Investigadores de Pontevedra demostran que Helenio Herrera estaba equivocado

Fronte á clásica sentencia do adestrador Helenio Herrera de que “ao fútbol xógase mellor con dez que con once”, unha expulsión ten uns claros efectos negativos para o equipo que a padece. Concretamente, ve reducido o seu dominio do balón e as súas accións ofensivas ao tempo que o seu rival incrementa nun 14% o tempo de posesión e en idéntica porcentaxe o número de pases curtos que realiza, á vez que reduce o número de faltas e de accións defensivas. Efectos que vén de cuantificar un grupo de investigadores, entre os que figura o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Lago, despois de analizar 75 partidos das principais ligas europeas nos que se tivese producido unha expulsión, co propósito de poñer cifras aos efectos que ten un cartón vermello neste deporte.

gal0

“O noso obxectivo era ver se a expulsión dun xogador ten o impacto que se sospeitaba. Estudaranse xa os seus efectos no rendemento físico dos xogadores e no resultado, no número de goles, pero non nos aspectos técnicos e tácticos, en que aspectos do xogo se modificaban e canto”, salienta Lago do traballo que vén de presentar nun artigo na revista International Journal of Performance and Analysis in Sport, xunto co investigador da Universidad Politécnica de Madrid Miguel Gómez Rúano; Jaime Sampaio, da Universidade de Tras-Os-Montes e Alto Douro, e Adam Owen, investigador vinculado ao Servette FC suízo e ao Centre for Football Research de Xenebra.

Publicidade

Neste artigo, os investigadores empregan un modelo estatístico co propósito de determinar “canto se modifica a probabilidade de gañar ou perder” en base a esa variable, tras analizar un total de 75 partidos das ligas inglesa, española, italiana, francesa e alemá correspondentes á tempada 2015/2016, nos que se tivese producido unha expulsión. O tempo de posesión de balón, o número de lanzamentos a portería, a cantidade de pases, tanto curtos e longos como realizados con éxito, ou o número de faltas e interceptacións do balón foron algunhas das variables de rendemento avaliadas para un estudo que, segundo explica Lago, amosa que “a expulsión reduce entre un 15% e un 20% a probabilidade de gañar dos equipos” que a padecen.

A investigación foi publicada por Journal of Performance and Analysis in Sport

“De forma global, os resultados demostran un descenso no rendemento dos equipos que sofren a expulsión. Dan menos pases, teñen menos a posesión de balón, mentres que o equipo contrario incrementa o seu rendemento dunha forma moi significativa”, apunta Lago dun “aspecto que resulta determinante nun deporte no que, salvo cos grandes equipos, existe unha igualdade bastante importante”.

Publicidade

Nese senso, a análise realizada cifra nun 14% o incremento do tempo de posesión dos conxuntos con superioridade numérica, que vén incrementada tamén nun 6% a porcentaxe de pases completados con éxito e nun 14% o número total de pases. O estudo amosa tamén como os equipos con once xogadores aumentan en preto dun 20% a súa porcentaxe de pases curtos, ao tempo que diminúen os pases longos ao rexistrar unha maior actividade ofensiva. Ao mesmo tempo, os conxuntos con superioridade numérica realizan menos faltas e aumentan o número de lanzamentos á portería, mentres que aqueles que quedan con dez, apunta Lago, “ven como os aspectos relacionados coa parte ofensiva do xogo redúcense enormemente”.

Helenio Herrera.
Helenio Herrera.

Deste xeito, o artigo permite constatar que “esa mítica frase de Helenio Herrera sobre o rendemento no fútbol é falsa, xa que xogar cun menos supón unha clara penalización no xogo”, como salienta Lago, que incide en que esa penalización faise máis acentuada no fútbol actual, “no que a velocidade do xogo é altísima”.

De aí que o investigador poña o acento da importancia de ter en conta na preparación dos equipos estes posibles escenarios de superioridade e inferioridade numérica, “ter preparado un plan de actuación ofensivo e defensivo”. Nese senso, Lago apunta que os equipos que quedan cun home máis sobre o céspede “quizais deberían modificar a súa estratexia, o seu plan de xogo, porque van a ter moitos menos comportamentos defensivos, polo que quizais lles interese facer algún cambio que provoque que o equipo teña maior potencial ofensivo, xa que vai defender menos”, mentres que no lado contrario compre ter en conta, sinala, que os habituais cambios de corte defensivo que se producen trala expulsión, o que van facer é “acentuar aínda máis” esas diferenzas recollidas no artigo respecto da súa actividade ofensiva antes e despois do cartón vermello.

1 comentario

  1. Estou abraiado!. Desperdicio de esforzo, traballo, tempo, cartos, recursos nun estudo que parte dun comentario que está a altura doutros como “o fútbol é así” ou “na cancha son once contra once”. Madia levamos!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Son mellores os futbolistas que aprenderon a xogar “na rúa”?

En futbolistas de máximo nivel constatouse unha traxectoria de aprendizaxe de gran compoñente autodidacta antes da puberdade. Por Rafael Martín Acero da UDC

A Xunta activa a alerta vermella por episodio de calor extrema no interior de Pontevedra

O Goberno galego advirte de que os avisos poderán manterse durante varios días polos posibles efectos adversos para a saúde da poboación

Estatística a punta de balón: así calcula un investigador galego a probabilidade de vitoria no Mundial

A análise sinala que España tiña un 90% de posibilidades de vencer contra Arabia Saudita, e un 85% contra Cabo Verde

A ciencia do fútbol: a física do balón e a bioloxía do céspede tamén xogan o Mundial

A Copa do Mundo da FIFA 2026 é a posta en práctica de toda a investigación e a innovación no deporte sobre o que máis estudos científicos se publican