de padecer depresión se mediaba unha dieta xenerosa en ultraprocesados

Demostrada a eficacia dun novo fármaco contra o cancro de colon

Os investigadores desenvolveron un medicamento dirixido contra a proteína CD98hc, unha nova diana terapéutica presente na superficie das células tumorais