Leonardo da Vinci segue a asombrarnos coa súa xenialidade cinco séculos máis tarde. E consegue deixar abraiados tamén aos enxeñeiros do prestixioso Massachusetts Institute of Tecnology , o famoso MIT, que analizaron unha ponte deseñada por Da Vinci en 1502. E os resultados son abraiantes.
Deseñado para o Sultán Bayezid II , xefe do Imperio Otomán, a enorme ponte estaba destinada a conectar Istambul e a súa cidade veciña de Galata. Finalmente, o deseño de Da Vinci non se usou, pero o equipo do MIT atopou agora que era estruturalmente sólido, o cal resulta espectacular, porque falamos da que sería a ponte máis longa do mundo nese momento.
“É incriblemente ambicioso”, di a enxeñeira estrutural Karly Bast , do MIT: “Era aproximadamente 10 veces máis longo que as pontes típicas desa época”.
Deseños de Da Vinci empregados no estudo do MIT.
Utilizando a documentación existente e o coñecemento sobre os materiais de construción e os métodos da época, o equipo descubriu que a ponte de 280 metrosde longo podería manterse estable. Os investigadores elaboraron un modelo a escala 1:500 para sometelo a un rigoroso conxunto de probas.
Os 126 bloques creados e impresos en 3D por separado foron xuntados seguindo o deseño do sabio da Toscana. Unha das partes máis impresionantes foi que todo se mantén unido sen ningún de morteiro para conectar os bloques. “Todo se mantén unido por compresión soamente”, di Bast: “Queriamos amosar realmente que todas as forzas están a transferirse dentro da estrutura”.
A ponte foi construída por bloques a escala 1:500 polos enxeñeiros do MIT.
En lugar de seguir a tendencia contemporánea de pontes con arcos de medio punto, Da Vinci optou por un só arco enorme e aplanado. Tiña que ser o alto dabondo como para permitir que os veleiros pasasen por baixo, mantendo a rixidez esencial, especialmente contra os movementos laterais.
Para contrarrestar estes movementos, Da Vinci imaxinou alicerces estendidos a cada lado da ponte, que son estruturas que estabilizan do mesmo xeito que alguén podería estender os pés para evitar balancearse.
O modelo a escala baseouse nun pequeno bosquexo conservado nun dos cadernos de Da Vinci. A investigación vai presentarse na conferencia da Asociación Internacional de Estruturas Espaciais en Barcelona.