A Coruña ocupa o posto número tres no ránking das cidades españolas que máis bocaladas botan ao día, cunha media de 12; os seus habitantes son tamén os que máis linguaxe obscena empregan contra si mesmos. Os cidadáns de Vigo son os que peor falan aos seus compañeiros de traballo, pero tamén os que máis se absteñen de falar mal diante de descoñecidos. Estas son as conclusións do estudo levado a cabo por Preply, unha plataforma online de aprendixaze de idiomas.
Aínda que o español do día a día volveuse menos formal nas últimas décadas, o uso das 'palabrotas' para expresarnos segue sendo un tema que xera controversia. Concretamente, en España o 48,63 % asegura ofenderse fronte ao uso de groserías. O informe analiza as orixes e usos que se fan dos xuramentos en España, e dá resposta a aspectos como os lugares e situacións onde máis groserías se din ou aqueles casos ante os que evitamos falar mal.
Segundo a enquisa realizada, os españois din unha media de nove tacos ao día, unha cifra menor á media doutros países como Estados Unidos (21), Polonia (19), Reino Unido (10) ou Alemaña (10). Pola súa banda, en países como Italia (9) ou Brasil (7), a media é igual ou inferior á de España.
Para determinar que áreas botan máis bocaladas en España, o estudo recolleu con que frecuencia se usan diariamente en diferentes zonas do país. Así, os resultados desprenden que Santa Cruz de Tenerife, Granada e A Coruña-Oleiros-Arteixo son os territorios españois que máis groserías utilizan cada día, cunha media de 16, 13 e 12 diarias. Pola súa banda, As Palmas, Alicante-Elche e Valencia son as zonas que menos tacos empregan, con 5 e 7 tacos.
As quedadas con amigos (31,39 %), estando na casa (31,15 %) ou no coche (16,59 %) son os lugares onde máis xuramentos din os españois, segundo o informe levado a cabo por Preply. Ademais, o estudo analiza cales son as situacións ante as cales os españois se absteñen de dicir palabras malsoantes. Os datos recollidos revelan que a gran maioría de enquisados evitan usar linguaxe obscena fronte aos nenos (68,54 %), seguido de preto por aqueles que prefiren non empregala diante do xefe ou a xefa (68,22 %). En terceiro lugar, os datos desvelan que un 59,89 % dos enquisados evita dicir grosarías fronte a xente maior. Os datos de Preply establecen que os amigos (35,11 %), un mesmo (21,68 %) ou as nosas parellas (14,08 %) son os principais instigadores do uso de palabrotas.
Así mesmo, dos resultados despréndese que os homes usan 'palabrotas' con máis frecuencia (10,41 veces ao día) que as mulleres (7,86 veces ao día). Doutra banda, as xeracións máis novas teñen maior tendencia a dicilas: de media, os españois de entre 16 e 24 anos din 11,64 groserías diarias, fronte aos enquisados de máis de 55 anos, que usan 4,25 palabras obscenas ao día.
“Preply é unha plataforma dixital que pon en valor o compoñente humano que hai detrás da aprendizaxe de calquera idioma. Tal e como reflicten os datos do estudo, botar bocaladas é algo común en todo o mundo e é fundamental que, tanto se as toleras como se non, teñamos presente que este tipo de termos forman parte da riqueza do vocabulario dun idioma. Con este estudo queremos recalcar o interese de entender o uso que se lle dan a este tipo de termos e como os empregan os cidadáns en España”, sinalan os expertos de Preply.