Durmir a sesta consolida a aprendizaxe dos bebés

Media hora de sono axuda aos menores dun ano a asentar os coñecementos. Experimentos levados a cabo en Alemaña revelan que os nenos que gozan deste pequeno descanso non só reteñen mellor a información, senón que a recordan 24 horas máis tarde.
Os bebés humanos pasan unha gran parte do seu tempo durmindo. O sono é fundamental para o desenvolvemento físico e mental do neno; non obstante, pouco se sabe sobre as súas funcións específicas no primeiro ano de vida. Segundo un artigo publicado na revista Proceedings of National Academy of Science (PNAS), durmir a sesta é clave para fixar o que aprenden os bebés.
“O sono mellora a consolidación da memoria declarativa -encargada de evocar conscientemente datos e recordos- en nenos de entre seis e doce meses”, explica á axencia Sinc Sabine Seehagen, investigadora en psicoloxía infantil e xuvenil da Universidade Ruhr de Bochum (Alemaña) e autora principal do estudo.

Os bebés necesitan durmir tras aprender información novidosa

Os nenos participantes nos experimentos do equipo de investigación tiveron que repetir certas accións con monicreques catro horas despois de aprendelas por primeira vez. Aqueles que durmiron durante polo menos media hora nese intervalo obtiveron mellores resultados e, ademais, seguiron retendo a información 24 horas despois.
Segundo os investigadores, o sono impide que outros acontecementos interfiran na fixación do recordo, pero non só iso, “grazas ao sono ponse en marcha un importante proceso de fortalecemento da memoria“. Para iso, os bebés necesitan durmirse relativamente pronto despois de aprender a información novidosa.
Mentres o neno dorme, codifícanse os recordos e transfírense do hipocampo -parte do cerebro implicado na memoria inmediata- ao neocórtex -área involucrada na memoria a longo prazo-. “É posible que no cerebro dos bebés, o hipocampo teña unha capacidade moi limitada e durmir sexa o seu modo de descargar información no neocórtex antes de esquecela”, engade a investigadora.
Os investigadores aseguran que existe un efecto beneficioso global da sesta durante toda a vida. “Ademais de axudar á consolidación e fortalecemento da memoria, o sono serve para analizar os problemas e encontrar novas solucións” afirma Seehagen.
O artigo está dispoñible neste exemplar da revista PNAS.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Novas claves para entender por que os cerebros dos ‘superanciáns’ non envellecen

Un recente descubrimento engade novos detalles sobre a natureza excepcional dos cerebros dos superdotados sénior

De verdade fomos máis felices en 2016? A ciencia detrás da última tendencia en redes

Os recordos cargados de emoción consolídanse mellor que os neutros, pero co tempo ocorre algo curioso: moitas experiencias negativas perden forza

Por que lembramos algúns momentos e non outros?

Investigadores da Universidade de Boston suxiren que os recordos de momentos cotiáns adquiren máis forza cando se asocian a un feito significativo: algo sorprendente, gratificante ou con carga emocional

Un físico galego recrea as condicións das estrelas dende un laboratorio en Alemaña

Alejandro Laso emprega fontes de raios X para capturar o comportamento dos materiais a unha escala microscópica