O 77% das mulleres maiores de 70 anos ten insuficiencia venosa crónica

A doenza maniféstase coa aparición de edemas e úlceras nos nocellos e nas pernas, que poden mellorar coa cura termal

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, o balneario ourensán de Laias acolle esta fin de semana unhas xornadas centradas na aplicación da balneoterapia para a prevención das secuelas provocadas pola insuficiencia vascular, unha enfermidade que afecta o 70% das mulleres maiores de 70 anos. Un grupo de futuros médicos da Universidade de Santiago, que se están a formar na cura termal, coñecerán as aplicacións das terapias con augas mineromedicinais para abordar este tipo de doenzas.

A coordinadora deste seminario é a doutora Dolores Fernández Marcos. É médico especialista en hidroloxía médica e directora médica de Caldaria, que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias e Lobios. Indica que “a patoloxía venosa crónica ten unha incidencia elevada, sobre todo no sexo feminino”. Isto deriva na aparición de edemas nos nocellos e nas pernas, que non desaparecen co paso do tempo; a pel tórnase escura e seca, e pode abrirse até a aparición de úlceras que non cicatrizan segundo avanza a enfermidade.

Publicidade

A doutora Dolores Fernández Marcos.

A doutora explica que as propiedades das augas mineromedicinais —en especial as sulfurado sódicas, clorurado sódicas e bicarbonatadas cálcicas— melloran o trofismo dos tecidos do organismo e a cicatrización. Ademais, sinala que este tipo de aguas son antisépsicas, o que contribúe ao tratamento destas lesións, xunto coas medidas hixiénico-posturais e nutricionais como medida preventiva nas primeiras fases da enfermidade.

A cura balnearia aplica técnicas que melloran a circulación de retorno como a hidrocinesiterapia —realización de exercicio físico na auga—, pediluvios, duchas circulares e a balneación en xeral; a unha temperatura entre 34ºC e 37ºC. A doutora incide en que “cómpre ter en conta que a pel neste proceso vascular vaise danando e co tempo é unha porta de entrada a xermes que poden prexudicar o enfermo, polo que se debe realizar o tratamento baixo a supervisión de persoal profesional”.

Publicidade

Os futuros facultativos coñecerán os beneficios terapéuticos das aguas

As xornadas comezan o venres ás 16.30 horas cunha sesión teórica centrada nos aspectos xerais da hidroloxía médica e na aplicación dos protocolos terapéuticos nos balnearios, impartida pola doutora Yolanda García, directora médica do balneario do Carballiño. De seguido, os participantes realizarán un percorrido polas instalacións do centro termal. E logo terán unha sesión práctica sobre as diferentes técnicas balnearias, co fisioterapeuta de Laias, Kamil Brzcenziski, que repetirán o sábado pola mañá. Na xornada do sábado, os futuros médicos coñecerán as principais indicacións terapéuticas da balneoterapia para tratar as patoloxías vasculares, da man da doutura Ferrnández Marcos. A xornada rematará cunha sesión práctica no balneario.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli

Unha técnica termal reduce nun 80% as lesións da psoríase e da dermatite atópica

A doutora galega Belén Cabana asegura que un mes de tratamento con peloides termais resulta efectivo para doentes dermatolóxicos

O primeiro telegrama a Mondariz

A vila termal foi pioneira do teléfono e do telégrafo para dar servizo aos seus visitantes ilustres

“Todas as técnicas que usen auga como terapia son recomendables para a lumbalxia”

O reumatólogo Jorge Blanco defende os beneficios do termalismo para as dores de lombo no ciclo "A saúde é o que importa", impulsado pola USC