Un estudo realizado na illa de Xava, en Indonesia, demostrou que o uso da bacteria Wolbachia pipiensis sobre o vector do virus do dengue, o mosquito Aedes aegypti, reduciu a transmisión da doenza nun 77% e os casos que requiren tratamento no hospital nun 86%.
O destacable é o achegamento para reducir a incidencia dunha enfermidade endémica de zonas tropicais, e que segue causando cada ano arredor de 50 millóns de casos e 25.000 mortes: a bacteria utilizada adoita atoparse naturalmente no 60% das especies de insectos, e cando se introduce no A. aegypti, transmítese de xeración en xeración. E o que podería parecer algo dañino, ten repercusións moi positivas en poboacións humanas: nos mosquitos que portan a W. pipiensis, o virus do dengue ralentiza a súa reprodución, o que impide en boa medida que unha picadura a unha persoa supoña a transmisión do virus. A bacteria Wolbachia tamén amosou resultados esperanzadores noutras enfermidades como a febre amarela, o zika ou o chikungunya.
Para o ensaio elixírose ao chou 12 áreas da cidade de Yogyakarta, nas que se introduciron mosquitos portadores da bacteria, mentres que outras 12 se mantiveron como control. Nas 24 áreas seguíronse realizando traballos rutinarios de control do dengue. Recrutáronse máis de 8.144 participantes que asistiron a centros de atención primaria con febre aguda. E os resultados observaron que nas zonas onde se introducira a bacteria, o dengue estaba presente no 2,3% das persoas estudadas (67 de 2905) mentres que na outra área esta cifra subía ao 9,4% (218 de 3.401). As análises tamén amosaron que as cifras de hospitalización por dengue confirmado virolóxicamente tamén foron menores entre os participantes que vivían nas áreas de introdución da Wolbachia (13 de 2.905 participantes, é dicir, 0,4%) fronte ao grupo de control (102 de 3.401, o 3%).
Máis de tres anos despois da liberación dos mosquitos, a bacteria segue presente en altos niveis na poboación local destes insectos. Despois do ensaio, ampliouse a súa liberación ao resto da cidade e a área metropolitana, nunha área de máis de 2,5 millóns de persoas.
Un dos investigadores principais do proxecto, Adi Utarini, da Universidade Gadjah Mada de Indonesia, expuso: “É un grande éxito para a xente de Yogyakarta; Indonesia ten máis de 7 millóns de casos de dengue cada ano, e o éxito deste ensaio permítenos expandir o noso traballo en toda a área de Yogyakarta. Cremos nun futuro no que os habitantes das cidades de Indonesia poidan vivir libres do dengue”.
Outro dos autores principais, o científico Cameron Simmons da Universidade de Monash (Australia), dixo: “O resultado deste ensaio amosa o impacto significativo que pode ter este método na redución do dengue nas poboacións urbanas: unha nova clase de produto segura, duradeira e eficaz para o control da enfermidade”.
Pola súa parte, o profesor Nicholas Jewell, experto en bioestatística e epidemioloxía da Escola de Hixiene e Medicina Tropical de Londres, encargado da análise dos datos, avanza que o ensaio “proporciona unha plantilla para o deseño de estudos semellantes destinados a reducir as enfermidades impulsadas por vectores, marcando o camiño para novos avances”. Neste sentido, existen experiencias de éxito, como a de Queensland, no nordeste de Australia, onde se conseguiu practicamente erradicar o dengue grazas ao ensaio coa bacteria Wolbachia mediante o Programa Mundial de Mosquitos.
Este enfoque para conter o dengue é, por tanto, unha prometedora vía de traballo para frear a enfermidade vírica transmitida por mosquitos que máis impacto causa no planeta. O dengue é asintomático para parte dos afectados, pero noutros casos amosa síntomas semellantes aos da gripe e, en ocasións, pode desembocar en hemorraxias, insuficiencia orgánica e morte. Por agora non existe un tratamento común, e a vacina Dengvaxia, que se usa nalgúns casos, ten importantes limitacións: só se pode administrar a persoas que previamente estiveran expostas ao virus, xa que pode desencadear unha forma severa da enfermidade en persoas que nunha o padeceran.
Referencia: Efficacy of Wolbachia-Infected Mosquito Deployments for the Control of Dengue (Publicado en The New England Journal of Medicine).