Este mércores chega o Equilux, o pórtico da primavera

O intre no que se igualan día e noite non coincide co equinoccio que marcará o vindeiro sábado o comezo da nova estación

Este sábado 20 de marzo, ás 10 horas, 37 minutos e 23 segundos, chega a primavera ao hemisferio norte. Será o equinoccio, que marca o inicio da devandita estación. Uns días máis tarde, o vindeiro domingo 28 de marzo, chega outro cambio importante: ás 2.00 horas, os reloxos adiantaranse ás 3.00, co conseguinte aumento súbito de horas de luz na parte final de cada día. A estación concluirá co solsticio de verán, o 21 de xuño.

Dende o solsticio de inverno os días van gañando tempo de luz. É algo que, no mes de marzo e abril, preto do equinoccio (o 20 de marzo este 2021), percibimos de xeito moi notable. E non é para menos: ao longo do mes de marzo gañamos arredor dunha hora e media de luz en total.

Publicidade

Deste xeito, por exemplo, en Compostela houbo  o día 1 de marzo 11 horas e 14 minutos de luz, pero rematará o mes con 12 horas e 42 minutos de luz previstas para o 1 de abril.

A web de Meteogalicia amosa 11h59m a duración media do día neste 17 de marzo.

Pero o día que ten exactamente as mesmas horas de noite que de luz non coincide co propio equinoccio. Ese día ten nome: é o Equilux, e chegará a Galicia este mércores 17 de marzo, tres días antes do comezo da primavera.

Publicidade

Por que acontece isto? Temos que ter en conta que o Sol non é un punto no ceo, senón un disco. Se consideramos que o Sol se pon cando o seu centro cae por baixo do horizonte, sería precisamente o día do equinoccio cando as horas do día e a noite serían iguais. Pero ese espazo entre o centro e o límite do disco provoca que haxa un tempo máis de luz tanto cando sae pola mañá, como cando se oculta pola noite. Dese xeito, o día no que hai 12 horas de luz e de escuridade é uns días antes do equinoccio de primavera e uns días despois do equinoccio de outono.

Para rematar, poderíamos discutir que é exactamente o horizonte. E ter en conta tamén o feito de que a propia atmosfera da Terra tamén inflúe na visión da luz, por efecto da súa refracción. Pero todo isto non afecta á base do que aquí falamos: o Equilux. Que chegará este mércores, 17 de marzo a Galicia. Aproximadamente co mesmo tempo de luz e de noite.

Nesta ligazón de Meteogalicia podes comprobar cando é o solpor e o orto na túa localidade. E comprobar que día se igualan… O Equilux

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Benvida ás candorcas

Hai dúas normas principais: non atacar e conservar a estes cetáceos son medidas fundamentais para mellorar a súa supervivencia. Por Andrea Veiga

Cóntame que leva a túa perovskita, e direiche como contamina: alternativas para materiais emerxentes

O grupo de Inmunoloxía do CINBIO leva anos estudando a toxicidade na escala 'nano' co obxectivo de establecer un emprego seguro

Activada a alerta vermella por calor no interior de Pontevedra durante o venres

A Xunta acende o aviso laranxa por altas temperaturas no noroeste da Coruña e na montaña de Ourense e o amarelo na montaña de Lugo e en Valdeorras

Un novo bólido sorprende en Galicia: como identificar este tipo de fenómeno astronómico

O CSIC confirma que o meteoro se puido observar dende diversos enclaves distribuídos por Ourense, O Porriño, Arteixo e Vigo