Un derivado do cannabis pode axudar a superar a adicción á cocaína

Un estudo realizado en ratos de laboratorio expón que unha substancia derivada do cannabis, o cannabidiol, pode axudar a minguar os efectos adictivos da cocaína. O traballo, publicado na revista Neuropharmacology, foi realizado polo grupo de Investigación en Neurobioloxía do Comportamento da universidade Pompeu Fabra de Barcelona.

A cocaína é a segunda droga ilícita máis consumida en Europa e Estados Unidos, precisamente por detrás do cannabis. O seu consumo provoca serios problemas de saúde e adicción, na que os enfermos buscan de xeito compulsivo a droga, a pesar dos seus efectos daniños. Alén das terapias de desintoxicación, non existen tratamentos efectivos, polo que é necesario desenvolver novas estratexias terapéuticas.

Publicidade

A cocaína é a segunda droga ilegal máis consumida en Europa, precisamente por detrás do cannabis

O cannabidiol, unha substancia derivada da planta do cannabis, non ten potencial adictivo, e en traballos previos, os derivados cannabinoides xa amosaran resultados prometedores para o tratamento de trastornos neuropsiquiátricos, incluída a adicción ás drogas.

Neste estudo, os investigadores administraron cannabidiol de forma repetida a ratos aos que se lle induciu adicción á cocaína. Estes ratos, ao presionar unha panca, autoadministrábanse unha dose da droga de forma voluntaria.

Publicidade

“Para determinar se o cannabidiol pode atenuar o reforzo da cocaína, avaliamos as respostas de comportamento inducidas pola droga. E vimos que o cannabidiol reduciu o consumo voluntario de cocaína e os efectos de recompensa e reforzo”, explica Miguel Ángel Luján, primeiro autor do artigo.

Outra das autoras, Olga Valverde, destaca: “O cannabidiol pode modular algunhas manifestacións do reforzo da cocaína. Incrementa a expresión de factores neurotróficos mediante un mecanismo que involucra aos receptores cannabinoides CB1 e promove a proliferación de novas células no hipocampo, área cerebral relacionada coas funcións da memoria”, indica.

“O noso estudo proporciona novas evidencias sobre a posibilidade de utilizar o cannabidiol como unha ferramenta terapéutica. Ademais, permitiunos comprender mellor o papel modulador deste composto nas vías de sinalización subxacentes ao consumo de cocaína”, conclúe a investigadora.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Radiografía do cánnabis en adolescentes galegos: a supervisión familiar disuade o consumo

Un estudo da USC determina que fumar tabaco a diario e encontrarse nun ambiente familiar pouco afectuoso van asociados a un maior risco de consumo de cánnabis entre estudantes

O consumo de cocaína dispárase en Santiago: medra máis dun 65% no último ano

Un informe europeo sitúa a cidade como a terceira con maior presenza da substancia no Estado, acadando o valor máximo dende 2011

Galicia rexistra unha tendencia á baixa no consumo de alcohol e drogas no alumnado de secundaria

A última enquisa do Ministerio de Sanidade detecta un descenso no uso de bebidas alcohólicas e enerxéticas, tabaco, cánnabis e hipnosedantes entre a mocidade galega de entre 14 e 18 anos

Recaer no consumo de cocaína non é falta de vontade: así é como a droga reconfigura o cerebro

Un estudo revela o mecanismo polo que a substancia altera o funcionamento do hipocampo e provoca a compulsión continua por consumila